Protestas de varias ANPAs por recortes na educación no rural a uns días do comezo do curso escolar

Tanto a ANPA do Colexio Vila de Cee como a ANPA A Santaia do CPI Fonte Díaz de Touro denuncian que o número de alumnos por aula é demasiado elevado e non cumpre as ratios e que o número de profesores é insuficiente para atender correctamente aos rapaces.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 08/09/2024 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A tan só uns días de dar comezo o curso escolar 2024/2025, hai ANPAs (asociacións de nais e pais) que advirten de que os recortes en materia de educación continúan poñendo en xaque a colexios de diferentes localidades galegas, especialmente a aqueles situados no rural. En concreto, nesta ocasión foron a ANPA do Colexio Vila de Cee; e a ANPA A Santaia, do CPI Fonte Díaz de Touro, as que anunciaron protestas e mobilizacións de non solventarse sendas situacións que consideran inasumibles: o número de alumnos por aula é demasiado elevado e non cumpre as ratios e o número de profesores é insuficiente para atender correctamente aos rapaces.

Protesta da ANPA A Santaia, do CPI Fonte Díaz en Touro, ante o recorte de profesorado
Protesta da ANPA A Santaia, do CPI Fonte Díaz en Touro, ante o recorte de profesorado | Fonte: Cedida - Arquivo

Máis en concreto, a ANPA do Colexio Vila de Cee vén de facer pública unha denuncia ante a Inspección Educativa e a Xefatura Territorial de Educación, sinalando o que consideran un grave incumprimento das ratios asinadas pola Consellería de Educación, expostas na resolución do 10 de xaneiro e publicadas no DOG número 12 deste mesmo ano. Segundo explican dende a ANPA, estes recortes afectan a todo o colexio, sendo especialmente perxudicados catro cursos de Primaria, que non contan cos profesionais mínimos para garantir unha atención axeitada ás necesidades e volume de alumnos matriculados.

Para dar a coñecer a gravidade da situación convocan, xunto con FEDANPAS e outras entidades que traballan na defensa do ensino, unha concentración, que terá lugar o vindeiro martes, día 10 de setembro ás 19 horas na Praza 8 de Marzo. Desde a ANPA aseguran que a situación é insostible, especialmente tendo en conta que non se cumpre a normativa actual na que ningún curso que tivese entre 20 e 25 alumnos/as no curso pasado podía ter máis dos que tiña, que o alumnado repetidor computa e que o alumnado con discapacidade recoñecida conta de maneira especial nas ratios..

"Inicialmente íbase contar cun profesional máis de Primaria, ao non cumplir cos requisitos previos, pero a 4 días de empezar o colexio enterámonos de que nin sequera este acordo excepcional de mínimos se vai cumprir, algo que nos parece intolerable”, sinala unha portavoz da ANPA. A denuncia das familias tamén subliña o impacto da redución das horas lectivas para o profesorado, que se aplica sen un incremento proporcional no número de mestres/as. Isto está a afectar o apoio educativo e as gardas, co consecuente impacto negativo para o alumnado. "A falta de recursos non só recorta a educación dos nosos fillos, senón que sobrecarga ao profesorado e limita as oportunidades dos estudantes", afirman desde a ANPA.

Unha das cuestións que máis preocupa á comunidade educativa de Cee é o feito de que, unha vez máis, os recortes afecten de maneira máis intensa ao rural. "A Costa da Morte segue sen ser tida en conta nas políticas educativas. A educación no rural parece ser un ámbito onde a Xunta cre que pode aplicar recortes sen consecuencias, pero as consecuencias son ben reais para os nosos nenos e nenas", denuncia o colectivo de pais e nais. Desde a ANPA deixan claro que non van deixar de loitar ata que se repoñan os recursos recortados e se respecten os acordos asinados pola Consellería de Educación. "Estamos a falar do futuro dos nosos fillos e fillas. Non podemos permitir que se xogue cos seus dereitos. O noso compromiso é firme: non imos parar ata que se cumpran os acordos asinados", conclúe o portavoz da ANPA.

ANPA A SANTAIA, DO CPI PLURILINGÜE FONTE DÍAZ DE TOURO

Pola súa banda, a ANPA A Santaia do CPI Plurilingüe Fonte Díaz de Touro tamén denuncia recortes de profesorado na adxudicación docente para o curso 2024-25. Segundo comunica a dirección do centro, perden un segundo mestre de inglés que o curso pasado completaba o horario da profesora definitiva que, ademais, asume a xefatura de estudos de primaria. Deste xeito, a Consellería de Educación pretende que esta mestra imparta 19 horas de docencia, polo que debería renunciar a 3 das 6 horas de redución que lle corresponden para a realización de tarefas propias do cargo que desempeña (xefatura de estudos de primaria).

Esta situación provoca o recorte de tres horas de ensinanza plurilingüe en Infantil e outras seis en Primaria. "Vivimos nun mundo globalizado, no que o coñecemento de idiomas é unha ferramenta imprescindible, e consideramos un agravio que o alumnado do rural non conte coas mesmas oportunidades que os das cidades", lamentan dende a ANPA, e afirman que "se pretendemos un rural vivo, o noso alumnado debe ter acceso a un ensino de calidade, dotado de recursos suficientes".

Ademais, o centro non conta co profesorado de Primaria con horario dispoñible para a realización de apoios dentro das aulas e atención á diversidade. "É evidente que, o alumnado con dificultades educativas ten máis posibilidades de acadar bos resultados cunha atención máis personalizada. Cremos fundamental atender a diversidade e as necesidades individuais de aprendizaxe", esgrimen.

Ao mesmo tempo, varios períodos de garda quedarán desatendidos ao non haber profesorado suficiente, co trastorno de xestión e organización que isto tamén supón no día a día do centro. O CPI Fonte Díaz acolle alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria. Se os periodos de garda non están ben atendidos, é moi posible que xurdan problemas de convivencia entre o alumnado. Ademais, o alumnado das etapas inferiores precisan de supervisión constante.

Ante esta situación, a ANPA A Santaia convocou unha concentración o pasado martes 3 de setembro ás 20.00 diante das instalacións do colexio que contou cunha ampla participación da comunidade educativa e veciñal, entre os que se atopaban alumnos e alumnas, pais, nais, profesores, exalumnos e exalumnas, representantes do Concello e veciños da localidade. Durante o acto, varios rapaces tomaron a palabra para ler un manifesto no que expresaron a súa preocupación pola calidade da educación no centro e demandaron solucións inmediatas para evitar que os recortes poñan en risco o seu futuro académico.

A ANPA mantense en negociacións coa administración educativa e anuncia que continuará coas accións de protesta ata que a Consellería dote o CPI Plurilingüe Fonte Díaz dos recursos humanos precisos para atender as súas necesidades. De non facelo, suporía unha precarización das condicións laborais do profesorado e, inevitablemente o empeoramento na atención educativa que reciben as nosas fillas e fillos.

URXE MÁIS PROFESORADO

A Confederación de Anpas Galegas demandou máis profesorado para "compensar" a redución do horario lectivo dos docentes mentres advirte, remitíndose ao período de matrícula, de problemas cos cocientes por alumnos e alumnas, en base ao novo acordo subscrito pola Consellería de Educación. Nun comunicado, asegura que aínda non estiveron presentes no acordo sobre "medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo", afirma que o mesmo supón un avance sobre "a situación existente".

En concreto, alude a cuestións como "reducir a 20 os alumnos e alulas por aula, cunha redución progresiva; que o alumnado cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 ou 65 % compute, para efectos de cociente, como dous ou tres, respectivamente, ou que o horario lectivo do persoal docente de infantil e primaria reducirase a 23 horas".

"A nós non se nos convocou para ese acordo, pero aínda así concordamos con el no que melloraba a situación existente". "Con todo, non aplaudimos a temporalización aceptada, para nós demasiado demorada no tempo, nin a incerteza na que se deixaban os resultados da súa aplicación". Respecto diso, sostén que "xa no período de matrícula" constatouse que "non se ía a cumprir o asinado". "Os cocientes previstas non se respectan, desdóbrelos resultantes non se permiten", sostén en alusión a determinados centros e as incidencias, engade, que xa lles comunicaron.

Sobre a redución horaria do profesorado, afirma que redundará "nunha mellora obxectiva do ensino público galega", pero engade que "tiña que vir necesariamente compensada coa contratación do persoal para cubrir o tempo que agora se reduce ao persoal docente que ten cada centro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta