Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 17:53
A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública criticou que o nomeamento do novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, "evidencia" que a Xunta "pretende favorecer, aínda máis, os negocios das empresas multinacionais afíns, en lugar da saúde da poboación".
Nunha nota de prensa, a plataforma lamentou que o novo titular de Sanidade chegue da Atención Hospitalaria e non da Atención Primaria, ademais de criticar que "ten fortes lazos e comparte intereses con laboratorios e empresas fabricantes de aparellos tecnolóxicos", especialmente, engadiu, "na área de cancro, foco prioritario de negocio de laboratorios e empresas de alta tecnoloxía sanitaria".
Así, considerou que, con este nomeamento, o Goberno de Alfonso Rueda aposta por "potenciar a estratexia baseada na reparación da enfermidade", en lugar de por "a promoción, prevención rehabilitación e traballo comunitario", así como por "abandonar definitivamente á Atención Primaria e á Saúde Pública". Do mesmo xeito, criticou que existe "un alto risco de que se dediquen fondos europeos tras a covid a realizar compras masivas de aparellos tecnolóxicos", en lugar de "destinalos á recuperación do sistema sanitario público".
Ante isto, a Asociación lanzou unha serie de propostas ao novo conselleiro que pasan por incrementar o persoal de Atención Primaria, abrir novos centros de saúde e PAC, reabrir as áreas sanitarias pechadas e mellorar a dotación dos hospitais comarcais, crear unha rede de saúde pública para mellorar a saúde da poboación e mellorar as condicións laborais do persoal de Atención Primaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.