Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2024 | Actualizada ás 18:35
A nova Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) tomou posesión este sábado para o período 2024-2028. Belén Regueira Leal (A Coruña, 1977) convértese na primeira decana en estar á fronte da entidade. No seu discurso de toma de posesión nun hotel en Santiago, Regueira subliñou que "é indispensable que se escoite, ben forte, a voz dos e das profesionais da información". Destaca que este é "un paso máis" nunha entidade creada no ano 2000, á vez que valorou o traballo dos seus predecesores no cargo.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago (USC), Regueira desempeñou gran parte da súa carreira profesional nos medios públicos. Foi reporteira e condutora de espazos informativos nos programas da TVG Bos Días e A Revista. Tamén presentou o musical Chambo e o programa con nenos O País dos Ananos, ademais de dirixir o programa Arrabalde na Radio Galega. Entre 2020 e 2024 foi vicedecana segunda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A nova directiva conta con tres vicedecanos: Sonia María Vizoso Pérez, Marcos Sanluis López e Francisco X. González. Darío Janeiro Pereira repite como secretario e a tesoureira será Eliana Martíns Alvela. Pola súa banda, os vogais serán: Noemí Alonso Rodríguez, Ángela María Casal Fernández, Jaime Conde Guillade, Ana González Liste, Lucía Junquera Pazos, Valeria Pereiras Reza, Xosé Manuel Pereiro Sánchez, Natalia Puga López, Manuel Rey Pan e Mónica Rosas Conde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.