Por que as piñas do Mercadona non funcionan en Galicia?

Bego, impulsora dunha quedada frustrada no Mercadona de Redondela, cre que "todo son prexuízos, de aí que xente que quería vir realmente ao final se botase atrás por vergoña". Déixanos unha reflexión: "Ao final, por vergoña, perdemos a oportunidade de facer un montón de cousas".

Por Ángela Precedo | VIGO | 04/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O tema das piñas para ligar no Mercadona foise das mans en case toda España... Agás en Galicia. As redes sociais animaron a moitas persoas, principalmente mozos e mozas de curta idade, a concentrarse neste supermercado entre as 19.00 e as 20.00 da tarde na procura de ligues. Como? Introducindo no seu carriño da compra unha piña natural posta boca abaixo e indo ao corredor dos viños a chocar co seu cesto contra outros consumidores que tamén levaban así a piña como sinal de que buscaban o mesmo e de que estaban dispostos a entrar no xogo. Tik Tok rapidamente se encheu de vídeos virais de persoas que realizaban esta práctica en Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga... Así como de personalidades do mundo do famoseo que tamén se sumaban ao chiste. Con todo, os Mercadona galegos quedaron polo momento libres dalgo que para os encargados das froiterías desta cadea de supermercados xa se volveu un auténtico pesadelo.

Carro do Mercadona cunha piña
Carro do Mercadona cunha piña | Fonte: Commons

Hai que ter en conta que ninguén sabe a ciencia certa quen comezou con esta práctica, nin quen a impulsou por primeira vez. Tamén nas redes sociais hai teorías que falan de que puido ser o propio Mercadona como estratexia de marketing. Pero, de ser así, non mediron ben as consecuencias: centos de rapaces e rapazas, moitos deles menores de idade, que cada día copaban os supermercados da marca durante toda unha hora da tarde para facer a graza, que manoseaban e movían de lugar as piñas e que, unha vez gravado o contido para as súas redes, volvían deixalas no sitio, sen mercalas e quitando a posibilidade a persoas que si querían facelo de poder ter acceso á froita en boas condicións.

"MOITOS NON SE PRESENTARON E SOSPEITO QUE ALGÚNS CURIOSOS QUE ESTABAN MIRANDO ERAN XENTE QUE DIXO QUE VIÑA E QUE SE BOTOU ATRÁS"

A nivel galego houbo ata o de agora unha única iniciativa de quedada nun Mercadona, e foi impulsada por Bego, no supermercado do que dispón esta empresa en Redondela. Con todo, a proposta de Bego, que finalmente non gozou de todo o éxito que a ela lle gustaría, estaba moi lonxe desas faltas de respecto que levan a cabo os 'creadores de contido'. Dende o Galicia Confidencial contactamos con ela para saber como foi a cita que plantexou o pasado venres 30 de agosto. "Tiñamos un grupo no que iamos metendo a xente que quería sumarse á quedada e chegamos a ser sobre 12 os que finalmente dixeron que asistirían", explica. Con todo, chegada a hora da verdade, "moitos non se presentaron, aínda que teño a sospeita de que parte da xente que se quedaba pola zona mirando e curioseando eran persoas que estaban apuntadas ás que, ao final, lles deu vergoña e pasaron de longo". 

"DIXÉRONNOS QUE TIVERAN UN PROBLEMA CO CAMIÓN DE REPARTO E QUE POR ISO NON TIÑAN PIÑAS"

O recibimento á chegada ao supermercado, como se xa estivesen alertados da quedada, non foi o mellor. Bego conta que "cando cheguei a encargada xa tiña unha cara de enfado que lle chegaba ao chan" e "atopábase como custodiando a zona". Ademais, cando chegaron á froitería, atopáronse con que non había piñas. "Unha compañeira preguntoulle ao rapaz que atendía a sección e díxolle que tiveran un problema co camión de reparto", apunta, explicacións que non os deixou para nada convencidos. Pero, como muller precavida vale por dúas, Bego, prevendo que algo así podía acontecer, levou uns folios consigo para escribir 'Piñas agotadas', e que a xente o soubese. Para a impulsora desta quedada foi un pouco decepcionante que acontecese isto, porque asegura que en ningún momento ían coa intención de faltar ao respecto aos traballadores.

"HOXE EN DÍA A XENTE XA NON INTERACTÚA CARA A CARA, E HAI MOITAS PERSOAS QUE ESTÁN SOAS ÁS QUE LLE CUSTA MOITO FACER AMIZADES"

En concreto, conta ao GC que a ela ocorréuselle plantexar esta quedada por necesidade: "Hoxe en día, coas redes sociais e as aplicacións, a xente xa non interactúa nin queda cara a cara, e hai moitas persoas que están soas e ás que lle custa moito facer amizades". Deste xeito, explica, "crín que esta sería unha boa maneira de que a xente quedase en persoa e interactuase con outra xente, de xeito san, non a través dunha pantalla". Por iso, Bego afirma que "o das piñas plantexeino dunha maneira totalmente respectuosa cara os traballadores e a clientela". De feito, asegura que "eu tiña claro que cando vise que nos xuntabamos tres ou catro persoas na zona dos viños, que é onde se quedaba, lles diría que fosen pasando cara as caixas para pagar as piñas e que esperasen pola parte de fóra aos demais, para logo irnos tomar unhas cañas e coñecernos".

"RECIBÍN INSULTOS, PERO TAMÉN HOUBO PERSOAS QUE ME DERON AS GRAZAS POLA INICIATIVA FELICITÁNDOME POLA IDEA"

Bego, despois de publicitar a quedada nas súas redes, tivo que enfrontarse a moitas mensaxes de odio, de xente que lle profería todo tipo de insultos. Aínda que tamén afirma que "houbo mensaxes de persoas que me deron as grazas pola iniciativa e que me pediron que lles avisase se volvía plantexar outra quedada, felicitándome pola idea, porque consideraban que era algo positivo". Lamenta que "polo mal comportamento de grupos de mozos e mozas que entran nos Mercadonas a liala paguemos xustos por pecadores". E incide en que a quedada que ela propoñía "non era con intención de ir ligar, senón de reunir a varias persoas para socializar e tomar algo, formar un grupo, rirse e pasar un bo rato". "Non era para coller os carros e chocalos uns contra os outros, nada máis lonxe da realidade", afirma, incidindo en que a idea tamén era: "Piña que se colle, piña que se paga". De feito, esta non é a única iniciativa semellante que impulsa Bego, pois "teño un grupo de ocio no que todas as fins de semana propoño actividades, plans alternativos para que a xente saia da casa e teña ideas de onde ir e que facer, como se fose unha axenda". 

"SE A XENTE NON SOCIALIZA E SE ENCERRA NA CASA, VAMOS SER UNHA SOCIEDADE QUE AVANZA CARA ATRÁS EN LUGAR DE CARA ADIANTE"

A pregunta, chegados a este punto é: por que nos Mercadonas de Galicia non están a funcionar quedadas como a proposta por Bego? Ela teno claro: "Creo que todo son prexuízos, de aí que xente que quería vir realmente ao final se botase atrás por vergoña". E todo aínda tendo en conta que "eu animeinos e pedinlles que deixasen a vergoña a un lado, porque eu ía estar con eles e só iamos estar charlando e irnos xuntos do supermercado a tomar unhas cañas e botar unhas risas". Lamenta que "os prexuízos aínda sexan algo tan arraigado en Galicia" e xa superado noutras zonas como o sur de España. "Se a xente non socializa e se encerra na casa, vamos ser unha sociedade que avanza cara atrás en lugar de cara adiante", conclúe. Preguntada sobre se isto acontece porque en Galicia hai moita xente maior, Bego asegura que "eses prexuízos non veñen só da xente maior, eu creo que a partir dos 40 anos a xente xa se amosa reacia a todas estas cousas". E finaliza cunha reflexión: "Ao final, por vergoña, perdemos a oportunidade de facer un montón de cousas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

E cambiando a piña por percebes, ou unha centola?