Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2024 | Actualizada ás 16:25
O Goberno asegurou que EDP Renovables España non iniciou a solicitude de autorización administrativa para ningún do catro parques eólicos que pretende impulsar na contorna das Pontes, polo que por agora non cumpre co primeiro "fito" que recolle a normativa de 'Solicitude presentada e admitida da autorización administrativa previa'.
Así o sinalou o Executivo central en catro respostas escritas (unha por cada parque eólico) a preguntas do deputado do BNG, Néstor Rego, onde se cuestionada ao Goberno sobre o estado da tramitación das devanditas infraestruturas.
En concreto, trátase dos parques eólicos 'Carbeira', de 62 megawatts (MW) que estaría situado nos municipios coruñeses de Cerdido, Moeche, As Somozas, Valdoviño e As Pontes; 'Gondré', con 62 MW e establecido nas Somozas e As Pontes; 'Roidiz', de 80,6 MW e situado na Capela, As Pontes e Xermade, e 'Taboada', de 74,4 MW e situado en Xermade, As Pontes, Monfero e Guitiriz.
Todos eles, segundo recolle o Goberno, solicitaron en setembro de 2020 a elaboración do documento de alcance do estudo de impacto ambiental. Así, o 17 de febreiro de 2022 a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental emitiu documento de alcance para a avaliación ambiental destes proxectos.
Con todo, por agora ningún iniciou a solicitude de autorización administrativa. Aínda que consta que o parque eólico 'Carbeira' é o único que si conta con permisos de acceso e conexión á rede, mentres que o resto non.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.