Por Ángela Precedo | LUGO | 06/04/2025 | Actualizada ás 20:30
Chegaron a España tras unha viaxe tan longa como impropia. Algúns pechados en xaulas minúsculas, outros agochados entre mercadorías ou criados en pisos particulares, moi lonxe do seu hábitat natural. Monos, tartarugas, tarántulas, búhos... Todos eles animais tropicais que no seu día foron sacados da súa contorna natural --ou criados en catividade-- para converterse en mercadoría ou satisfacer o gusto do seu propietario. Moitos deles remataron vivindo, ou máis ben, sobrevivindo, en condicións deplorables, vítimas do comercio ilegal de especies exóticos ou da tenencia irresponsable. Pero, afortunadamente, algúns lograron outra oportunidade: foron rescatados e hoxe atópanse en proceso de recuperación en centros especializados, como é Marcelle Natureza, en Lugo, lonxe do lugar onde os convertiron en obxectos de desexo. As súas historias son o reflexo dun negocio multimillonario que, moitas veces, pasa desapercibido a ollos da sociedade. Galicia Confidencial fala con Esther Valderrábano, conservadora de Marcelle Natureza, que nos dá conta dalgunhas das historias de superación dos animais que teñen no centro.
Golliat e Burriana son dous monos da especie tití común que chegaron a Marcelle despois de estar moito tempo en mans dun particular. Como conta Esther, "os titís son animais que, desgraciadamente, aínda a día de hoxe é común que a xente teña como mascotas, procedentes do comercio ilegal". E como se pode ter monos nunha vivenda? Segundo apunta a conservadora do centro, "adoitan ubicalos en paxareiras que distan moito de reunir as condicións idóneas para eles", pois "os monos son animais arborícolas que precisan de moito movemento e dun patrón de luz moi determinado, así como duns coidados alimenticios moi específicos". Nunha paxareira, como é obvio, non dispoñen do espazo preciso para poder desenvolver a súa musculatura nin da exposición á luz axeitada, entre moitas outras carencias. Aínda con todo, Esther resalta que "no caso de Golliat e Burriana, non chegaron en tan malas condicións físicas ao centro, polo que pensamos que dentro das carencias debían estar bastante ben coidados polo seu propietario", ao que llos incautaron por falta de documentación. E é que se a persoa conta con autorización expresa para ter estes animais, sería legal que os tivese, aínda nesas pouco axeitadas condicións.
"CANDO ALGUÉN SE ACHEGABA A BURRIANA, GOLLIAT POÑÍASE MOI NERVIOSO E AGREDÍA O CRISTAL"
Como explica Esther, para que estes animais se comporten de maneira axeitada, "deben vivir en núcleo social", algo do que Golliat e Burriana careceron dende sempre. "Cando chegaron aquí permitimos que se reproducisen de maneira natural ata chegar a ter dous partos --os partos dos titís son sempre xemelares--, e agora viven en familia cos seus fillos de maneira natural, como o farían na selva", sinala a conservadora do centro. Dende agora non poderán ter máis descendencia, pois Golliat foi vasectomizado para impedir novas reproducións. "Esta tamén é unha parte moi importante dos centros de rescate: que só se permita a reprodución daqueles exemplares que sexa completamente necesario reproducir, non máis, porque un dos obxectivos é precisamente non aumentar o número de animais en catividade sen necesidade, porque non podemos ocupar o espazo que temos desta maneira, habendo fóra tantísima necesidade de acollida de moitos outros animais", expón Esther, que resalta, ademais, que "se seguimos reproducindo, seguimos potenciando a catividade dos animais, porque xa naceran cativos e non saberán comportarse na súa contorna natural".
E, aínda que Golliat e Burriana chegaron ben dende o punto de vista da saúde, "non así dende o punto de vista comportamental". Por unha banda, no caso da femia, Esther conta que "esta era demasiado próxima cos humanos, de maneira que nada máis nos achegabamos ata o cristal, só con mirala, xa viña cara nós". Sen embargo, no caso do macho, todo o contrario, pois "desenvolvera unha hiperagresividade cara os humanos e unha protección cara a femia moi forte". A conservadora do centro sinala que nin con estes animais nin con ningún outro se mantén en Marcelle un contacto físico directo, porque "tentamos marcar un límite entre os humanos e eles, para que saiban que a súa vida ten que discorrer aparte da das persoas, sen depender delas". Pero, aínda sen manexalos de maneira directa, "cando alguén se achegaba á femia a través do cristal, o macho poñíase moi nervioso e agredía ao cristal". "Non me cabe dúbida de que, se puidera, tamén intentaría agredirnos a nós, aínda que sexa un animal que só pesa 300 gramos contra un humano de 60 ou 80 quilos", chancea Esther, pois asegura que iso é lóxico despois do cativerio polo que pasaron.
MARCELLE NATUREZA CUMPRE UN ANO COMO CENTRO DE RESCATE CITES
Centos de especies vense ameazadas polo comercio ilegal, o que significa que hai miles de animais desprotexidos á espera dun lugar no que poder ser rehabilitados e no que ter unha boa vida. Os centros de rescate CITES son os lugares nos que atopan unha segunda oportunidade. En Marcelle Natureza a protección da fauna sempre foi o obxectivo principal, polo que dende fai uns anos decidiron pasar á acción, logrando no ano 2024 ser nomeados como Centro de Rescate a nivel estatal pola institución CITES, converténdose así nun dos únicos centros que hai en España para dárlle unha vida digna a animais que veñen de vivir en condicións deplorables. No noso país, tan só o 28 % dos centros zoolóxicos están autorizados para acoller a ester animais e ser o seu fogar de por vida. Ao longo deste ano como CITES, Marcelle xa acolleu a máis de 20 animais.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Ferido despois de que o coche no que viaxaba chocase contra un camión de madeira en Becerreá
- A Semana Santa comeza con mal tempo e chuvia
- Jennifer Lopez actuará o 8 de xullo en Pontevedra, dentro da súa xira 'Up all night Live en 2025'
- Multado con 1.000 euros por ir borracho nunha bicicleta
- "Facemos o que podemos e ata onde podemos", a Xunta di que adica a metade do orzamento á sanidade
- Achan na costa de Cádiz neveiras e un colector do buque que se refuxiou en Vigo tras un corremento de carga