Por Europa Press / Redacción | MADRID | 09/05/2024 | Actualizada ás 11:33
O Defensor do Pobo propuxo ao Goberno declarar servizos económicos de interese xeral a retirada de efectivo, a realización de movementos bancarios, así como garantir a existencia dun caixeiro e oficina en núcleos pouco poboados. Así se desprende do informe Retos da inclusión financeira: servizos bancarios e persoas vulnerables que presentou ao Congreso a institución dirixida por Ángel Gabilondo.
O organismo xustifica a adopción destas medidas nas dificultadaes que supoñen para certos colectivos realizar operacións cotiás e necesarias para o desenvolvemento dunha vida normalizada como abrir unha conta corrente, obter diñeiro en efectivo ou realizar unha transferencia. A oficina do Defensor recibiu na última década 3.475 queixas relacionadas con estes temas.
A xuízo da institución Defensor do Pobo, a pesar de que a actividade bancaria é un servizo básico --potenciado polo incremento dos pagos por medios dixitais-- o modelo vixente de atención ao cliente ha de "ser optimizado por presentar lagoas que afectan, sobre todo, aos usuarios máis vulnerables".
Para elaborar as conclusións e recomendacións deste informe, o Defensor do Pobo realizou un diagnóstico desde distintos enfoques --regulación, proxectos lexislativos, iniciativas de autorregulación do sector bancario-- e examinou a operatividade da atención bancaria e o acceso a efectivo, o servizo proporcionado ás persoas con necesidades especiais, as contas de pago básicas, e a situación da formación financeira e para a adaptación dos cambios tecnolóxicos da poboación.
Así, identificou que os sectores da poboación con maior risco de exclusión financeira son as persoas maiores --polas barreiras que afrontan para cobrar a súa pensión en cheque ou en metálico, as comisións asociadas ao mantemento das súas contas, a eliminación dos pagos por caixa en oficinas, a desaparición dos cadernos de aforro, as dificultades para ser atendidos presencialmente e a redución de servizos nalgunhas entidades--; as persoas estranxeiras --polas dificultades para abrir e manter contas bancarias-- e os habitantes do mundo rural e a España baleira -polo imparable peche de sucursais bancarias-.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.