Cambio climático en Galicia: a auga é un grao máis quente que en 1900 e chegan novas especies exóticas

Afortunadamente, como destaca o investigador do CSIC Xosé Antón Álvarez Salgado, na nosa terra hai unha vantaxe: "cando nos metemos cara a plataforma continental e nas rías, grazas ao fenómeno do afloramento, que supón ese ascenso de augas frías que se dá na primaveira e no verán en resposta aos ventos de compoñente norte, ese incremento de temperatura redúcese máis ou menos a unha terceira parte".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/06/2024 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O cambio climático máis evidente é o que cada día percibimos no tempo, na atmósfera, pero hai outro lugar no que se está facendo patente e que, ás veces, nos pasa máis desapercibido, non por iso sendo menos perigoso: o mar. Galicia é un país fundamentalmente mariño, o 60 % da poboación galega vive a menos de 15 quilómetros de distancia do mar e unha gran parte das persoas teñen un oficio vinculado directa ou indirectamente ao mar. Por iso, os cambios que trae consigo o quencemento dos océanos deberían preocuparnos en maior medida e levarnos a tomar conciencia de que hai que facer algo antes de que sexa demasiado tarde. Dende o Galicia Confidencial falamos con Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) experto no cambio climático dos océanos, para que nos conte como está actualmente a situación en Galicia.

Praia en Galicia
Praia en Galicia | Fonte: EFE - Arquivo

"En Galicia temos referencia da temperatura media que tiñan as augas dende o ano 1900, aproximadamente, e, a día de hoxe, estamos case un grao por enriba da media anual do 1900", asegura Álvarez Salgado, que explica que "este incremento da temperatura media da auga é paralelo ao incremento que se ten dado noutras zonas, é dicir, non é unha cousa exclusiva de Galicia". Agora ben, afortunadamente, como destaca o investigador, na nosa terra hai unha vantaxe: "cando nos metemos cara a plataforma continental e nas rías, xa máis na costa, grazas ao fenómeno do afloramento, que supón ese ascenso de augas frías que se dá na primaveira e no verán en resposta aos ventos de compoñente norte (ás nortadas), ese incremento de temperatura non é tan marcado, reducíndose máis ou menos a unha terceira parte, é dicir, que preto da costa o mar quentouse unhas tres veces menos de media nas rías e na plataforma continental que no océano adxacente a Galicia".

Grazas a ese fenómeno de afloramento é que podemos dicir que Galicia constitúe "unha illa climática", pois en caso de non existir dito fenómeno, "ás nosas augas corresponderíalles estar máis quentes, considerando o incremento xeral que está a sufrir o océano nas nosas latitudes". Isto acontece tamén noutras zonas do planeta, como explica Álvarez Salgado, en concreto "é algo común das costas atlánticas de España e Portugal, e tamén se dá ao norte e sur de África, na zona de Namibia e Angola, así como en Perú e Chile, ou California, entre outros lugares". Isto é, "na parte leste dos grandes océanos, onde ese fenómeno de afloramento aporta esa cualidade de servir como illa climática para as comunidades costeiras que viven nesas zonas".

"O QUE SE PREVÉ DE CARA AO FUTURO É QUE ESA ACELERACIÓN DO INCREMENTO DA TEMPERATURA DA AUGA CONTINÚE AUMENTANDO"

O cal será fundamental de cara a un futuro que non se prevé nada esperanzador. E é que esa subida dun grao da temperatura do mar dende o ano 1900 non foi progresiva, senón que "a partir máis ou menos da década dos 70-80 notouse un cambio de tendencia e o incremento anual foi maior do que o fóra nos 100 anos anteriores", afirma o investigador do CSIC. Nesta liña, "o que se prevé de cara ao futuro é que esa aceleración do incremento continúe aumentando". "As predicións baseadas en modelos climáticos dinnos que esa taxa de incremento da temperatura media vai ser maior no que nos queda de século", conclúe Salgado.

Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)
Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) | Fonte: Instituto de Investigacións Mariñas

Así as cousas, un grao de temperatura na auga é suficiente para provocar cambios nos ecosistemas? Aínda que poida parecer pouco significativo ese aumento, a resposta é si. De feito, como apunta o investigador, "unha das cousas máis chamativas asociadas a este incremento de temperatura, ao que denominamos 'tropicalización', é a chegada de especies propias de aguas máis cálidas, algo que dun tempo a esta parte está sucedendo aínda con maior intensidade, chegando cada vez cantidades máis grandes de especies que non eran propias das nosas latitudes". Algunhas delas están recén asentadas, ben é certo, pero Álvarez Salgado indica que "hai outras que xa levan aquí décadas e mesmo se explotan comercialmente". Deste xeito, "si hai un efecto evidente deste aumento da temperatura nos ecosistemas mariños", afirma.

"AÍNDA ESTAMOS A TEMPO DE APLICAR MEDIDAS QUE PERMITAR MITIGAR A SITUACIÓN, POR UNHA BANDA, E ADAPTARNOS, POR OUTRA"

Agora ben, pódese actuar ou xa é tarde? Como di o refrán: nunca é tarde se a dita é boa. "Eu penso que aínda estamos a tempo de aplicar medidas que permitan mitigar a situación, por unha banda, e adaptarnos, por outra, eu penso que hai que mitigar e adaptarse, as dúas cousas, é dicir, hai que intentar seguir esas directrices xerais dunha economía máis verde, cara un modelo descarbonizado que nos axude a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; pero, ao mesmo tempo, temos que adaptarnos, temos que darnos conta de que o mundo que nos vén por diante xa non vai ser exactamente como era antes, polo que teremos que tomar unha serie de medidas que nos permitan seguir mantendo o nivel de benestar do que desfrutamos", considera o científico do CSIC, que engade que "adaptarse non implica deixar de mitigar e mitigar non implica deixar de adaptarse, as dúas cousas son necesarias".

E aínda que tomar medidas sobre a atmósfera semella que cae de caixón, no mar o primeiro pensamento é que resulta imposible. Pero, como afirma Álvarez Salgado, "a forma de parar ou frear isto no mar é igual que na atmósfera, reducindo as emisións de combustibles fósiles: se somos quen de facer iso imos ser quen de alo menos non estar suxeitos a este proceso tan acelerado de incremento da temperatura". Pois é consciente de que "cando estamos falando do océano, o 75 % do noso planeta, é difícil que unha acción local poida ter repercusión algunha a escala global, que é o que nos interesa, corrixir a situación do planeta enteiro", polo que "esas medidas que se están tratando de aplicar para corrixir a contaminación que está a sufrir a atmósfera son válidas tamén para o mar, porque van favorecer tamén que o mar non estea experimentando eses cambios tan importantes de temperatura rexistrados nas últimas décadas".

"O CAMBIO CLIMÁTICO PODE CONTRIBUÍR Á MORTALDADE DO MARISCO NAS RÍAS, PERO PROBABLEMENTE NON SEXA A CAUSA ÚNICA NIN A MÁIS IMPORTANTE"

Preguntado sobre se a mortaldade do marisco nas rías galegas tamén garda relación, ademais de coas fortes choivas e a xestión dos encoros, coa elevación da temperatura da auga, Álvarez Salgado explica que "é difícil atopar a relación causa-efecto entre cambio climático e mortaldade do marisco porque esas mortaldades son puntuais, non é que o marisco estea morrendo constantemente ou estea en declive constante no tempo, senón que se trata de episodios nos que se producen mortaldades puntuais". Así, engade que "o cambio climático pode axudar a que isto ocorra, pero probablemente non sexa a causa única e nin sequera sexa a causa máis importante". Aínda así recoñece que "todo suma e o cambio climático vai sumar para o lado negativo". Ademais, asegura que científicamente non hai unha maneira sinxela de demostrar esa relación entre o cambio climático e as mortaldades do marisco.

Álvarez Salgado recorda que "Galicia é mar fundamentalmente, temos unha relación moi potente co mar aínda que tamén teñamos comunidades que non son costeiras, pero somos unha zona fundamentalmente mariña e mariñeira". Na súa opinión, "penso que si hai bastante concienciación a día de hoxe entre a poboación en xeral, dende logo si entre a ciencia e a administración e tamén entre moitas empresas que están concienciadas e preocupadas". O investigador asegura que "eu teño continuas reunións con xente do sector e esa preocupación está sempre aí, e sempre está na demanda de axuda, de que lle tratemos de dar solucións ou de consellos para adaptarse á situación". Así, considera que "esa concienciación é algo que está bastante implementado a día de hoxe na sociedade, dende logo moito máis que nos anos 2005-2006 cando comezados dende a parte científica galega a alertar sobre a situación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta