Por Galicia Confidencial | A Coruña | 17/11/2015 | Actualizada ás 18:00
A denominación de Origen Rioja está xogando forte en Galicia. Á visita de Feijóo á Rioxa a pasada semana para asistir ao aniversario dunha grande adega desa comunidade, súmase agora, a presentación desta denominación vitícola en Galicia logo de oito anos de ausencia no país.
Foi este luns na Coruña na que os viños da Rioja se presentan como “a locomotora do sector, non só no mercado nacional, senón tamén no internacional”. “"Aspiramos a ser luz e faro doutras rexións que fan viños de calidade, a ser a marca España", asegurou aos xornalistas o director xeral do Consello Regulador, José Luís Lapuente, na presentación do salón celebrada no hotel Finisterre da capital herculina.
Máis dun centenar de adegas de Rioxa están presentes neste salón de novidades. Un total de 284 viños de 110 adegas forman parte das novidades de 2015, tanto os criados en barrica como os varietais diferentes ao tempranillo, de viticultura ecolóxica, brancos e unha selección dos mellor puntuados nas guías de referencia.
Esta é a terceira vez que a Denominación de Orixe de Calidade Rioxa presenta as súas novidades na Coruña, despois das celebradas en 1999 e 2007, e destaca entre outras cidades galegas, tamén Ferrol, polo gran consumo dos viños desta denominación de orixe.
Precisamente, os empresarios rioxanos destacaron que un terzo deste mercado en Galicia cópano os viños Rioja, fundamentalmente tintos. “Galicia está ao mesmo nivel neste sentido que a zona natural de Rioxa, País Vasco e Navarra, o que di moito do aprecio que se ten dos nosos viños", destacou Lapuente.
O viño Rioja que se consume é, principalmente, tinto. Por iso, con esta presentación esta denominacion quere introducir tamén os brancos, un mercado no que o viño galego, principalmente o albariño, ten unha gran imaxe. “O 25% dos viños que se venden en España son brancos, o que representa unha oportunidade evidente para os nosos brancos”, dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.