A UPG celebra este domingo o seu XVI Congreso co BNG no seu mellor momento histórico en apoios

Faino coa incógnita de se o parlamentario do Bloque Néstor Rego repetirá nun cargo que ostenta desde 2012.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2024 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A Unión do Povo Galego (UPG), o partido hexemónico dentro do Bloque Nacionalista Galego, celebra este domingo na Cidade da Cultura o seu XVI Congreso, co que conmemora 60 anos da súa fundación no mellor momento histórico a nivel electoral do nacionalismo galego. Baixo o lema '60 anos de loita polo socialismo e a soberanía da Galiza', a organización de ideoloxía marxista leninista fundada en 1964 que encabeza na actualidade o deputado no Congreso Néstor Rego reúnese para actualizar os seus postulados políticos e renovar a súa dirección, coa incógnita de se o parlamentario do Bloque repetirá nun cargo que ostenta desde 2012.

O conclave da forza hexemónica dentro da fronte de partidos que conforman o BNG chega no mellor momento histórico do nacionalismo galego a nivel de apoio social tras alcanzar, con Ana Pontón como referente, máis de 470.000 votos nas últimas eleccións galegas. Un momento no que, mesmo, o nacionalismo galego logrou suturar as feridas abertas durante máis dunha década coa ruptura da Asemblea Nacional de Amio en 2012, na que, precisamente, a vitoria do sector encabezado pola UPG provocou a saída dos 'irmandiños' de Xosé Manuel Beiras. Doce anos despois, Beiras e Pontón selaron a reconcialiación durante a campaña das autonómicas.

"LOITA POLA AUTODETERMINACIÓN"

Nun comunicado emitido este venres, a UPG reinvidica as seis décadas de "traballo ininterrompido a favor da transformación social de Galicia e da súa independencia nacional" e subliña que, 60 anos despois, a "loita pola soberanía nacional" continúa sendo "clave" para os obxectivos políticos da organización.

De cara ao seu congreso, fíxase como obxectivo actualizar as súas análises sobre a situación política e socioeconómica de Galicia de cara a situar ao movemento nacionalista "nun papel determinante", así como tamén definir a súa postura ante un contexto estatal e internacional que ven marcado pola "crise social e económica" e a "inestabilidade" que provoca "a política belicista impulsada polo imperialismo".

Así as cousas, a UPG quere "robustecer ideolóxicamente" o nacionalismo "reforzando o perfil propio" desde o "cuestionamento" do modelo constitucional e autonómico, á vez que, a nivel interno, márcase como metas "impulsar" o crecemento da militancia e "mellorar" o seu funcionamento.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, intervén durante o acto de Agora Repúblicas, no Círculo de Belas Artes, a 29 de maio de 2024, en Madrid
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, intervén durante o acto de Agora Repúblicas, no Círculo de Belas Artes, a 29 de maio de 2024, en Madrid | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta