A galega R será vasca este xoves

A Xunta de Euskaltel aprobará mañá a compra da compañía telefónica galega. Abanca seguirá sendo accionista minoritaria da empresa logo de aportar 80 millóns de euros na ampliación de capital.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/11/2015 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

R deixará de ser galega este xoves. A Xunta Xeral de Accionistas extraordinaria de Euskaltel aprobará a compra da empresa telefónica por 1.190 millóns de euros, así como a formalización dunha ampliación de capital para financiar a operación.

Informe provincias Arturo Dopico, responsábel da operadora R
Informe provincias Arturo Dopico, responsábel da operadora R | Fonte: xatakamovil

Euskaltel adquirirá, deste xeito, o control de R Cable mediante a compra do 100% do seu capital ás sociedades Rede Brigantium -que pertence ao fondo CVC e ten o 70% do capital de R Cable-, e Abanca, entidade financeira que posúe até agora o 30% restante.

Sen embargo, manteranse as dúas marcas e o carácter local de ambas as dúas, que teñen unha gran implantación nos seus territorios, xa que Euskaltel dá acceso de fibra ao 85% dos fogares do País Vasco, mentres que R Cable, que se fundou en 1998, chega ao 63% dos fogares galegos.

O prezo definitivo da operación quedou establecido en 1.190 millóns de euros, incluíndo 300 millóns de euros de débeda estimada de R Cable a 30 de setembro de 2015, que se refinanciará por Euskaltel, e o resto será pago en metálico.

Para financiar a compra, Euskaltel fará dúas operacións: pedirá un crédito e ampliará o seu capital. O préstamo duns 600 millóns de euros negociouse con varias entidades bancarias, lideradas por Santander, BBVA, Caixabank e Kutxabank.

A ampliación de capital será duns 255 millóns, 80 millóns dos cales serán subscritos por Abanca, de maneira que a entidade financeira que era copropietaria de R Cable pasará a ser accionista minoritario de Euskaltel. O banco vasco Kutxabank, que agora ten o 30 por cento, seguirá sendo o primeiro.

Euskaltel xa pediu hai uns meses outro crédito de 470 millóns para refinanciar a súa débeda e pagar o dividendo extraordinario e os bonus pola súa saída a Bolsa.

Tras a absorción de R Cable, Euskaltel terá unha rede de fibra duns 725.000 quilómetros, máis de 715.000 clientes residenciais e empresariais, uns ingresos de 570 millóns de euros e un resultado de explotación bruto ou Ebitda de 265 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breoghain

Galega galega, já não era.