Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2024 | Actualizada ás 14:05
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insistiu este xoves na necesidade de "optimizar" o sistema sanitario galego, para que os profesionais "non traballen máis, que é imposible, senón mellor" e orientalo "aos resultados, non ás listas de espera".
Así o volveu a trasladar na súa primeira visita como responsable autonómico de sanidade ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde mantivo un breve encontro cos responsables sanitarios da área e representantes do persoal.
Tras recalcar que hai que sentirse "orgullosos" do sistema galego de saúde, incidiu en que "chegou o momento de facer un cambio" que inclúa esa optimización, o diálogo "con todo o mundo" e abrir un "debate real e sincero" entre administracións profesionais e pacientes para definir a sanidade pública do futuro.
Así mesmo, subliñou que a "protección e preservación" do sistema "depende da colaboración de todos" e apostou por un modelo baseado na "interacción real" entre Atención Primaria e hospitalaria, que sexa "cariñoso" cos profesionais e "efectivo" cos pacientes, e que integre de modo racional as innovacións tecnolóxicas e farmacolóxicas.
Igualmente, avogou por "prestixiar" a Primaria e aos médicos de familia, potenciar o papel da Enfermaría e da Farmacia, e todo iso afrontando o reto de ter unha poboación dispersa, envellecida e pluripatológica. "Temos un equipo de 40.000 persoas e un orzamento de máis de 5.000 millóns. Non o podemos facer mal", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.