Jorge Mira, Paula Cabaleiro e Teresa Nieto entran no Pleno do Consello da Cultura Galega

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2024 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este xoves unha sesión plenaria na que se renovou a parte dos seus membros electivos, coas incorporacións de Jorge Mira, Paula Cabaleiro e Teresa Neto. Ademais, renovou no cargo Xavier Queipo.

Segundo detallan nun comunicado, cesaron no posto por cumprir o máximo tempo permitido (oito anos), Anxo Carracedo, Rebeca Branco-Rotea e Carmen García Mateo. Explican que o Plenario é o máximo órgano de goberno do Consello e os cambios na súa composición teñen lugar en cumprimento da Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e do Decreto 162/2008, do 10 de xullo, que establece o mecanismo de renovación.

Esta foi ademais a primeira sesión plenaria á que asistiu o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a quen a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, entregou a insignia da institución.

Jorge Mira Pérez, natural de Baio, en Zas, naceu en 1968 e é licenciado e doutor europeo en Física. Ten publicados máis de 120 traballos científicos en revistas de rango internacional con diferentes temáticas. Tres destes traballos realizounos en colaboración co Premio Nobel de Química de 2019, John B. Goodenough.

Paula Cabaleiro naceu en Cangas (Pontevedra) en 1986 e é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, ademais de contar cun Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Galego de Arte Contemporánea, así como con outro en Educación da Universidade de Vigo. É xestora cultural e comisaria de exposicións. Foi directora de Cultura da Deputación de Pontevedra (2020-2023).

Por último, Teresa Nito é arquitecta e, desde 1989, funcionaria do Corpo Especial de Arquitectos da Xunta de Galicia, no que desenvolve a súa actividade no ámbito da protección do patrimonio cultural.

Sesión plenaria do Consello da Cultura Galega
Sesión plenaria do Consello da Cultura Galega | Fonte: CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta