Oposición ve "falta de información" en concertos sanitarios privados e Xunta apunta ao gasto maior do bipartito

BNG e PSdeG criticaron a externalización da atención sanitaria en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/06/2024 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

BNG e PSdeG criticaron este martes a externalización da atención sanitaria en Galicia, respecto da que denunciaron tamén a "falta de transparencia" coa que o Sergas leva a cabo estes concertos. O grupo parlamentario popular, pola súa banda, defendeu que a Xunta é o Goberno que menos orzamento destina a este tipo de convenios.

Este debate derivouse da moción presentada polo grupo nacionalista esta mañá durante o pleno do Parlamento -- que non foi aprobada -- na que pedía "acabar" coa derivación de diñeiro público cara á sanidade privada e, de non ser así, "información e transparencia", "que é o mínimo que se pode pedir".

Sobre isto, esixiron informes nos que se espeficiquen as derivacións que levan a cabo e os motivos xustificados das mesmas. Lembran, ademais, que o Consello de Contas publicou estudos nos que asegura que "non hai xustificación" para este tipo de operacións.

"O Consello de Contas di que a externalización non se usa correctamente, e fala de ocultación e falta de transparencia", apuntou Montserrat Prado, que asegurou que a actitude da Xunta en sanidade é para "ruborizarse", "tan pouco seria que pon os pelos de punta".

A socialista Elena Espinosa expresouse nos mesmos termos e lamentou que a sanidade galega fose "a máis envexada", algo que, apuntou, xa non ocorre hoxe. Para os socialistas, o problema está "na accesibilidade do sistema", xa que "probablemente" non existan profesionais tan competentes noutros lugares como os hai no sistema público. "Hoxe un enfermo non ten seguridade plena de asistencia", afirmou, asegurando que o sistema non ten "capacidade" para atender.

"E isto ten unha fácil explicación: que o PP leva 15 anos recortando en sanidade", esgrimiu, lembrando que as "listas de espera avultadas" son unha das primeiras "xustificacións" que utiliza a Xunta para levar a cabo as derivacións. "Son necesarios máis recursos para acabar co colapso e coa derivación. E para progresar cara a iso, necesitamos información", concluíu.

O PPDEG LEMBRA O GASTO EN CONCERTOS SANITARIOS DO BIPARTITO

Pola súa banda, a popular Encarna Amigo lamentou que os nacionalistas se "afanen" en presentar iniciativas "fóra da realidade", no canto de propostas que "melloren" a sanidade.

A deputada argumentou que a intensidade de derivacións é moito menor coa actual Xunta de Galicia que durante o goberno bipartito e apuntou, sobre as liñas de espera, que "máis da metade dos galegos teñen cita en atención primaria en dous días".

"Levamos demasiado tempo escoitando despropósitos contra a sanidade pública, pero a realidade é que as análises e indicadores deixan ao Sergas nunha posición envexable en relación a outros sistemas", aseverou.

Amigo criticou tamén que o BNG estude os informes de forma "intermitente" -- "unhas follas interésanlles e outras non" -- de forma similar, deslizou, ao funcionamento do escano da eurodeputada nacionalista Ana Miranda, "que estará un tempo si e un tempo non".

A popular insistiu en que os informes do Consello de Contas "demostran que nunca un goberno gastou tanto en concertos coa sanidade privada como o bipartito" e que hoxe, este tipo de servizo, non supera o 5% do orzamento do Sergas.

Pleno do Parlamento. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta