A nova Lei de Recursos Naturais obrigará a que os proxectos beneficien á cidadanía galega

A Xunta sitúa Galicia á vangarda do aproveitamento de recursos naturais cunha normativa única en Europa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 04/09/2024 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

A Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que empregan os recursos naturais de Galicia comeza a ser unha realidade. A normativa presentada no Parlamento galego pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ten un obxectivo claro: a cidadanía galega debe beneficiarse do aproveitamento dos seus recursos naturais. Con este obxectivo, a Xunta pretende converter a exclusiva riqueza natural de Galicia en riqueza social cunha lexislación “única” en España e en Europa.

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

DA RIQUEZA CULTURAL Á RIQUEZA SOCIAL

A partir da entrada en vigor da lei (que segundo as previsións será no último trimestre do ano), os promotores dos proxectos adquirirán un compromiso adicional para xerar un impacto socioeconómico positivo no territorio e na cidadanía galega á vez que cumpren todas as garantías ambientais. Así, afrontarase a necesidade de reindustrializar Galicia cara á descarbonización, á autonomía enerxética, á neutralidade climática e á sustentabilidade; pero coa garantía de que a nosa sociedade se vexa beneficiada deses proxectos.

Por unha banda, as iniciativas de competencia autonómica deberán incluír eses beneficios económicos e sociais no interior da avaliación do seu impacto ambiental. E, no caso de non ser preceptiva esta avaliación, a Xunta esixirá aos promotores un estudo de impacto social e económico do proxecto para a súa autorización. De igual modo, terase en conta a promoción de novos investimentos e, especialmente, de reinvestimento dos beneficios obtidos; así como a creación e o mantemento de emprego feminino, cualificado, directo e indirecto.

APROVEITAMENTO SOSTIBLE E AUTONOMÍA ENERXÉTICA

Con todo, a normativa impón un aproveitamento que se basee no desenvolvemento racional e sustentable do territorio galego con todas as garantías ambientais. A conselleira de Economía e Industria puxo como exemplo o modelo de países nórdicos como Suecia, Finlandia ou Noruega, que son "líderes da revolución industrial verde", pero tamén "referentes mundiais no coidado da natureza". Do mesmo xeito, esta nova lexislación tamén aposta por converter Galicia nunha potencia dun aproveitamento de recursos naturais que sexa ordenado, garantista e sostible.

Reforestación en montes galegos
Reforestación en montes galegos | Fonte: CO2 revolution - Arquivo

A redución da dependencia e dos custos da enerxía para as familias galegas e das industrias locais tamén é outra das prioridades desta Lei de Recursos Naturais, que inclúe, por exemplo, unha regulación específica para facilitar o autoconsumo nas áreas empresariais de forma que se favoreza a implantación de infraestruturas enerxéticas. Ademais, establece un canon á eólica mariña para compensar as súas afeccións na zona e regúlase un mercado voluntario de carbono para monetizar a súa redución e captación, xa que serán susceptibles de obter unha contraprestación económica.

PARTICIPACIÓN PÚBLICA

A Xunta participará en proxectos como referencia para o resto de participantes, por exemplo, a través da Sociedade Recursos de Galicia (RDG) que se está a converter nun potencial aliado para os axentes que operan no sector dos recursos naturais, pero tamén como solución para fogares e industrias. A Administración galega tamén participará nun fondo con achegas públicas e privadas que financiarán actuacións de recuperación de zonas afectadas por incendios de incidencia singular.

Tras o rexeitamento no Parlamento das emendas á totalidade, a conselleira de Economía e Industria amósase aberta ao consenso para construír unha "lei de país". Con este paso adiante, Galicia liderará o aproveitamento dos recursos naturais e situarase na vangarda de Europa á hora de rendibilizar a descarbonización e o abaratamento da enerxía. Todo isto nunha normativa que continúa protexendo o medio ambiente e, por primeira vez, garante que o aproveitamento dos recursos eleve a calidade de vida da cidadanía galega. 

Un cable, diñeiro e unha factura de luz
Un cable, diñeiro e unha factura de luz | Fonte: Alberto Ortega - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

A Xunta? O PP? Esa xente nunca tivo claro o que é estar adiante ou atrás, pero si arriba e abaixo. Unha organización criminal disposta para o ladroicio, seica dixera un xuíz...