(Vídeo) A Illa de Tambo, visitable dende hai algo máis dun ano: un lugar rodeado de lendas con presenza militar ata o 2002

Sabías que conta a lenda que na illa había unha novicia que foi raptada polos mouros? E que o pirata Francis Drake fixo nela unha desfeita? O GC cóntache os misterios que a envolven.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 01/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Illa de Tambo é unha desas illas rodeadas de lendas. Ata fai pouco máis dun ano non podía visitarse, o que tamén contribuíu ao escurantismo sobre o que nela había. Segundo conta a lenda de Santa Trahamunda, na illa había unha novicia moi guapa que foi secuestrada nun ataque dos mouros, segundo algunhas fontes por Abderramán I, e segundo outras, polo seu segundo neto Abderramán II. Sería levada a Córdoba para unirse ao harén e, ante a súa negativa, foi encerrada no cárcere durante 11 anos. O 23 de xuño pediu a Deus atoparse en Poio ao día seguinte, día de San Xoán, e un anxo deulle unha rama de palma coa que viaxou a Galicia. Máis tarde, plantou a palma preto do mosteiro de Poio, onde xerminou e se mantivo ata o século XVI. A súa tumba, de estilo suevo, consérvase na capela do mosteiro de Poio.

Illa de Tambo en Poio
Illa de Tambo en Poio | Fonte: Turismo de Galicia

A illa atópase no fondo da ría de Pontevedra e pertence ao Concello de Poio, do que está separado por unha canle de 1,1 quilómetros, pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 0,28 quilómetros cadrados, cunha altura máxima de 80 metros, aínda que toda a súa parte central supera os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 quilómetros. 

Nun comezo a illa de Tambo foi denominada Thalavo, Tanavo e Toambo, aínda que a versión histórica máis críble é a que asocia o seu topónimo á raíz latina 'tumulus' ou á grega 'tumbos', que fai alusión á súa forma circular e elevada a xeito de monte sepulcral, de aí que alguén quixese asociar esta peculiar característica para dicir que Tambo é a transformación que o nome 'Tumba' puido ter tido no seu tempo. Ademais desta teoría, existen estudos que sosteñen que existiu na illa un altar pagano construído como culto ao deus Tomeóbrigo, e mesmo un templo adicado a Neptuno. 

Os primeiros indicios de habitación da illa atópanse na súa zona máis elevada, onde existen restos dun asentamento castrexo da Idade de Ferro. A primeira fundación monacal data do século VI, levada a cabo por San Martín Dumiense, e sería unha ermida que logo sería transformada en mosteiro por San Fructuoso, vinculado ao convento benedictino de San Xoán de Poio. Máis adiante convertiríase en priorato baixo a advocación de Santa María de Gracia. No século XII a illa de Tambo pertencía á raía Dona Urraca e foi doada ao convento de San Xoán de Poio. Os veciños de Combarro usaron a illa durante séculos, onde traballaban as súas terras e celebraban romarías.

A figura de Santa María de Graza foi tirada ao mar polo pirata Francis Drake en 1589, que arrasou co asentamento benedictino da illa. A imaxen sería recollida polos pescadores de Combarro que a agocharon entre as súas redes e, máis tarde, construíron un santuario no lugar de A Renda, onde aínda hoxe se lle rinde culto. Volvendo a Tambo, non sería ata o século XVIII que se reedifica a ermita existente e se adica a San Miguel (devoción dos mariñeiros). 

En 1846, coa desamortización de Mendizábal, deixou de pertencer aos monxes de Poio e anos despois foi mercada polo por aquel entón ministro de Xustiza, Eugenio Montero Ríos. Nese mesmo século XIX constrúese un lazareto para cuarentena de tripulantes ou pasaxeiros que puideran padecer enfermidades contaxiosas e que chegasen ao Porto de Marín. Ponse en funcionamento en 1865 e funcionou ata 1879, ano no que foi clausurado debido ás protestas dos pontevedreses, sendo trasladado á illa de San Simón, na ría de Vigo, debido ao auxe que estaba experimentando a cidade naquela época. 

Pouco despois, no ano 1882, os católicos protestantes de Marín e Seixo usaron a pequena cala da illa para bautizar aos novos crentes da comarca do Morrazo. A lei en vigor prohibía manifestacións públicas de calquera relixión diferente á do Estado, así que esta xente desprazábase pola noite a Tambo, xa que estaba deshabitada, para realizar bautismos e evitar así as denuncias dos seus opoñentes.

En xullo de 1916 pola Real Orde do Plan Xeral de Balizamento da Ría de Marín acordouse erguer o faro da punta de Tenlo Chico, na pequena península do mesmo nome que mira cara ao sur, diante do porto de Marín. A torre, de 38 metros de altura, ergueuse entre 1921 e 1922, alumeando por primeira vez aos mariñeiros na noite do 30 de novembro de 1922, con luz branca de ocultacións equidistantes e un alcance de 15 millas náuticas. O proxecto do faro de Joaquín González Díaz redactado no 1918, refórmao o enxeñeiro de camiños Ramiro Pascual Lorenzo, responsable do servizo de obras públicas de Pontevedra. A estrutura presenta un curioso formato de torre troncocónica de formigón armado revestido de perpiaños, cunha escala helicoidal exterior que sobre ata a lámpada. 

A illa foi de uso castrense dende mediados do século XX ata o ano 2002, cando quedou oficialmente desmilitarizada. Entre as instalacións militares había un polvorín subterráneo da Marina, hoxe abandonado e en ruínas. Ten tamén varias casiñas na costa norte, algunha barraca e a casa do oficial onde se aloxaba o oficial asignado á patrulla de vixilancia da quenda encargada de custodiar a illa. Unha vez que se deixaron de realizar nela actividades militares foi reclamada polos comuneiros de Combarro, veciños e o Concello de Poio que solicitou á Xunta a súa inclusión no Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

A illa cambiou de propietarios en múltiples ocasións. A finais do século XIX as autoridades demandan unha concesión oficial. Os señores Montero Ríos e García Escudero ceden os terreos dunha parte da illa para a construción dun centro penitenciario. Na actualidade a illa pertence ao Ministerio de Defensa. Coa chegada da escola naval a Marín, convertiuse en arseal e almacén de pólvora, e mesmo na década dos 50 houbo unha tentativa para construír nela unha pista de aterrizaxe para avións militares. 

A día de hoxe pódese visitar só durante dúas datas: o 31 de xullo e o 7 de agosto, excursións organizadas pola Asociación Cultural Recreativa e Veciñal e Combarro e pola Comunidade de Montes Rega dos Agros. Na última visita participaron ao redor de 1.000 persoas, tal é a curiosidade que esperta entre galegos e foráneos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta