O Resurection Fest é o "Resu", choiva ou non choiva

A chuvia non afogou un evento que xunta a milleiros de persoas na capital das músicas extremas de Europa.

Por Galicia Confidencial | Viveiro | 30/06/2024 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Crónica de Ramiro Vidal

Worst no Resu 2024
Worst no Resu 2024 | Fonte: Ramiro Vidal

Porque esta mañá, a auga despedía aos cidadáns do metal, regando os seus últimos momentos na acampada. O tempo para o último café, os abrazos até novos encontros cos amigos que fixeras durante anos anteriores, a conversa cos teus compañeiros de aventura valorando cada actuación ou os momentos mais especiais de cada unha delas, desdebuxábase entre as implacables pingas que ametrallaban o chan embarrado do parque infantil habilitado como barrio dormitorio para a lexión festivaleira. Cara as dez da mañá as nubes decidiron cesar momentaneamente o seu derramar auga sobre a vila mariñeira convertida en capital das músicas extremas, pero mantendo unha cor cincenta que convidaba a pensar que o silencio sobre os teitos das tendas sería breve e que a choiva retomaría axiña o seu repenicar, sendo a triste música do retorno a casa para moitos. 

A banda finesa de black metal Finntroll foi a encarregada de pór cerne a un festival no que abrían fogo na tarde do pasado mércores as rapazas de Hanabie. As heroínas do rock alternativo xaponés daban os primeiros pasos nunha maratón na que houbo minutos para as tendencias mais escuras do metal, como o grindcore de Empire State Bastard ou o deathcore de Shadow of Intent; as mais macarras, como o trashcore rapeado de Biohazard ou as mais transgresoras e gamberras, como o hardcore punk de Cro- Mags ou o metal fusionado con techno dos Electric Callboy. Todo isto, sen renunciar a grandes clásicos como o vocalista dos Iron Maiden, Bruce Dickinson; as vellas glorias do heavy alemán, Accept; ou os non menos míticos Megadeth, unha das bandas mais notables do thrash metal a nível planetario.

Toda unha viaxe polas tonalidades do metal e do punk; mundos complexos que semellan diluirse nas correntes actuais, ou que incluso parecen sepultadas no esquecemento nun mundo que xa valora formas de facer moi antagónicas coa cultura do rock, pero que se negan a desaparecer e que se fortalecen na reafirmación da raíz.

O Resurrection é unha expresión mais do enriba afirmado; a convivencia entre faccións e xeracións é posible con base a un sentimento de pertenza común. O xoven amante do stoner rock convive sen problemas co heavy de mediana idade, e a adolescente que ama as bandas mais clásicas do NYHCe, ao mesmo tempo, bebe das músicas “urbanas”, pode compartir espazo cos punkies da crista e os pantalóns de cadros escoceses.

Actuación no Resurrection Fest 2024
Actuación no Resurrection Fest 2024 | Fonte: Ramiro Vidal

Megadelta no Resu 2024
Megadelta no Resu 2024 | Fonte: Ramiro Vidal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta