Psicólogo sobre o uso dos cascos en mozos: "Non hai que estigmatizalos, seguramente teña máis que ver cunha moda"

O psicólogo Roberto Antón Santiago asegura que "se tende moito a estigmatizar este tipo de cousas e de condutas propias da adolescencia, como se todo o que fan os rapaces e as rapazas fose problemático, sen lembrarnos de que nós faciamos o mesmo aínda que fose doutro xeito".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dun tempo cara esta parte é habitual ir pola rúa e cruzarse con ducias e ducias de mozos que levan auriculares ou cascos postos. Se antes se usaban os pequeniños que non chamaban tanto a atención, cada vez empréganse máis grandes e voluminosos, que aillan mellor o son externo e permiten escoitar a música ou os podcasts con mellor calidade de son. Algo que semella ser unha moda, preocupa aos proxenitores cando vén que os seus fillos xa non só é que leven os cascos porque lles guste ir pola rúa escoitando música, senón que ás veces o que acontece é que non queren escoitar o que hai fóra, chegando ao punto de xerar tal dependencia que se se esquecen destes aparatos, teñen que dar volta á casa. Dende o Galicia Confidencial, conscientes de que se trata dun asunto de plena actualidade, contactamos con Roberto Antón Santiago, psicólogo especializado en conduta.

Moza usando cascos
Moza usando cascos | Fonte: Pixabay

"Eu non estigmatizaría este tipo de condutas", advirte Antón Santiago, que comprende que "aos rapaces lles gusta estar un pouquiño ao seu aire e, cos cascos, síntense un pouco máis protexidos, pois evitan o contacto social que, ás veces, nesas idades lles pode resultar algo incómodo". Así, considera que "os cascos lles axudan a estar máis pechados no seu mundo". E pon outro exemplo desa necesidade de aillarse que teñen os adolescentes: o uso da capucha, para "pasar desapercibidos, que non se note moito que están aí", algo que se observa aínda máis "naqueles rapaces que teñen máis dificultades a nivel social". Ao final, a adoslecencia ten ese denominador común. Ademais, o psicólogo tamén cre que "o uso deste tipo de aparatos é unha moda e non me extrañaría que dentro dun tempo, tamén os que non somos xa adolescentes asumamos este tipo de condutas con total normalidade". 

De feito, para o psicólogo isto do aillamento social na etapa adolescente non é nada novo, senón que é algo que todos o vivimos, fose dunha ou doutra forma. "Nós tamén tiñamos as nosas maneiras de facelo, dependendo da época: pecharse na habitación para xogar co ordenador ou a videoconsola, ler cómics... Tratábase tamén de ter un pouco o noso espazo", explica, engandindo que "moitas veces os rapaces tamén se meten na habitación cos cascos ou mesmo os usan mentres están comendo e iso é algo que aos proxenitores lles custa entender". Con todo, apunta a que "tamén nós os adultos ás veces cando estamos comendo non estamos socializando porque estamos vendo a televisión". "Se estamos vendo un tema político na tele é normal que os nosos fillos poñan cascos", chancea o profesional.

"AGORA LEVAR CASCOS RESULTA ESTETICAMENTE ATRACTIVO, EU NON LLE DARÍA DEMASIADA TRASCENDENCIA PSICOLÓXICA"

Así as cousas, fai un chamamento a non alarmarse, porque "nós tamén nos aillabamos, aínda que tivésemos outras maneiras de facelo: a través da música, dos videoxogos ou dos cómics; eles o fan deste xeito porque agora resulta esteticamente atractivo, sen máis". "Eu non lle daría demasiada trascendencia psicolóxica, porque realmente son cuestións que se poñen de moda e que nós faciamos doutro xeito porque naquel momento había outras modas ou outras maneiras de facelo", destaca. Aínda que tamén concede que "logo habería que ver cada caso concreto por separado, porque pode haber casos puntuais que si que presenten algún síntoma de problemas de relación social". Pero, "como normal xeral, entendo que é unha moda", incide.

Mozos con auriculares
Mozos con auriculares | Fonte: Commons

Dende o seu punto de vista, asegura que "téndese moito a estigmatizar este tipo de cousas e de condutas propias da adolescencia, como se todo o que fan os rapaces e as rapazas fose problemático, sen lembrarnos de que nós faciamos o mesmo aínda que fose doutro xeito". Se ben é certo que "agora pasan moitas horas cos dispositivos electrónicos, co móbil e as pantallas, tamén nós ao mellor pasabamos moitas horas coa televisión, o ordenador ou a consola, simplemente son diferentes maneiras de comunicarse e de vivir". Un 50 % dos mozos de entre 25 e 34 anos enquisados nun estudo de hábitos auditivos realizado por GAES aseguraba que prefería traballar con música, un 60 % que se relaxaba co son en lugar de co silencia, e un 93 % que escoitaba música mentres facía deporte. En canto ao número de horas ao día, a metade recoñecía que os usaba ata tres horas ao día e un 15 % máis de cinco.

"A MÚSICA É UNHA COMPOÑENTE FUNDAMENTAL NA ADOLESCENCIA, TEN QUE VER COA CONSTRUCIÓN DA IDENTIDADE"

Por outra banda, Antón Santiago asegura que "a música é unha compoñente fundamental na adolescencia e, en xeral, ao longo de toda a vida, pero se cadra máis nesa etapa da adoslecencia". Por iso, entende que "aos rapaces e ás rapazas ir escoitando os seus podcasts ou a súa música é algo que lles gusta e lles aporta". Para o psicólogo, a música "ten que ver coa construción da identidade". "A adolescencia é un período moi intenso, todos temos esas cancións gravadas na mente deses momentos de diversión adolescente que pasamos vinculados a un tipo de música ou canción determinada, momentos de moita intensidade, de coñecer a esa persoa que che gusta ou de pasar unha noite ou un día fantástico que recordarás para sempre, e a música sempre é un ingrediente presente en todos eles". Ademais, apunta á adolescencia tamén como "unha época de descubrimento, de escoitar música que engancha co momento vital que están pasando". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta