Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/06/2024 | Actualizada ás 12:24
Renfe eliminou as indemnizacións que ata agora ofrecía por atrasos de 15 e 30 minutos nos AVE, e a partir de xullo só indemnizará os atrasos dun mínimo de 60 minutos, limitándose así a cumprir coa normativa española. Ata agora, Renfe destacaba entre todos os operadores por ofrecer un compromiso de puntualidade moi superior ao mínimo esixido pola lexislación, devolvendo o 50 % do billete por un atraso superior aos 15 minutos e o 100 % se o tren chegaba máis de 30 minutos tarde.
A partir do próximo 1 de xullo, segundo informou con motivo da actualización do seu compromiso de puntualidade, para recibir o 50 % do prezo do billete, a demora terá que ser igual ou superior a 60 minutos, mentres que para recibir o 100 % terase que atrasar máis de 90 minutos.
No entanto, Renfe seguirá distinguíndose da competencia de Iryo e Ouigo á hora de elixir a forma de cobrar esa indeminización. Se o fai en efectivo ou cartón, non haberá vantaxes adicionais, pero se se escolle un vale de compra para outro billete, o reembolso será do 150 %, e se o usuario decántase polos novos puntos Renfe (Renfecitos), o reembolso chegará ao 200 %. Par esta última opción, haberá que dispor do cartón Máis Renfe, o seu plan de fidelización. Nese caso, Renfe defende que seguirá ofrecendo "as mellores condicións de compensación do mercado". Todos os trens comerciais AVE, Avlo, Alvia, Euromed e Intercity acolleranse ao mesmo compromiso de puntualidade.
A XUNTA PIDE EXPLICACIÓNS SOBRE O CAMBIO
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou que pedirán "explicacións" pola decisión. A preguntas dos xornalistas, coincidindo coa súa presenza nun acto conmemorativo promovido pola Delegación do Goberno en Galicia, trasladou o "estupor" na Xunta polo "cambio" na política de indemnizacións.
"Preocúpanos que os atrasos que se están sufrindo en Galicia non sexan conxunturais e solucionados en pouco tempo, dá a sensación que pasan a ser habituais e normais", aseverou sobre a chegada dos trens Avril a Galicia. O conselleiro asegurou que por parte do Executivo galego entendeuse que "nas primeiras viaxes" puidese existir "algún desaxuste" pero non "tres semanas máis tarde". "Non é normal que cambie unha política de indemnizacións", sentenciou tamén no acto de homenaxe a delegados do Goberno en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.