Vídeovixilancia nos montes, é efectivo o sistema de combater os incendios con cámaras?

A Xunta de Galicia aprobou o pasado luns o Pladiga 2024, o plan contra os incendios forestais para este ano. Dentro do plan figura a colocación de máis cámaras de vixilancia en distintos montes. A pregunta que xorde: son efectivos estes sistemas?. "Máis cámaras, menos vixilantes", din desde Atrifoga. Medio Rural defende o sistema.

Por Moncho Mariño | Santiago | 12/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O goberno galego está buscando a maneira de levar novas tecnoloxías ao combate contra o lume no monte. Así, coa incorporación de cámaras de vídeovixilancia en 2018 até uso de dron e novos vehículos multifunción, o executivo presidido por Alfonso Rueda busca rebaixar as cifras de hectáreas queimadas e lumes. Porén, os efectivos humanos estanse vendo desprazados das tarefas de vixilancia co peche, desde hai tempo, de casetas con persoal de control e vixilancia. Mais, segundo Marcos Rodríguez de UGT, “os datos que temos son que este ano non se pechan casetas, aínda que o problema está na falta de persoal para cubrilas”. Isto último parece ser a motivación ou unha das motivacións que levan á Xunta a aumentar a presenza tecnolóxica na loita contra o lume forestal. Tal como comunica a Consellería de Medio Rural a Galicia Confidencial: “A rede de vixilancia fixa da Consellería do Medio Rural ampliarase este ano até chegar ás 177 cámaras en 88 localizacións. Neste 2024 increméntase en 24 o número de cámaras, en 12 localizacións diferentes, tres en cada unha das provincias. Con estas cámaras cubrirase o 85% do territorio. Entre o ano 2018, ano de implantación, e o final de 2023, a Xunta de Galicia investiu preto de 3,5 millóns de euros”.

Manexo dun dron de Aerocámaras
Manexo dun dron de Aerocámaras | Fonte: Aerocámaras

FACTOR TECNOLÓXICO-FACTOR HUMANO
“As cámaras permiten un seguemento en tempo real do incendio e ver a súa evolución, mais a idea detrás parece ser 'máis cámaras, menos vixilantes'” di Carlos Gavilán de ATRIFOGA. Sobre o primeiro aspecto, Medio Rural subliña: “en caso de detectarse lumes (as cámaras) permiten a visualización en directo e o seguimento da súa evolución en tempo real, sendo un mecanismo de apoio á toma de decisións durante a extinción dos lumes”. Realmente as cámaras permiten tomar decisións sen contar con persoal vixilando “in situ”? “Un vixilante desde unha caseta pode guiar mellor os efectivos cara a orixe do lume, mais os responsables parecen querer controlar os incendios desde un despacho”, remarca Carlos Gavilán.

“Unha cámara nunca poderá substituír un vixilante por máis que digan, pois algunhas delas están en zonas onde non poden ver a totalidade da área” di Marcos Rodríguez quen insiste: “un vixilante coñece moito mellor a zona, pode ver o lume e pode localizalo mellor”. En concordancia con isto, Carlos Gavilán sinala que coas cámaras “non é a primeira vez que se pode ver o lume mais non onde está o nacemento do incendio”. Isto pode conducir a confusións que mobilizan efectivos humanos e materiais até un punto onde en vez dun incendio forestal o que pode estar ardendo é un alpendre ou unha vivenda.

A resposta de Medio Rural a análises como os de Rodríguez e Gavilán é que “as cámaras non substitúen o traballo que realizan os vixiantes en postos fixos no monte, que desenvolven un labor fundamental na prevención e extinción de incendios. Trátase de recursos complementarios que, en conxunto, melloran a operatividade do servizo”.


PECHE DE CASETAS

Aínda así, a política que se está efectuando hoxe en día parece ir enfocada ao peche de casetas onde había persoal de vixilancia. “Agora mesmo, no meu distrito, de seis casetas que había só quedan tres con persoal” di Gavilán. “O problema actual coas casetas é que debería haber catro persoas en rotación para cada unha, mais hoxe en día só hai dúas” di Rodríguez. Alén disto, os dous representantes coinciden en que moitos e moitas das traballadoras destinadas en casetas eran coñecedoras do seu territorio e daquela, superaban amplamente a base de datos dun programa informático.

Brigadas forestais e veciños colaboraron no control das lapas dos incendios forestais
Brigadas forestais e veciños colaboraron no control das lapas dos incendios forestais | Fonte: Rosa Veiga

A noticia sobre o Pladiga 2024 tamén sinalaba unha cobertura do 85% do territorio galego grazas ás “novas vinte e catro cámaras” instaladas. “Realmente non é tanto así, son doce cámaras” porque é un sistema de dous aparatos “unha que xira constantemente dando unha visión de 360º e logo outra que se guía por control remoto enfocando a unha dirección e que pode ampliar ou recoller o zoom” describe Gavilán. Aínda así, ambas as dúas cámaras poden ver limitada a súa visibilidade por elevacións do terreo ou a presenza de elementos artificiais. Isto obriga á persoa operadora do centro de coordinación a buscar outra cámara que poida ofrecer unha perspectiva mellor.

Desde Medio Rural fan a seguinte descrición: “As cámaras contan cun control remoto que se monitoriza dende o Centro de Coordinación Central (CCC) de Defensa contra os Incendios Forestais, dende o que se ten acceso a toda a Rede de vixilancia dos espazos forestais. As cámaras poden xirar sobre si mesmas 360º e, como xa mencionamos, cotan con zoom óptico”. Ademais, “os Centros de Coordinación Provinciais e os Centros de Coordinación de Distrito teñen acceso e posibilidade de manexo das cámaras situadas no seu ámbito xeográfico, así como as que estean situadas ata 25 quilómetros dende os seus límites xeográficos. Este manexo efectúase mediante a aplicación XeoCode”.

ESTIMACIÓNS E FACTORES METEOROLÓXICOS
Co investimento realizado en videovixilancia mais tamén en nova maquinaria multitarefa e equipamentos, Alfonso Rueda lanzaba a posibilidade de que os incendios forestais este ano poidan reducir o seu número por debaixo das 18.489 hectáreas, a media do queimado na última década. É posible?

Se falamos das diferentes xeracións de incendios, sobre todo da quinta e sexta xeración (tormentas de lume) ou traballos de investigación da UIFO, Medio Rural di contar “cun DJI Matrice 350, un aparato de oito quilos cunha cámara de alta resolución, un telemetro láser e unha cámara térmica. Estas características son especialmente útiles nos incendios nocturnos -nos que non se pode traballar con medios aéreos (dron)-, xa que ofrece situación sobre a fronte do lume, lonxitudes da fronte, posibles reproducións, lonxitudes, superficies e perímetros. Estes drons son pilotados polo persoal da UIFO e da Unidade Técnica de Apoio (UTA)”.

Mais é posible reducir a incidencia do lume aínda combinando tecnoloxía e persoas? “Iso é falar por falar, son metas que poñen mais logo pode vir un ano como 2006, 2017 ou 2020, non se poden prometer cousas así” apunta Gavilán. As variacións extremas de temperaturas, correntes de aire ou a repentina aparición de tormentas con carga eléctrica poden comezar incendios imprevistos, sobre todo nun momento de cambios acelerados na climatoloxía global.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta