Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/06/2024 | Actualizada ás 14:27
A primeira xornada de folga do persoal do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo, en demanda dunha "subida xusta" dos salarios, rexistrou un seguimento "do 100 %" na quenda desta noite, na que "ningún traballador acudiu ao seu posto" de traballo, segundo informou a CIG. O paro, engade, repetirase os días 20 e 21 e do 23 ao 25 deste mes, coincidindo coas Festas de San Xoan. Ao este respecto, o Concello de Carballo decretou servizos mínimos os días 17, 21, 24 e 25 en horario de 06.00 a 13.05 horas.
A organización sindical explica que esta convocatoria de folga débese "ao bloqueo da negociación do convenio colectivo" por parte da empresa concesionaria (UTE integrada por Urbaser SA e Servizos Galegos de Lacería SL). Apunta que os traballadores están a cobrar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) mentres a empresa "limítase a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por encima do SMI". Para os seguintes anos de vixencia do convenio, 2025 e 2026, critica, "ofreceu un mísero incremento de entre o 1,7 % e o 2 %".
Por outra banda, a CIG sinala que UTE Carballo "tampouco quere asumir" a reivindicación dun complemento de Incapacidade Temporal (IT) do 100 % no caso das baixas por accidente e nas continxencias comúns, "aínda que se trata dun sector de especial perigo e penosidade por traballar en quendas, ao aire libre e sometido a altos índices de toxicidade". Por iso, o persoal do servizo de recollida de lixo mobilízase para reclamar unha "subida xusta que aproxime os seus salarios aos que perciben compañeiros e compañeiras deste sector en concellos de características similares a Carballo", así como que "se garanta que todas as categorías están por encima dos incrementos do SMI e incluír no convenio unha cláusula de revisión salarial referenciada ao IPC real".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.