(Vídeo) Galicia marcou a vida de Fernando Torres, aquí comezou a destacar no fútbol e coñeceu á súa muller

O seu pai, falecido o pasado mes de abril, era natural de Boqueixón. O Galicia Confidencial cóntache a historia dunha desas personaxes moi galegas que quizáis son sabías que o era.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Fernando Torres, máis coñecido como 'El Niño Torres', gañador do Mundial de fútbol coa Selección Española no ano 2010, anotante do gol que deu a vitoria a España fronte a Alemaña na Eurocopa de 2008 e xogador histórico do Atlético de Madrid naceu en Fuenlabrada, en Madrid, pero as súas orixes e a súa traxectoria vital son moi galegas. O seu pai era de Boqueixón e, dende 1990 pasaba os veráns na localidade coruñesa de Estorde, en Cee.

Fernando Torres
Fernando Torres | Fonte: Marca - Arquivo

Precisamente durante eses veráns coñeceu á súa compañeira sentimental, unha rapaza de Compostela chamada Olalla que por aquel entón tiña 16 anos e coa que ten unha filla chamada Nora, que naceu en Santiago en xullo de 2009, ademais de outros dous fillos chamados Leo e Elsa. Nunha entrevista para a revista Jot Down tan só uns días despois de xogar o último partido co Atlético de Madrid antes de retirarse (a día de hoxe xa ten 40 anos), aseguraba que "Galicia marcou a miña vida enteira; de aí é o meu pai, alí coñecín á miña muller, naceu a miña filla...". Confesaba tamén que cada verán estaba desexando que chegase agosto para virse para Galicia.

E lembraba que "pola mañá ía á praia de Cee cos meus amigos e pola tarde ao pavillón de Corcubión a apuntarnos aos torneos (de fútbol sala), ese mes pasábao increíble". De feito, dende a revista falaron cun dos veciños da vila que xogaba con el ao fútbol neses partidos: "Adoitaba participar nos torneos de fútbol sala que se celebraban todos os veráns e competía con rapaces tres ou catro ano maiores que el. O cabrón non facía nada espectacular, ningunha filigrana especial. Pasaba desapercibido, pero acababa o partido e o neno aquel metera oito goles". 

Por motivos menos felices Torres volveu a Boqueixón no 2009, xa sendo un gran xogador de fútbol, para acudir ao sepelio da súa avoa María Consuelo Vigo Torres. Ademais, durante a súa lesión de xeonllo no 2010 elixiu Vigo para recuperarse, animado polo Celta a traballar nas dependencias da Madroa, onde dous fisioterapeutas do Liverpool velaban pola súa recuperación.

Recentemente, o pasado mércores 17 de abril, a morte de seu pai, José Torres, máis coñecido como Pepe Torres, natural da parroquia de Gastrar en Boqueixón, tamén o levou de novo a Boqueixón. Foi unha terrible perda para o futbolista: "Papá, sempre che manterei presente, quérote. DEP", escribiu Torres nas redes sociais. José Torres era inspector de policía e trasladouse a Fuenlabrada por motivos de traballo, onde naceron os seus tres fillos: Fernando Torres, Paz e Israel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta