Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 31/05/2024 | Actualizada ás 20:30
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras recibiu esta semana a visita de dous membros do equipo de cata da prestixiosa Guía Peñín, co fin de catar, describir e puntuar os viños de esta D.O. para a súa inclusión na próxima edición da publicación.
Un total de 108 marcas, entre tintos e brancos, provenientes das adegas da D.O., das añadas 2023 (na súa maioría) e 2022, sometéronse ao exame dos catadores Boris Olivas e Ziyang Zhang, quen destacaron que “a mellor versión da godello en España está en Valdeorras”. En xeral, encontráronse “con viños moi regulares, con moi boa constancia e con esa potencia en boca que lles caracteriza”.
En canto aos tintos, os técnicos comentaron que “a súa calidade é algo máis baixa, con respecto aos brancos”. A través do traballo de cata, deduciron que “se inviste máis en madeira para os brancos porque se aposta máis pola uva autóctona”. Destacan “o ton máis herbal” das variedades tintas, “máis rústico, tamén interesante”.
A UVA GODELLO ENVELLECE BEN
Esta foi unha das conclusións do equipo de cata da Guía Peñín despois de descubrir que “nos presentaron algunha añada máis vella e efectivamente comprobamos que a godello é unha variedade que gaña en canto lle das un ano máis”.
Asemade, os representantes da prestixiosa publicación animaron a que dende Valdeorras "sigan realizando esta aposta polo godello” e que “garden un pouco os viños para sacalos con máis idade”, algo que cualificaron de positivo para “seguir dándolle máis prestixio a esta marabillosa uva que se recuperou”.
O equipo valorador concluíu, tras a súa visita á sede da D.O. Valdeorras en Vilamartín, que “A godello gañou en complexidade e que se integre todo tan ben en boca, é unha alegría”.
XXV FEIRA DO VIÑO DE VALDEORRAS
A gran festa dos viños de Valdeorras será esta fin de semana, 1 e 2 de xuño, cita na que estarán presentes 21 adegas. As prazas para as catas están practicamente ocupadas e o sábado pola mañá, ás 12:30 h., será o pregón. O encargado desta honra será o coñecido presentador e xornalista Xavier Fortes, vinculado a TVE dende hai moitos anos.
Haberá un showcooking no que o chef Xosé Manuel Mallón despregará toda a súa creatividade e tres catas. Como proposta de lecer salientar o concerto a cargo de “Os Alcántara” o sábado pola noite e un espazo para os máis pequenos nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, no que poderán gozar de divertidos inchables.
Como novidade de última hora a organización vén de anunciar que haberá unha pantalla xigante para poder seguir dende o recinto feiral a final da Champions League, final que enfronta ao Real Madrid contra o Borussia de Dormund.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.