Ana Miranda, BNG: "Eu penso que teremos, como no 99 con Camilo Nogueira, un eurodeputado propio"

A candidata do BNG ás Eleccións Europeas leva máis dun mes dun recuncho a outro do país. Máis de 10.000 quilómetros percorridos para lembrar a necesidade e importancia de que Galicia teña voz en Europa. Lembra os grandes logros acadados neste tempo na Eurocamara e apunta á Altri, á vivenda e a fuga de talentos galegos como vindeiros obxectivos. Critica aos grandes medios estatais e galegos por querer "opacar" estes comicios e pide que Bruxelas rompa xa relacións con Israel.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

E como levas a campaña que xa vexo que andas a 100 por hora, dun lado para o outro?

A eurodeputada e candidata do BNG Ana Miranda nas inmediacións da sede nacional do BNG en Santiago de Compostela
A eurodeputada e candidata do BNG Ana Miranda nas inmediacións da sede nacional do BNG en Santiago de Compostela | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS

Pois agora estou agora no Baixo Miño, nun dos lugares máis europeos, probablemente, de toda Galicia, porque é o lugar onde se pode visualizar a Europa dos pobos. Estamos percorrendo todo o país. Levo desde o 2 de maio nun coche e xa van máis de 12.000. Pero síntome moi ben, moi libre, moi forte e con moitas ganas de defender o que fixemos no Parlamento europeo porque hai moitos logros.

E agora que falas de logros, pois cóntame cales son?

Pois, o primeiro é ser a voz galega en Bruxelas e levar moitas causas alí que afectan a Galicia. Entre eles están as preferentes onde recuperamos 1.800 millóns de euros, tamén está o tema do saneamento das rías para beneficiar ao sector marisqueiro e o gran logro aí foi conseguir sanear a ría do Burgo e desbloquear 36 millóns do Estado. Pero se hai un gran logro foi o de dar voz ás persoas da dignidade e ter denunciado o accidente de Angrois en Bruxelas. É algo do que me sinto moi orgullosa como política. Un accidente do que se pechou o expediente hai ben pouco.

Si, e cun tirón de orellas para o Estado...

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no pleno do Parlamento Europeo. BNG
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no pleno do Parlamento Europeo. BNG

Si, un tirón de orellas moi grande. Mira que eu presentei a denuncia no 2016 e pechouse o proceso no 2024. Oito anos pelexando David contra Goliat. E tamén agora está o tema de Altri, que levamos alí a denuncia dos colectivos e alcaldes das zonas afectadas para alertar que non se dean fondos europeos para este proxecto que destrúe o noso territorio. Non haberá máis necesidades onde investir fondos?, por exemplo, na fibra óptica que non chega a moitos sitios en Galicia. 

La Voz de Galicia non fala para nada da campaña electoral.. iso é un indicativo de como queren opacar estas eleccións

E ademais de Altri, cal vai ser o teu particular cabalo de batalla nesta nova lexislatura europea?

O cabalo de batalla vai ser que se cree un fondo europeo para a vivenda xa que é unha das preocupacións máis grandes en Galicia e tamén de Europa porque non ter vivenda, ou un alugueiro decente, non se pode permitir. Non pode ser que unha persoa teña que destinar o 90% do seu salario a pagar unha vivenda. E logo outro tema importante nesta lexislatura é defender os sectores produtivos. Hai que lembrar que estes últimos anos pecháronse moitas eplotacións agrarias, hai menos embarcacións e temos ás mariscadoras en pé de guerra. E logo, obviamente, a situación da nosa mocidade xa que segue emigrando o noso talento. E, sobre isto, xa respondo ao que publicaba hai uns días La Voz de Galicia, que non fala para nada da campaña electoral que iso é un indicativo de como queren opacar estas eleccións. Este xornal dicía que o BNG se opón á mobilidade de traballadores. Eu quedei abraiada. O BNG o que se opón é a unha fuxida galega de talentos, e tamén de fontaneiros , carpinteiros, encofradores, porque non haxa políticas aquí que os defendan e protexan. E o que dicimos é que baixo o paraugas da mobilidade, non se pode ocultar o que é unha emigración económica, porque se un traballador non pode pagar unha vivenda ou está nun traballo para o que non está especializado, pois acaba marchando da procura dunha mellor situación.

E agora que me comentas estes eixos capitais para o BNG e estando agora como estás en zona de fronteira, para cando o Estatuto Transfronteirizo?

Pois tamén é das nosas prioridades porque queremos que a seguinte lexislatura sexa a lexislatura sen trabas para os europeos e europeas que viven dun lado e outro dunha froteira. Por iso defendemos a Europa dos pobos, para que non haxa barreiras para un traballador que viva en Salvaterra e traballe en Monçao, e que cando se pon enfermo alí non poida ser atendido. Hai que eliminar esas trabas administrativas do centralismo. E logo tamén as comunicacións como é o tema do tren Celta que une Porto con Vigo e tarda dúas horas e media. Hai que insistir na alta velocidade, pero tamén en que haxa máis frecuencias entre localidades máis pequenas porque  non pode ser que haxa só dous trens para ir de Vigo a Guillarei, por exemplo. Estamos no ano 2024, falamos de alta velocidade, e resulta que non hai un tren decente a Vigo. Onde foron os fondos de cohesión? porque non é só a conexión da fronteira, senón que haxa unha mobilidade real transfronteiriza.

"O problema é que a dereita blanqueou a ultradereita. PP e Vox xa van xuntos da man"

Outra cuestión que a min me preocupa moito que é o ascenso da ultradereita en Europa. Semella que poden subir os partidos ultras...

A min isto tamén me pon moi nerviosa. Eu estou cunha posición antifascista no Parlamento e cando veu xa a Falange tentamos impedir o seu acto. Tamén denunciando as intervencións de Vox e da extrema dereita. O problema é que a dereita blanqueounos. Cando veu Sánchez alí eu intervín en galego portugués e os deputados do PP, Cs e Vox insultáronme porque falaba en galego. Impediron tamén que houbera unha investigación da CRTVG e Vox e PP xuntos. E, por suposto, un voto para o BNG é un voto para que se impida a entrada á ultradereita, é un voto menos para a ultradereita.

Entón cres que se pode dar un pacto entre o Partido Popular Europeo e os ultras. Digo porque Feijóo xa dixo que con Meloni si se podía chegar a acordos?

Si, porque ademais Feijóo non é nada moderado. É un home de dereita extrema polas cousas que fai, di e no blanqueo da extremadereita. Ademais, ten amigos moi perigosos e políticas ultras. Aznar é moi amigo de Netanhau, con Milei estiveron calados e pode haber pacto con Meloni. Ademais que xa traballan xuntos alí como foi o pacto do Asilo e traballaron moi xuntos para impedir a Europa das nacións.

O BNG presentase na coalición Agora Repúblicas, con ERC e Bildu. Cres que agora é o momento para que o Bloque poida acadar ese terceiro eurodeputado?

O BNG presenta papeleta propia porque a lei electoral así o permite e nós sempre o fixemos e, ademais, levamos un programa galego. Pero imos en coalición porque a a nós a circunscrición única nos prexudica e non nos beneficia. Nestes momentos creo que continuamos nesa liña de suba a nivel galego en votos e apoio popular que houbo nas galegas. Non sei se o número de votos será o mesmo, pero instamos a que se vote masivamente porque nos xogamos moito en Europa para manter os servizos públicos e tamén que a extrema dereita non pase por riba de nós. Tamén para evitar o xenocidio en Palestina e ir a unha Europa de paz. Xogamonos moito. E eu penso que podemos levar unha alegría e ter, como no 99, un eurodeputado propio como aconteceu con Camilo Nogueira. 

Eu non dubido de que o BNG e Bildu suban, pero teño moitas dúbidas dos resultados de ERC que levou un batacazo nas catalanas e é o motor desa coalición. Non cres que pode tamén baixar nas europeas?

Non o sabemos. Nós o que nos temos que preocupar é de ter moitos votos aquí e que a xente saiba que somos a voz galega en Europa. E agardemos que os compañeiros de coalición teñan tamén bos resultados porque porque, pola circunscripción única, tamén nos beneficiará a todos para que non pase a ultradereita. E, ollo, que tamén están nesa coalición Mes per Mallorca.

"Nós votamos en contra de mandar máis armas --a Ucrania-- porque se está quitando ese diñeiro para políticas sociais e de cohesión"

Falabas antes da Europa de Paz. Entendo que tamén cres que era de xustiza que o Estado español recoñecera tamén ao Estado palestino, non?

Había que facelo. Era un clamor e había que facelo moito antes. Está claro que o PP tiña unha relación moi clariña con Netanyahu e por iso tardaron seis meses en apoiar o cese o fogo na Eurocamara. É unha boa noticia, pero agora hai que romper relacións con Israel e expulsar os diplomáticos israelíes para acabar con ese aparheid e ese xenocidio, como tamén pasou en Sudáfrica.Nos apoiamos as resolucións da ONU e da Corte Penal Internacional. Isto é un xenocidio e por iso debería suspenderse tamén o acordo marco entre Europa e Israel. Hai que parar este xenocido.

E da guerra de Ucrania que postura tes. Tamén é necesario parar esa guerra?

É necesario parar esa guerra e que a paz chegue a todas as partes. O BNG defende unha política pacifista, de diálogo e de solución diplomática dos conflitos que é a única maneira de solventar os problemas. Esa é a nosa posición xa que non con máis armamentos se van a solucionar os conflitos. Nós votamos en contra de mandar máis armas porque se está quitando ese diñeiro para políticas sociais e de cohesión. 

Pero neste caso o país agresor foi, orixinalmente, Rusia

Xa hai unha postura oficial do BNG e eu non vou a entrar niso. Non quero polemizar con iso. O máis importante é que haxa paz. E a paz só vai chegar cunha solución diplomática porque vimos que co aumento de armas non houbo paz non houbo fin do conflicto. Xa me dixo Mújica cando estiven na súa casa: "Tiene que haber una solución diplomática".

Comentabas antes que semella que hai a quen non lle gusta que se fale desta campaña. Tes ti esa percepción, de que hai quen quere ocultar esta campaña das europeas?

Totalmente. Esta campaña está sendo negada polos medios masivos e en Galicia tamén. É unha campaña que é un duelo entre PP e PSOE. Se te fixas nos cartaces deses partidos pois non saen os seus candidatos nas fotos. A única foto que sae unha candidata galega son eu, co BNG. Aí ves a pouca importancia que lle dan os partidos a esta campaña. Ademais os eurodeputados galegos do PP e PSOE xa teñen o escano seguro e xa nin teñen por que facer campaña. Van en postos de saída. E nós, para sacar escano, que sería o terceiro da coalición, temos que estar máis dun mes de campaña e ter traballado moito antes porque isto non é flor dun día. E aí está a diferencia, e estamos a que os galegos nos votedes para ter voz alí directa. E aproveito para dicir que me parece terrible a ocultación que está facendo algún medio de comunicación galego, un grande, destas eleccións. En xeral moitos medios nos chaman para entrevistas, pero non ese medio gran medio. Pero nós imos porta a porta...

E que aí é onde se gañan as eleccións, Ana

Óxala. E esa é a miña especialidade porque é o que máis me gusta. Ir parroquia a parroquia.

E un desexo para este 9X, supoño que ter escano propio, non?

Pois si. E eu síntome moi honrada de que a militancia me volvara a propor. Levo máis de catro anos de eurodeputada en tres periodos diferentes pero sempre sachando para que Galicia teña voz e erguendo a voz do noso pobo. Ao final demostramos que nos logros conseguidos que somos máis que o escano do BNG, senón o escano de Galicia e das causas xustas da humanidade porque, ao final, quen denunciou o xenocidio do pobo palestino e kurdo?, que estivo denunciando a traxedia das persoas refuxiadas?... Ao final, ser galego é como dicían as nosas avoas, "hai que ser bo". Por iso "hai que ser bo" tamén coa humanidade. 

Pois que teñas moita sorte, Ana, con ese tercer escano.

Oxalá, Oxalá.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bruselas mon amour.

30 aniños en política e a seguir sumando !!! Europa é mala, cando non cobro dela. Esta e a POntón suman 50 anos de cobrar salarios públicos sen facer oposicións. A UPG sempre avante e a toda vela. Se non queren Europa que non se presenten. A coherencia non existe.

1 Gamela

Se no tema de Rusia a UPG ten marcada a súa posición, ben podía abrir Oficina en Crimea ! Pero falar de que a circunscripción única perxudica ao BNG e remontarse ao 99 de Camilo Nogueira, parece broma, que lle pregunten a Camilo por que perdeu o escano na seguinte lexislatura ? (por darlle os votos dos galegos a vascos e cataláns!) // Levo máis de catro anos de eurodeputada en tres lexislaturas // É como dicir que temos en Bruxelas unha Becaria que fai secretaria 11 anos e exerce de Europarlamentaria 3 anos e medio !!! Farto de que nos tomen por parvos