Continúan os rexistros da Garda Civil na operación en Galicia e Madrid por branqueo de narcotráfico

Fixéronse rexistros fundamentalmente en vivendas, nos municipios de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados, Soutomaior así como en Ferrol e en Madrid

Por E.P. | PONTEVEDRA | 30/04/2024 | Actualizada ás 20:57

Comparte esta noticia

Axentes da Garda Civil continuaron este martes pola tarde os rexistros no marco dunha operación en varios puntos de Galicia e Madrid, baixo a dirección da Audiencia Nacional, por presuntos delitos de branqueo de capitais procedente do narcotráfico, que deixa 15 detidos.

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, un dos rexistros deste martes pola tarde estábase realizando nun estanco de Vilagarcía de Arousa.

Algúns dos detidos son galegos que contan con antecedentes por narcotráfico. Ademais, conseguiuse incautar unha relevante cantidade de diñeiro en metálico nun operativo que se desenvolve en varios puntos de Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra, en colaboración coa DEA e Europol.

Segundo informaron fontes coñecedoras deste operativo, a investigación séguese pola distribución de estupefacientes en varios puntos de España e nela participa o Equipo de Crime Organizado (ECO) da Garda Civil de Pontevedra, dependente da Unidade Central Operativa (UCO).

Así, fixéronse rexistros fundamentalmente en vivendas, nos municipios de Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Cambados, Soutomaior (na zona de Arcade) así como en Ferrol e en Madrid, tal e como confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, en declaracións aos medios durante un acto no Parador de Ferrol.

Entre os puntos de actuación policial, ademais dun domicilio na zona de Barrantes, en Ribadumia, hai unha nave no polígono industrial Sete Pías de Cambados, onde hai presenza tamén de axentes da DEA e de Europol.

Pedro BLanco confirmou que a operación está coordinada desde un Xulgado central de instrución da Audiencia Nacional, e as actuacións policiais deste despregamento, bautizado como Operación Halia, comezaron sobre as 5.30 horas deste martes.

O delegado do Goberno incidiu en que o operativo "aínda non está pechado", e aproveitou para volver felicitar ás forzas e corpos de seguridade, que "o están facendo ben" e están "a loitar abertamente" contra unha "secuela que non é nova". Así, lembrou que nas últimas semanas leváronse a cabo operacións "importantes" contra o tráfico de drogas procedente de Sudamérica e contra as organizacións encargadas da construción de narcolanchas.

Na chamada Operación Halia, segundo puido confirmar Europa Press, interviñéronse diversas cantidades de sustancias estupefacientes, principalmente haxix.

Un coche da Garda Civil durante un rexistro operativo contra unha operación antidroga, no Polígono de Sete Pías, a 30 de abril de 2023, en Barrantes, Ribadumia, Pontevedra, Galicia (España). Unha operación antidroga aberta na provincia de Pontev. Elena Fernández - Europa Press
Un coche da Garda Civil durante un rexistro operativo contra unha operación antidroga, no Polígono de Sete Pías, a 30 de abril de 2023, en Barrantes, Ribadumia, Pontevedra, Galicia (España). Unha operación antidroga aberta na provincia de Pontev. Elena Fernández - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta