(Gráficos) Así cambiaron as fontes que nos fornecen de enerxía eléctrica tralo apagamento: houbo que tirar de non renovables

Tras a noite máis escura, Galicia acende de novo a luz: o ciclo combinado toma o relevo das renovables nunha recuperación enerxética marcada polo retroceso temporal na transición verde.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/04/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Tralo apagamento que sumiu a toda España e Portugal na escuridade onte luns 28 de abril, Galicia comeza a levantar o pano da longa noite de pedra, como diría Celso Emilio Ferreiro, na que quedou atrapada forzosamente. A restauración da enerxía eléctrica xa é case total en toda a nosa terra, pero a xeración da mesma estase producindo baixo unhas condicións ben distintas ás que se vivían días antes do colapso: se en xornadas previas a produción eléctrica sustentábase maioritariamente en fontes de enerxía renovables, como a solar fotovoltaica ou a hidráulica, aínda que co aporte constante da nuclear; agora, o reinicio da rede depende maioritariamente de enerxías máis tradicionais e contaminantes, como o ciclo combinado. E é que o ciclo combinado --baseado no gas natural-- tivo que asumir o protagonismo nos primeiros pasos a dar para devolver a luz a Galicia, mentres a nuclear, sorprendentemente, nin sequera figura nos gráficos proporcionados en tempo real por Red Eléctrica nas primeiras horas desta recuperación. 

Así evolucionou a enerxía producida por ciclo combinado dende o apagamento
Así evolucionou a enerxía producida por ciclo combinado dende o apagamento | Fonte: Fonte: Red Eléctrica - Montaxe: GC

O ciclo combinado non é unha fonte de enerxía renovable, pois emprega o gas natural --un combustible fósil-- como principal fonte de enerxía, aínda que nalgúns casos tamén pode empregar gasoil ou outros hidrocarburos --tampouco renovables--. E, a pesar da contaminación que conleva toda esa queima de gas para mover as turbinas das centrais, en situacións dramáticas de apagamento é a primeira enerxía á que se adoita botar man, porque pode comezar a producir moi rápido, fronte, por exemplo, a unha central nuclear, que precisa de moito tempo para arrincar de novo. Galicia Confidencial realizou unha exhaustiva análise dos datos proporcionados por Red Eléctrica para analizar como está progresando a recuperación a subministración eléctrica, que fontes de enerxía se están empregando e que implicacións ten isto para un sistema eléctrico que, ata hai un par de días, presumía de avances na transición enerxética. Os resultados son os seguintes:

A CALMA ANTES DA TORMENTA: SOLAR FOTOVOLTAICA COMO RAÍÑA DA ENERXÍA

Ás 12.30 horas do luns 28 de abril a xornada, no que a produción de enerxía se refire, transcorría con total normalidade. Era un luns máis, coa mesma demanda de enerxía que todos os luns e coa mesma oferta, na que primaban as enerxías renovables, polas que todos os países europeos levan apostando dende fai anos. Así, a maior parte da demanda enerxética peninsular --sempre segundo os datos de Red Eléctrica-- cubríase botando man da enerxía solar fotovoltaica (54,86 %). Xa moi de lonxe, as seguintes grandes fornecedoras de electricidade eran a enerxía eólica (10,87 %), a nuclear (10,52 %), a hidráulica (9,86 %) e a solar térmica (4,65 %). Pola súa banda, a enerxía producida por ciclo combinado atopábase relegada a satisfacer unicamente o 3,05 % da demanda existente e, a turbinación por bombeo, un residual 0,09 %. Así, antes da inminente catástrofe, as fontes de enerxía renovables supoñían o 81,48 % da xeración total de enerxía, mentres que as non renovables supoñían o 18,52 %.

Estes datos son os habituais, tal e como podemos comprobar se nos remontamos días atrás no tempo. Por exemplo, ás 12.30 horas do sábado 26 de abril a maior parte da demanda eléctrica estaba sendo sustentada tamén pola enerxía solar fotovoltaica (48,73 %), seguida da eólica (15,65 %), da nuclear (11,2 %), da hidráulica (9,07 %) e da solar térmica (4,77 %). Deste xeito, a enerxía derivada do ciclo combinado estaba no 4,52 % e a xerada por turbinación por bombeo no 0,1 %. As renovables supoñían, polo tanto, o 79,43 % da produción de electricidade peninsular, mentres que as non renovables quedaban no 20,57 %.

Así evolucionaron  as diferentes fontes de enerxía despois do apagamento
Así evolucionaron as diferentes fontes de enerxía despois do apagamento | Fonte: Fonte: Red Eléctrica - Montaxe: GC

CHEGA O APAGAMENTO: ACTÍVASE O CICLO COMBINADO COMO RESPOSTA RÁPIDA

Foi ás 12.33 horas do luns cando se produciu o apagamento que nos levou ao cero absoluto. Todo deixou de funcionar. En palabras do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "en 5 segundos perdéronse 15 xigavatios hora (GWh), é dicir, o equivalente ao 60 % da demanda de enerxía eléctrica do país nese intre". A reacción? Poñer en funcionamento as centrais que máis doadamente arrincan e que máis rapidamente poden producir enerxía eléctrica para poder restaurar a rede. A consecuencia? De producir máis dun 80 % da enerxía a través de fontes renovables, a producir a meirande parte a través de fontes non renovables, co ciclo combinado á cabeza.

Así, ás 00.00 horas do martes 29 de abril, cando comezaba o novo día e Galicia estaba aínda sumida na escuridade máis absoluta na gran maioría do seu territorio, case 12 horas despois do apagamento, a produción de enerxía eléctrica estaba producíndose nos seguintes termos: o ciclo combinado representaba a maior parte da produción (31,73 %), seguido da enerxía hidráulica (27,55 %), a solar fotovoltaica (relegada do primeiro posto ao terceiro cun 10,91 %), a eólica (8,86 %) e a turbinación por bombeo (que pasou de ser residual a representar o 8,22 % da xeración de enerxía eléctrica). Neses momentos as renovables aínda representaban o 60,85 % da xeración de enerxía, subindo as non renovables ata o 39,15 %. A enerxía nuclear, ademais, desaparecera da ecuación, pois as centrais deixaron de funcionar e non era doado nin rápido proceder á súa reactivación.

Se seguimos avanzando no tempo, ata as 03.00 horas da madrugada do martes 29 de abril, case 15 horas despois do apagamento e con gran parte de Galicia aínda sen luz, vemos que o ciclo combinado gañaba aínda máis protagonismo. Así, a enerxía eléctrica neses intres estaba a ser xerada na súa maior parte por ese sistema de ciclo combinado (42,51 %), seguido pola enerxía hidráulica (32,96 %), a eólica (8,24 %), a turbinación por bombeo (5,67 %) e a solar fotovoltaica (que seguía caendo, ata subministrar unicamente o 3,3 % da enerxía). A nuclear seguía desaparecida. Así as cousas, a enerxía xerada a partir de fontes renovables caera xa ao 51,11 % e a xerada por non renovables ascendera ata o 48,89 %.

Chegaron as 07.00 horas da mañá e case a totalidade de Galicia recuperaba a luz, case 19 horas despois do apagamento. O ciclo combinado seguía subministrando a maior parte da enerxía á rede eléctrica peninsular (46,45 %), seguido pola hidráulica (30,68 %), a eólica (10,43 %), a turbinación por bombeo (3,45 %) e a solar fotovoltaica (caendo ata o 2,69 %). Igual que nas horas anteriores, a enerxía nuclear nin estaba nin se lle agardaba cedo. Así, as fontes de enerxía renovables caían ata supoñer o 48,44 % da xeración eléctrica, mentres que as non renovables aportaban o 51,66 %.

Ás 08.45 horas produciuse o pico da produción, coas seguintes fontes de enerxía subministrando: ciclo combinado (39,45 %), hidráulica (27,39 %), eólica (12,31 %), solar fotovoltaica (xa subira ata o 10,95 %) e turbinación por bombeo (4,28 %), aínda sen visos de recuperar a nuclear. Así, as fontes de enerxía renovable subministraban o 55,29 % da enerxía eléctrica precisa, mentres que as non renovables aportaban o 44,71 %. Seguidamente, ás 10.00 horas xa baixara moito a produción por ciclo combinado, grazas ao repunte da solar fotovoltaica, o que facía atisbar o retorno á normalidade. De maneira que na mañá deste martes 29 de abril a produción era a seguinte: ciclo combinado (27,56 %), solar fotovoltaica (24,79 %), hidráulica (20 %), eólica (14,61 %) e turbinación por bombeo (3,22 %), aínda sen enerxía nuclear. As renovables situábanse así no 66,19 % da produción e as non renovables caían ao 33,81 %.

24 HORAS DESPOIS: RETORNO PROGRESIVO Á NORMALIDADE

Xa pasadas 24 horas dende o momento do apagamento, ás 12.30 horas deste martes 29 de abril, as cousas na rede eléctrica ían voltando á normalidade no que a fontes de subministración se refire. E é que o ciclo combinado, aínda que moito máis presente que en días anteriores, ía caendo progresivamente, mentres que a solar fotovoltaica volvíase impoñer como primeira fonte subministradora de enerxía para a rede eléctrica peninsular --sempre segundo os datos de Rede Eléctrica--. Deste xeito, a maior parte da demanda satisfacíase xa neste mediodía pola solar fotovoltaica (32,95 %), aínda seguida de preto polo ciclo combinado (23,68 %) e pola hidráulica (21,13 %), e, xa máis lonxe, pola eólica (13,09 %) e a enerxía procedente da coxeración de residuos (3,55 %). Iso si, nin rastro aínda da enerxía nuclear. Así, as enerxías renovables volvían recuperar o mando, aportando o 71,36 % da enerxía total á rede eléctrica peninsular, mentres que as non renovables caían xa ata o 28,64 %. 

Unha lámpada no escaparate dunha tenda de lámpadas
Unha lámpada no escaparate dunha tenda de lámpadas | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta