O TSXG confirma a condena a 11 anos de cárcere para a educadora social que abusou sexualmente dunha menor en Redondela

A sala ratifica o fallo da Audiencia de Pontevedra ao considerar crible a declaración da menor e o resto de probas e testemuños

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2024 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a once anos de cárcere para a educadora social por abusar sexualmente dunha menor no centro de Redondela no que traballaba e onde a vítima se atopaba interna.

A resolución da sala do Civil e Penal do Alto Tribunal galego, contra a que cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo, ratifica o fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra ditado a mediados do pasado mes de xaneiro. Por tanto, a sala do TSXG rexeita o recurso da defensa ao dar por acreditado tanto o testemuño da vítima como as declaracións do resto de testemuñas, que os maxistrados ven apoiados nos documentos e escritos oficiais e nas mensaxes e correos intercambiados entre a acusada e a agredida.

Na sentenza de xaneiro, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a 11 anos de cárcere á traballadora social que abusou dunha nena de 13 anos que coñeceu nun centro de menores de Redondela.

Os maxistrados considérana autora dun delito continuado de abuso sexual, impóndolle 11 anos de prisión, así como a inhabilitación especial para o exercicio de calquera profesión ou oficio que implique relación ou contacto con menores de idade por cinco anos máis que a pena privativa de liberdade.

Tamén se lle condenou a liberdade vixiada durante oito anos e a prohibición de aproximarse a menos de 100 metros da vítima ou comunicarse con ela polo tempo de 15 anos. Ademais, terá que abonar unha indemnización á vítima de 8.000 euros. Os feitos ocorreron a partir de marzo de 2019, cando a agora condenada iniciaría unha relación sentimental coa menor.

Fachada das dependencias do Xulgado
Fachada das dependencias do Xulgado | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta