Cambio substancial no escenario electoral catalán

Se tiveramos que facer unha comparativa abreviada entre os resultados rexistrados nas tres citas electorais celebradas dende o pasado mes de Febreiro (primeiro ao Parlamento galego, despois ao vasco e hai poucos días á Camara lexislativa catalá) teriamos que establecer unha conclusión principal: os cambios mais relevantes teñen ocorrido no escenario catalán.

Por Xesús Veiga | Compostela | 28/05/2024

Comparte esta noticia
A razón resulta evidente a partir da comprobación das cifras: é a primeira vez -dende 2012- na que as formacións políticas independentistas non acadan a maioría absoluta dos escanos do Parlament. Mais aínda: se ampliaramos a mirada até os anos 80 do pasado século, certificariamos que, dende 1984, os partidos nacionalistas (cando CiU non se declaraba independentista) mantiveron a súa hexemonía aritmética no ámbito do poder lexislativo. Se a todo isto lle engadimos a circunstancia de que nunca antes o PSC obtivera a dupla condición de forza mais votada e con mais escanos, completariamos o cadro explicativo da singularidade política vivida o 12 de Maio.
 
A baixada electoral do independentismo catalán afectou mais a ERC e ás CUP que a Junts. Os estudos postelectorais poderán delimitar mellor as causas desta asimetría. As posíbeis hipóteses están sobre a mesa: existiu unha penalización específica polas deficiencias constatadas na xestión do goberno encabezado por Pere Aragonés? Canto influíu a tendencia conservadora que atravesa a xeografía política europea na resistencia electoral experimentada por Junts e mesmo na aparición da ultradereitista Alianza Catalana? Que peso tivo o liderado case mesiánico de Puigdemont no desigual reparto dos apoios electorais entre as candidaturas independentistas?
 
En todo caso, as elites dirixentes independentistas deberían reflexionar a fondo sobre a orientación que seguiron na última década. A deserción de mais de 700.000 votantes que tiñan apostado nas eleccións de 2017 polas ofertas presentes (Junts, ERC e CUP) non se pode despachar cunha apelación ás políticas represivas practicadas dende algunhas instancias do aparello do Estado. Sería mais construtivo substituír esa tentación por outras consideracións: a carencia de realismo na avaliación da relación de forzas no seo da sociedade catalá e no conxunto do universo estatal e europeo; a excesiva rixidez no deseño da folla de ruta que debería percorrer o proxecto independentista; as fendas importantes que curtocircuitaron a credibilidade da reiteradamente invocada unidade independentista...
 
Convén lembrar que as traxectorias históricas de ERC e Junts foron, certamente, diverxentes. A primeira foi quen de compartir un goberno tripartito con PSC e IC ("Iniciativa per Catalunya") entre 2003 e 2010 a pesar de que tiña defendido o voto negativo á reforma do Estatut que acordaran Maragall, Artur Mas e Zapatero. Junts é o herdeiro político de CiU, forza gobernante na Generalitat dende 1980 e integrante do pacto constitucional de 1978. Con semellantes antecedentes, só é posíbel explicar a coincidencia posterior por mor de diversos factores ben coñecidos: a sentenza do Tribunal Constitucional estimando unha parte do recurso presentado polo PP contra o Estatut aprobado en referendo; a negativa do goberno de Mariano de Rajoy a calquera pacto con CiU (circunstancia que acelerou o tránsito cara posicións independentistas desta formación política); a posta en marcha do artigo 155 da Constitución para suspender o funcionamento das institucións de autogoberno e a promoción de iniciativas xudiciais contra os dirixentes nacionalistas que derivaron en fortes condenas por parte do Tribunal Supremo. Hoxe, a desaparición dunha parte relevante dese contexto (nomeadamente a saída do PP do goberno do Estado e a aprobación dos indultos e dunha lei de amnistía) ten provocado que a disputa pola hexemonía entre Junts e ERC ocupe un lugar prioritario fronte á xenérica coincidencia nun horizonte independentista. Resulta evidente que o clima social e político existente en Cataluña ten variado significativamente a respecto das citas electorais de 2017 e 2021.
 
Cando se abren as urnas, é moi importante acertar na lectura das cifras que proporcionan e no diagnóstico da situación resultante. Neste caso, semellan pertinentes algunhas conclusións: 1)non existe apoio electoral suficiente para unha estratexia política que coloque como obxectivo a curto prazo a consecución da independencia de Cataluña mediante un referendo unilateral ou pactado; 2)as correntes políticas independentistas seguen tendo un apoio notábel (61 escanos sobre o total de 135) que certifica a singularidade do escenario político catalán (a hexemonía nacionalista no Parlamento vasco está construída cun partido -o PNV- que non propón a independencia da súa nación) e que obriga a buscar novas fórmulas que posibiliten un amplo acordo sobre o futuro status de Cataluña no ámbito do Estado español; 3)a liña que ven seguindo o PP dende hai mais dunha década (primeiro con Rajoy, despois con Casado e agora con Feijoo) non ten o aval da maioría da poboación catalá; 4)para atopar novos puntos de encontro que permitan avanzar na resolución do conflito político que se ten desenvolvido nesa comunidade será preciso transitar por camiños intermedios entre a constitución dunha Cataluña independente e o estrito mantemento dos actuais niveis de autogoberno.
 
Mentres se busca unha saída construtiva ao labirinto catalán, Núñez Feijoo segue refuxiado no seu curruncho, substituíndo a necesaria reflexión autocrítica pola obsesiva continuidade da guerra contra o "sanchismo", disposto a practicar unha nova modalidade de negacionismo: teimar en que todo segue igual en Cataluña por culpa de Pedro Sánchez.
 

Comparecencia de Carles Puigdemont en Bruxelas seguida en directo dende as rúas de Barcelona
Comparecencia de Carles Puigdemont en Bruxelas seguida en directo dende as rúas de Barcelona | Fonte: M.N.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.