Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/05/2024 | Actualizada ás 22:00
O cambio climático non afecta só ás temperaturas e as choivas, senón que ten influencia sobre practicamente todos os sectores produtivos. Despois de abordar a súa afectación no campo da agricultura coñecendo o retraso na plantación das patacas da Limia, hoxe contámosvos o seu impacto no sector marisqueiro, que non gaña para desgustos, somerxido nunha tormenta de factores que lle impide desenvolver o seu traballo. Da man de Liliana Solís, bióloga da Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, coñecemos que está a acontecer nestes momentos e cales son as previsións en canto a produción marisqueira destes bancos de cara ao futuro próximo.
"Os bancos marisqueiros da ría de Noia agora mesmo non están ben, porque están sufrindo as consecuencias dos dous últimos outonos e invernos moi chuviosos, nos que houbo grandes precipitacións", explica Solís, que engade que "este último inverno, ademais, as altas precipitacións prolongáronse ata a primavera, chegando á primeira semana de abril, pois ata entón non rematou a ondada de borrascas encadeadas unha tras outra". No caso dos esteiros, onde traballan os biólogos, confesa que "todas esas precipitacións sumadas á mala xestión que fan as présas hidroeléctricas deriva en baixas salinidades que provocan episodios de altas mortandades do marisco".
Así as cousas, e despois de dous invernos con altas mortandades, os bivalvos non son quen de remontar. Como explica a bióloga, "estas especies reprodúcense durante a primavera e o verán, sobre todo, pero o berberecho necesita mínimo un ano para acadar a talla comercial, mentres que hai outras especies que chegan a precisar máis de dous". Deste xeito, "aínda que teñas un inverno no que che sala unha campaña mala podes recuperar a produción ao ano seguinte, pero encadeando xa dous invernos consecutivos así é moito máis difícil".
A esta situación, como recoñece, "sumáronse as condicións especiais que houbo durante o verán pasado, e tamén durante o outono, nos que se deu na ría de Noia unha concentración de fitoplacton, que é do que se alimentan os bivalvos, moi baixa, insuficiente". Por que? Como apunta Solís, debeuse a que "non houbo episodios de afloramento no verán nin no outono". E que é iso do afloramento? "O afloramento dáse cando os ventos do norte son o suficientemente fortes e continuados como para que fagan ascender as augas fondas e frías e cargadas de nutrientes á superficie, supoñendo ese boom de fitoplacton necesario para que estes animais poidan alimentarse", explica a bióloga.
Como asegura Solís, "a primavera pasada tivemos unha reprodución moi grande, reproduciuse moito o marisco, había cría de todo en altas densidades, pero no caso, por exemplo, do berberecho, este non medrou porque non tivo alimento suficiente". Así, "cando viñeron as riadas outra vez do outono, do inverno e da primavera, mermaron a produción da ría nun 98 %". E é que "a pesares de que estes animais son moi adaptables ás condicións oceanográficas e climáticas, porque de por si xa teñen no seu ciclo de vida estipulado o reproducirse cando as condicións son boas, empregando niso toda a súa enerxía, tamén teñen unha alta mortandade".
De cara ao verán, que é o que precisan estes bivalvos para poder remontar? "Agora atopámonos con baixas densidades de poboación para todas as especies, sendo a máis afectada a ameixa fina nos bancos da ría de Noia", explica Solís, que incide en que "as condicións oceanográficas idóneas serían que se alternaran, que houbese afloramentos e ventos do norte, que alternasen con ventos do sur, porque o vento do sur tamén fai que suba un pouco a temperatura da auga e iso favorece o posterior boom do fitoplacton dende unhas augas que xa teñen nutrientes, pero sobre todo o que ten que haber son eses ventos do norte continuado para que haxa afloramentos mariños".
E como sabemos que se está dando un afloramento? De xeito sinxelo, rápido e facilmente comprensible, "cando non podes meter os pés na auga porque está chea de algas", cando a auga está transparente, sen embarga, "significa que non ten fitoplacton". Ademais, "hai veces nas que se nota esa diferenza da termoclima da auga de enriba que está máis quente que a de abaixo e iso significa tamén que está habendo un afloramento".
O problema das mortandades do marisco polas riadas non é algo novo de agora senón que se trata dun problema recorrente pola xestión que se fai das présas, pero o que está a suceder na actualidade é que "o que está cambiando é a frecuencia e a intensidade deses episodios de mortandade nestes dous últimos anos", non recordando a bióloga cousa semellante desde os anos 2000, antes da catástrofe do 'Prestige'.
Polo que respecta á temperatura, Solís chama a diferenciar entre a temperatura da auga e a temperatura do aire. "A temperatura do mar vai depender deses afloramentos dos que falamos, porque baixan a temperatura da auga, e iso afecta ao marisco, ademais, se non hai afloramentos e a temperatura do mar tamén é máis alta da media favorecerase a mortandade do marisco en maior medida, especialmente da ameixa", explica. Por que? Porque, como apunta, "estes animais tamén teñen patoloxías, poden ter un parásito ou acabar de desovar e estar máis débiles, sometidos a estrés, polo que se se lle eleva a temperatura da auga vai ser máis difícil que sobrevivan". Ademais, indica que "no intermareal as altas temperaturas que se acadan no verán tamén poden provocar mortandades pola temperatura que acada o substrato".
Preguntada sobre que se pode agardar de cara ao futuro, Solís amósase precavida, pois "cando falamos de cambio climático é algo que imos vendo sobre a marcha, o único que sabemos é que é algo gradual, pero realmente non controlamos o intervalo de tempo nin o rápido que se vai desenvolver". Con todo, "o que si se sabe a ciencia certa é que co cambio climático o marisqueo vai ser un dos sectores máis afectados, sobre todo o marisqueo de bivalvos", conclúe a bióloga.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.