Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/06/2024 | Actualizada ás 12:25
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) prevé dez millóns de desprazamentos polas estradas galegas nos meses de xullo e agosto, o 11% de toda España. Será nunha campaña de verán na que se intensificarán os controis de consumo de alcol. A primeira operación saída comeza este venres, día 28, ás 15:00 horas e estenderase ata as 24:00 horas do próximo luns día 1.
Así o informou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, nunha rolda de prensa celebrada este venres para presentar a campaña de verán de tráfico 2024 'Á estrada non lle importa canto bebiches. Só cero ten cero consecuencias', centrada no consumo de alcol e as drogas. Na mesma estivo acompañado, entre outros, pola coordinadora da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia, Vitoria Gómez Dobarro, e a subdelegada na Coruña, María Rivas.
"A realidade é que cada mes a Garda Civil detecta a máis de mil persoas conducindo baixo os efectos do alcol", apuntou Branco que apelou á "responsabilidade" de cada condutor. "Coller o coche despois de consumir alcol é unha elección consciente e persoal, como a decisión dunha persoa que avisa a outras dos controis nas estradas", dixo, sobre unha conduta que espera que "en moi pouco tempo sexa considerada delituosa".
Neste sentido, Branco destacou que se están "reformulando os controis para máis mobilidade e máis impacto e, sobre todo, maiores resultados". "A vixilancia intensificarase nos momentos craves do verán, fins de semana, cambios de quincena, de mes e nas pontes de 25 de xullo e 15 de agosto", recalcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.