Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2024 | Actualizada ás 15:31
Un informe destaca como puntos fortes da economía da provincia da Coruña o "dominio" no sector servizos, o crecemento do turismo, o superávit comercial "sostido" e o elevado peso no PIB galego. En concreto, trátase do Informe de Conxuntura Económica (ICE), editado polo Club Financeiro de Santiago, coa colaboración da Xunta de Galicia, que realiza unha radiografía da realidade económica da provincia coruñesa, tanto a nivel comarcal como municipal.
O estudo chama a atención sobre a "crecente participación feminina" no mercado laboral, o desenvolvemento de infraestruturas culturais e protección ambiental e a redución do endebedamento municipal. Como ameazas, recolle o desemprego xuvenil e o despoboamento, o incremento de custos enerxéticos e dependencia de importacións, a desigualdade de xénero no emprego, a falta de diversificación industrial e a exposición a catástrofes naturais e cambio climático. Entre as accións propostas para unha mellora económica, os autores apuntan á necesidade de diversificar a economía, potenciar o turismo sustentable, atraer investimentos en enerxía renovables, mellorar a infraestrutura de transporte e conectividade dixital, promover unha economía circular e verde e capacitar para as novas demandas do mercado laboral.
O ICE foi presentado este martes coa participación da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e Roberto Pereira Costa, presidente do Club Financeiro de Santiago. O informe foi elaborado por un equipo investigador composto por cinco economistas e profesores da Universidade de Santiago de Compostela: David Rodríguez, Emilia Vázquez e Maite Cancelo, profesores de Economía Cuantitativa; María Bastida, profesora de Organización de Empresas e Comercialización e Miguel Ángel Vázquez Taín, profesor de Facenda Pública e Sistemas Fiscais.
TURISMO SUSTENTABLE E DIVERSIFICACIÓN EMPRESARIAL
Cuestionados por medidas para lograr un turismo sustentable e a diversificación empresarial, sinalaron que "o mero feito de que se empece a pensar nestas cuestións xa é un avance cara ao turismo sustentable". Neste sentido, indicaron que hai "cuestións que hai que repensar" polo aumento da presión turística, aínda que foron cautos á hora de situarse sobre a taxa turística que Santiago prevé aplicar. "Require un estudo profundo. Hai que sopesar proles e contras", advertiu Taín, mentres Bastida constatou que a taxa "está destinada a quen pode pagala" e "a democratización" do lecer, ao seu xuízo, "debería" implicar que o turismo sexa "cousa de todos". Neste sentido, diferenciou entre sustentabilidade ambiental e social.
A CONSELLEIRA
Pola súa banda, a conselleira expuxo as liñas estratéxicas do seu departamento, en liña con algúns dos aspectos que aborda o informe. Así, desde o punto de vista industrial, defendeu a súa "política de aceleración, facilitar rapidamente chan e as tramitacións para que inmediatamente se poidan pór en marcha os proxectos industriais". No ámbito enerxético, avogou por "avanzar na autosuficiencia dos territorios" de cara á "autoprovisión", co obxectivo de "reducir custos enerxéticos e a dependencia da importación" de materias primas.
En referencia a un punto que analiza o estudo, o "declive" da pesca na provincia, manifestou que lle "preocupa" á consellería. En calquera caso, concluíu dicindo que "por moitas políticas eólicas, enerxéticas e industriais que se fagan, se non se acompaña á empresa e se as cuestións que se regulan non se fan falando cos empresarios e o mundo universitario a estratexia vai estar incompleta". "A teoría témola moi clara todos pero a Xunta estamos a tentar pasar á acción da maneira máis rápida; esta é unha carreira contrarreloxo, quen quede parado non vai ser o gañador e nós aspiramos a estar na cabeceira dentro de España", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.