Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 23/05/2024 | Actualizada ás 09:49
Un operario de 24 anos resultou ferido moi grave tras sufrir unha descarga eléctrica esta madrugada, mentres traballaba na vía férrea preto da estación de Redondela. Segundo informou o 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 3,30 horas da madrugada deste xoves e foi un compañeiro do home o que alertou a emerxencias do sucedido.
Ata a zona desprazáronse efectivos da Policía Local e Nacional, así como persoal sanitario do 061. Posteriormente, foron activados tamén os Bombeiros de Porriño, dado que o operario caera desde a plataforma na que traballaba, a uns oito metros de altura, sobre a vía. Os sanitarios practicáronlle RCP con éxito, aínda que foi trasladado ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo en estado moi grave.
Polo momento descoñécese se a descarga produciuse pola manipulación da catenaria ou por outro tipo de elemento da circulación ferroviaria. En canto ao servizo de trens, o persoal de Adif informou ao 112 de que a zona na que se produciu o accidente é de dobre vía, polo que, aínda que unha permaneza cortada, os vehículos avanzarán pola outra.
ATRASOS
Este sinistro provocou atrasos en dous trens media distancia este xoves, segundo fontes de Renfe consultadas por Europa Press. En concreto, foron atrasos nos trens de primeira hora, afectando a dous servizos en 15 e 37 minutos, respectivamente. Renfe tamén confirmou que o AVE Avril con destino a Madrid, que partía sobre as 09.30 horas, si saíu puntual, tras os problemas dos últimos días.
Ademais, outro tren Alvia que partiu esta mañá de Madrid con destino Ferrol tamén se atrasou uns 26 minutos, debido a que perdeu tempo por cruces na circulación con outros convois. Este atraso desvincúlase do ocorrido en Redondela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.