FS-TES denuncia as condicións da base do 061 de Celanova, que cualifican de "terceiromundista"

O 061 di que as condicións son responsabilidade da adxudicataria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2024 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O sindicato FS TES denunciou este luns que as persoas que traballan na ambulancia de emerxencias do 061 en Celanova, adxudicada en réxime de concesión a Ambulancias A Encarnación S.L., están situadas nunha base con "condicións infrahumanas, sen calefacción nin aire acondicionado", nunha contorna que cualificaron de "terceiromundista".

Nun comunicado, o sindicato lembrou que os valores térmicos nesta zona no ano 2023 variaron entre os 36,8 graos de máxima e os -2,6 de mínima, algo que os traballadores afrontan, afirman, sen aire acondicionado nin calefacción.

"Non se pode descansar nun lugar que está a máis de 35 graos ou por baixo de 0 graos, polo que as persoas traballadoras que soportan esas temperaturas non van poder desempeñar o seu traballo en condicións óptimas cando sexan requiridos para realizar un servizo de emerxencia", sinala o sindicato, que apunta que, ademais que aos traballadores, esta situación "está a pór en risco a saúde dos pacientes asistidos polo 061".

En relación a esta cuestión, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 lembrou que as condicións ambientais nos centros de traballo é "responsabilidade exclusiva" das empresas concesionarias de servizo. A Fundación, engadiu, realiza periodicamente inspeccións nos centros de traballo das unidades asistenciais de soporte vital básico e avanzado para realizar seguimento do contrato de prestación de servizo. O incumprimento de condicións e compromisos establecidos nos contratos, como consecuencia, "suporá a imposición das correspondentes sancións administrativas, conforme o recollido no contrato".

061 De Galicia.
061 De Galicia. | Fonte: Xunta de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta