Pontón sobre os proxectos de Altri e Cobre San Rafael: "Terían un efecto letal para a ría de Arousa"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de pór "os intereses de dúas multinacionais por enriba do interese da xente do mar".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/07/2024 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de pór en risco a ría de Arousa coas "bombas ambientais" da fábrica de fibras téxtiles que proxecta Altri en Palas de Rei e o novo proxecto da mina de Touro e O Pino, declarado de interese industrial estratéxico polo Goberno galego. Tras un encontro en Vilagarcía con cargos do Bloque de municipios afectados por estes proxectos, Pontón remarcou que da ría de Arousa viven 4.000 familias, polo que estas iniciativas industriais terían un "efecto letal".

"O goberno de Rueda coloca os intereses de dúas multinacionais por enriba do interese da xente do mar, porque tanto a actividade da mina de Touro como a da macrocelulosa de Altri terían un efecto letal para a ría en termos de contaminación, co risco de liquidar a actividade marisqueira e liquidar o medio de vida de miles de familias", advirte.

Así mesmo, apunta a un "grave problema de produtividade" que arrastra a ría de Arousa e que se agravou nos últimos anos pola mortaldade masiva. Ante iso, o PP "leva anos cruzado de brazos e, lonxe de ser parte da solución, é parte do problema". De feito, avisa que estes proxectos industriais "poden significar a morte definitiva do marisqueo". Ademais, o Bloque lanza propostas como un plan de rexeneración para a ría, acordado co sector, universidades e centros de investigación. E é que reclama que os 250 millóns de diñeiro público que quere Altri "estarían mellor investidos na mellora da ría de Arousa e do río Ulla".

Mentres, por parte de Cobre San Rafael exponse que "sorprende a opinión tan contundente da portavoz do BNG en contra dun proxecto que aínda non é público e, por tanto, calquera valoración non ten fundamento técnico". "A mina de Touro non vai ter ningunha relación coa actividade pesqueira ou marisqueira", aseguran. "En calquera caso está demostrado cientificamente que a mina de Touro non afecta nin ao río Ulla nin á ría de Arousa, tal e como avalan entidades de prestixio especializadas neste ámbito", sostén Cobre San Rafael, que engade que "a posta en marcha da produción de cobre en Touro farase ademais en circuíto pechado, polo que non existe ningunha posibilidade de afección ao río nin á súa desembocadura".

Encontro municipal en Vilagarcía do BNG
Encontro municipal en Vilagarcía do BNG | Fonte: BLOQUE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Os galeg@s tenhem o votado. Desertificaçom da Galiza, convertida num deserto verde, graças ao eucalipto; e a emigraçom senom querem morrer com a fame, graças ao PP.