Unha vintena de expertos recomendan a reforma do sistema de financiamento e competencias dos municipios

A secretaria xeral da Fegamp, Patricia Vilán, incidiu no V Congreso Red Localis na importancia dunha maior colaboración entre administracións para resolver os problemas de financiamento e as competencias locais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2024 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

Unha vintena de expertos, académicos investigadores e xestores públicos das entidades locais e autonómicas, que participaron durante dúas xornadas en Santiago de Compostela no V Congreso Red Localis, recomendaron unha reforma do sistema de financiamento e competencias dos municipios.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, foi a encargada de inaugurar estas xornadas, incidindo na necesidade de modernizar o marco lexislativo local, tamén no ámbito estatal. Do mesmo xeito, a secretaria xeral da Fegamp, Patricia Vilán, incidiu na importancia dunha maior colaboración entre administracións para resolver os problemas de financiamento e as competencias locais. Segundo apuntou a organización destas xornadas, o codirector da Red Localis, Alberto Vaquero, valorou as múltiples formas institucionais para solucionar os problemas derivados da fragmentación municipal.

Ademais, incidiu en que a reorganización da planta local para garantir os servizos municipais, especialmente naqueles con pouca poboación, non pode pivotar en alcanzar un número mínimo de habitantes, senón que debe ter en conta a necesidade de considerar outros indicadores como a dispersión poboacional, o número de parroquias e entidades singulares, a concentración de núcleos rurais, a situación xeográfica e unha completa batería de indicadores económico-financeiros.

Pola súa banda, na clausura do foro, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, puxo en valor o labor deste espazo para debater sobre as problemáticas no ámbito local e abordar propostas de solución. Na súa intervención, tal e como trasladou a Xunta, Calvo apostou por unha repartición de competencias entre as administracións na que se optimicen as funcións de cada unha. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego está a traballar coa Federación Galega de Municipios (Fegamp) coa finalidade de clarificar as competencias das administracións autonómica e local.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, na clausura do V Congreso Red Localis
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, na clausura do V Congreso Red Localis | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta