O sector farmacéutico en Galicia: aumentar o I+D pero con productos que veñen de fóra e sedes en Madrid

A industria farmacéutica galega está composta por empresas implantadas no noso territorio desde onde operan cara os circuítos comerciais, outras nacidas en territorio galego trasladaron a súa sede principal a lugares como Madrid deixando algunhas seccións no país. Por outra parte, anunciouse a creación de novos laboratorios, un deles en Monforte. Mais a cuestión é se o sector supón a día de hoxe un activo con peso dabondo na economía galega.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 18/06/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A fabricación de medicamentos é unha industria estratéxica para o Estado pola necesidade de crear solucións farmacolóxicas para doenzas, pola cantidade de I+D empregado nela e por ser un dos sectores con maior volume de exportación, en 2021 as exportacións farmacéuticas españolas supuñan máis de 17.000 millóns de euros, segundo Farma Industria. Un ano despois, Galicia exportara produtos farmacéuticos por un valor superior aos 300 millóns de euros, fronte aos case corenta millóns en importacións. A industria farmacéutica galega tivo un peso en 2022 correspondente ao 16% do total dentro das exportacións galegas nese período, tal como reflicte o IGE dese ano.

Porcentaxe das exportacións Galicia
Porcentaxe das exportacións Galicia | Fonte: IGE

UNHA BREVE VISIÓN
A industria farmacéutica galega ten xa tradición, aínda que a día de hoxe a súa presenza e peso “non é tan importante como noutras comunidades autónomas por iso dicimos que nos gustaría ver unha maior instalación de empresas en Galicia” di Ramón Sáez, presidente do Colexio de Farmacéuticos da Coruña. “Con todo, as que hai son destacables en fabricación de produtos para saúde humana, aínda que tamén existe un sector para a veterinaria”.

Desde GalChimia, unha CRO (Contract Research Organization), analizan a situación como un momento de “inicio” ou “lanzamento” para a industria en xeral dentro de Galicia. “Levamos anos traballando para xerar un ecosistema de excelencia no ámbito farmacéutico, formado por empresas e organismos de investigación dentro da comunidade. O caldo de cultivo para producir fármacos 'made in Galicia' xa está ahí, agora toca consolidar a cadea de valor”.

O Grupo Zendal, con sede no Porriño, sinala que “o sector farmacéutico é un sector estratéxico que, dentro do conxunto estatal, chega ao 3% do PIB segundo datos de 2023 e isto vai en aumento”. Por outra banda, a partir da pandemia de COVID-19 descubriuse como “a política de desindustrialización levada adiante durante as últimas décadas en Europa deixou á vista como as nosas capacidades produtivas minguaran moito, especialmente nun ámbito clave como é o biosanitario”.

INVESTIMENTOS EN INVESTIGACIÓN
GalChimia
comezou a súa actividade en 2001 como unha iniciativa de emprendemento universitario. “A idea era crear un laboratorio de investigación química con capital galego para dar saída ao potencial e talento investigador das universidades galegas”. Todo isto a pesar de que boa parte da industria farmacéutica española “está localizada en Cataluña”, mais a empresa sinala que “aquí existe unha investigación de primeiro nivel en diversas áreas científicas, entre elas a química orgánica, polo que vimos unha oportunidade”.

Arquivo - Investigador do CSIC no laboratorio. CSIC - Arquivo
Arquivo - Investigador do CSIC no laboratorio. CSIC - Arquivo

Pola súa banda, o Grupo Zenzal centra o seu traballo en biotecnoloxía e vacinas mais “tamén temos outras liñas de traballo de grande interese como son outros produtos de base biolóxica, como son os probióticos. Actualmente, temos presenza con produtos para a saúde animal e humana en 65 países”.

FABRICACIÓN EN GALICIA

Temos estes dous exemplos, mais realmente a produción en Galicia é abondo para o mercado propiamente galego? José Fernández, presidente da Cooperativa Farmacéutica do Noroeste (COFANO), dedicada á distribución de medicamentos declara que “temos contactos con 500 clientes, mais a fabricación de medicamentos en Galicia ten un volume moi baixo, a maioría dos produtos que traballamos veñen de fóra”.

Sobre datos máis específicos, Zendal apunta que o sector farmacéutico en todo o Estado “chega a ter o 3% do PIB de España segundo datos de 2023 e a tendencia vai en aumento”. Sobre as vendas da mesma empresa “nun aspecto xeral o 70% do que producimos vai a exportación e o 30% ao mercado nacional”. “Dentro do noso sector o I+D é o condutor transversal para toda a compañía e ademais, o noso persoal investigador sempre quere ir un paso por diante na busca da excelencia”.

GalChimia busca ademais ter en conta que a propiedade intelectual é a base fundamental deste modelo de negocio, que require un elevado investimento en I+D+i. “Como actores nesta industria, nós tamén focalizamos esforzos en innovación como elemento diferenciador para a nosa competitividade, contando con un Departamento específico e adicando o 10-15% da nosa facturación a actividades de I+D+i”.

A conclusión é que ter un tecido industrial baseado na industria farmacéutica permitiría estar preparado diante dunha ameaza sanitaria. Doutra parte, permitiría a creación de postos de traballo ao mesmo tempo que se podería reter un número importante de investigadores novos capaces de crear tecido científico e de investigación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta