Críticas por saturación do sistema de reserva de billetes dos trens de Renfe

Fontes de Renfe din que non hai "colapso" e que para iso están as "colas virtuais", para xestionar as esperas dos usuarios.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/06/2024 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

As redes sociais ferven este mércores pola situación de saturación da web e APP de Renfe para a reserva de billetes nos trens da empresa pública. O motivo, a saída á venda de tickets para que os mozos de entre 18 e 30 anos, poidan viaxar este verán con rebaixas de ata o 90%.  Fontes de Renfe confirman esta situación pero rexeitan que a web ou as plataformas de reserva estean "colapsadas". "Hai unha demanda maior por esta situación pero os usuarios son mandados a unha cola virtual", aseguran en declaracións a Galicia Confidencial.

Saturación da plataforma de venda de billetes de Renfe
Saturación da plataforma de venda de billetes de Renfe

Con todo, estas "colas virtuais" superan, nalgúns casos, os 30 minutos de espera, facendo inviable a reserva de billetes. Noutras, e logo dun gran tempo de espera, os usuarios son rexeitados ao caducar, precisamente, ese tempo de espera. "É certo que, dependendo do momento, haxa que agardar máis, pero son situacións puntuais", defenden desde Renfe.

Desde a empresa pública de transportes insisten en que esta situación é temporal e que non hai "ningún colapso", senón que se trata só de "turnos de espera". "Para iso están as colas virtuais, para evitar o colapso", din. Moitos usuarios, pola contra, critican os longos tempos de espera o que imposibilita reservar os seus billetes. Con todo, desde Renfen din non saber cando vai durar esta situación que atribúen á demanda do programa 'Verán Novo'.

Con ese programa, os mozos entre 18 e 30 anos poderán viaxar cun 50% de desconto en trens de Alta Velocidade (AVE e Avlo) e Longa Distancia, cun máximo de desconto de 30 euros por billete, e en Avant, así como cunha rebaixa do 90% para o resto dos servizos de Media Distancia ou da rede de Ancho Métrico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta