Mulleres de sal. Unha realidade invisible: "Seguimos sendo man de obra barata e, no caso dos coidados, gratuíta"

Sandra Amézaga, secretaria da asociación Mulleres Salgadas, lamenta que no sector do mar, como en moitos outros, "existe unha tendencia xeral: cando un traballo non está ben remunerado, é básico e custoso e require de moita man de obra, desempéñano mulleres; pero, cando xa se convirte nun oficio con recoñecemento social, con bos salarios e mellores condicións, empezan a entrar nel os homes, que rematan por apropiarse do mesmo e por exercer o liderado".

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 06/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Durante séculos, as mulleres do mar sempre estiveron aí: cosendo redes, descargado caixas, recollendo marisco a pé, levantándose pola noite, coidando a casa mentres os seus maridos faenaban. Sostiveron un oficio, unha comunidade e unha cultura. Pero, a miúdo, permaneceron invisibles, relegadas á marxe das historias oficiais do mar. Con esta serie de reportaxes Galicia Confidencial quere mirar de fronte a esas mulleres: darlles voz, nome e espazo. Reivindicar o seu papel presente, pasado e futuro nun dos sectores máis emblemáticos de Galicia. Porque, sen elas, o mar galego non se entende. Hoxe son máis de 4.000 as mulleres que traballan directamente no sector pesqueiro galego, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), principalmente en actividades como o marisqueo a pé, as conservas e as tarefas de redaría. Aínda así, a súa visibilidade e recoñecemento continúan sendo moi inferiores ao seu peso real no sustento da cadea mar-industria. Comezamos a nosa serie dando un pouco de contexto sobre a presenza feminina no sector do mar. Para iso, falamos con Sandra Amézaga, secretaria da asociación Mulleres Salgadas. "En Galicia, maioritariamente as mulleres do mar están concentradas en tres sectores: o marisqueo a pé, as fábricas conserveiras e a venda de peixe", concreta Sandra. Con todo, "máis aló destes, as mulleres teñen presenza en toda a cadea do mar: bateeiras, mariñeiras, percebeiras, redeiras, técnicas...".

Bateas na ría de Vigo
Bateas na ría de Vigo | Fonte: ©MN - Arquivo

"O MARISQUEO A PÉ EN GALICIA FOI SEMPRE EXERCIDO POR MULLERES AO 99 %; HOXE HAI MÁIS HOMES E, ADEMAIS, OCUPAN OS POSTOS DE LIDERADO"

O caso das bateeiras resulta curioso, pois trátase dun traballo que nos seus comezos, aló polos anos 50 do século pasado, que foi cando se instalaron as primeiras bateas na ría de Arousa, era exercido maioritariamente por mulleres. "As bateas requerían naqueles anos de moita man de obra e esta era facilitada practicamente na súa totalidade por mulleres", asegura a secretaria de Mulleres Salgadas. Que aconteceu? Por que cambiaron as cousas e a día de hoxe hai moitos máis homes no sector? Sandra apunta a que "todo mudou a partir da chegada das máquinas, cando se simplificaron as tarefas e os homes empezaron a sumarse ao oficio de bateeiros". Nese intre, "as empresas bateeiras que había, fundamentalmente femininas e familiares, mandaron ás mulleres para a casa, para encargarse das tarefas de comercialización do marisco obtido nas bateas, pero tamén do mantemento do fogar e do coidado dos fillos e dos maiores, deixando como bateeiros aos homes". Tal foi o cambio que, na actualidade, apunta que "as asociacións de bateeiros están lideradas por homes". A actual presidenta de Mulleres Salgadas, Dolores Gómez, foi presidenta dunha asociación de bateeiros 8 anos, pero é a excepción á regra do liderado masculino que impera a día de hoxe.

Pero o sector bateeiro non é un caso illado, pois ese liderado de homes estendeuse rapidamente por todos os outros sectores vinculados ao mar (e tamén fóra do mesmo). "Existe unha tendencia xeral: cando un traballo non está ben remunerado, é básico e custoso e require de moita man de obra, desempéñano mulleres; pero, cando xa se convirte nun oficio con recoñecemento social, con bos salarios e mellores condicións, empezan a entrar nel os homes, que rematan por apropiarse do mesmo e por exercer o liderado", reflexiona Sandra. Por citar outro exemplo, aínda que non tan radical como no caso das bateeiras, sinala ao sector do marisqueo a pé. "O marisqueo a pé aquí en Galicia sempre foi exercido fundamentalmente por mulleres, ao 99 %", sinala, destacando que, "cando o marisqueo comezou a organizarse e empezou a verse como un oficio que si xeraba ingresos, algo que se xuntou coa crise no sector da construción, empezaron a entrar nel os homes". Así, a día de hoxe, a proporción en Galicia de mulleres e homes no marisqueo a pé é dun 75-25 %. E non só iso, senón que, como apunta Sandra, "tamén se quedaron cos postos de liderado, sendo eles maioritariamente os presidentes das agrupacións".

"MOITAS MARISCADORAS A PÉ CANDO REMATAN DE TRABALLAR NA PRAIA TEÑEN QUE MARCHAR CORRENDO A RECOLLER AOS FILLOS OU COIDAR AOS MAIORES"

Mariscadoras anciñando a area en Moaña
Mariscadoras anciñando a area en Moaña | Fonte: Cedida polo Museo do Mar de Galicia e a Asociación de Mariscadoras de Moaña - Arquivo

Así, dáse a circunstancia de que hai homes que levan adicándose unicamente 2 anos ao sector do marisqueo a pé --tempo mínimo de experiencia que se require para poder optar a un posto de liderado-- que xa se converteron en presidentes das agrupacións, fronte a mulleres que levan toda a vida apañando marisco na ría. Desta maneira, a pesar de seguir sendo menos en número, os homes adoitan ser os máis votados tamén polas propias mulleres para exercer o liderado. Ao preguntarlle o motivo, a secretaria de Mulleres Salgadas considera que "sempre se debe ao mesmo: ás dinámicas que favorecen o liderado masculino". "Moitas mulleres senten que non están capacitadas para os postos, polo que adoitan dar un paso atrás", sinala, e recalca que tamén se debe ter en conta un factor moi importante, "os coidados". Ao igual que aconteceu no pasado, esta segue sendo a materia pendente a abordar para favorecer o desenvolvemento --neste caso laboral-- da muller.

"As mulleres seguen sendo actualmente as que se adican maioritariamente aos coidados, polo que moitas mariscadoras a pé cando rematan de traballar na praia teñen que marchar correndo para a casa porque teñen que recoller aos fillos ou netos do colexio, facerlles a comida, coidar dos maiores e moitas outras cousas que as manteñen ocupadas durante toda a tarde", lamenta Sandra. E contrapón esta realidade coa dos homes. "Os homes que son mariscadores a pé rematan a súa xornada e, literalmente, rematan xornada, xa non traballan máis", apunta. Desta maneira, "poden desenvolver este tipo de cargos de liderado que requiren de certo tempo", tempo que as mulleres non poden asumir. Por poñer un exemplo moi visual, a secretaria de Mulleres Salgadas lembra que, "cando ofrecemos cursos de habilidades dixitais para aprenderlles a empregar os certificados dixitais e a facelos, unicamente lles ocupaban dúas horas un día á semana, sendo nós mesmas as que nos trasladabamos a cada localidade para impartilos, pero aínda así eran moitas as mulleres que nos dicían que máis de dúas horas un día á semana non podían faltar da súa casa, porque tiñan moito que facer nela". Así as cousas, Sandra lamenta que "actualmente seguimos sendo man de obra barata e gratuíta para realizar coidados".

"MOITAS MARISCADORAS FIXÉRONSE MARISCADORAS A PÉ PRECISAMENTE PARA PODER CONCILIAR O TRABALLO FÓRA DA CASA CO TRABALLO NA CASA"

Tanto é así que reivindica que moitas mariscadoras fixéronse mariscadoras "precisamente para poder conciliar o traballo fóra da casa co traballo na casa". "Se ti lle preguntas a unha mariscadora por que se fixo mariscadora, o máis probable é que che conteste que porque casou e ten nenos pequenos que atender, ou porque o seu avó se atopa encamado e así pode coidalo, ou porque a súa nai precisa de atención", expón Sandra, entre múltiples exemplos que resume, novamente, como "coidados e traballo gratis, sinónimos de precariedade laboral". E isto é algo que tamén se pode ver no tipo de oficios dentro do mar que desempeñan as mulleres, pois mariscadoras a pé son a maioría, pero, a flote, non hai tantas. Por que? "Por unha cuestión cultural e tradicional, porque antes da súa oficialización como profesión eran as mulleres as que ían ao mar pola súa conta, á que se suma o feito de que non existe a mesma flexibilidade horaria, pois o barco que vai mariscar sae tódolos días pola mañá e ten complicado técnica e economicamente volver se se produce unha urxencia, mentres que as mariscadoras a pé saen só os días nos que hai marea e, ao ser autónomas, poden organizar o seu tempo como precisen", sinala.

Esta realidade, para Mulleres Salgadas, non significa que a conciliación sexa algo a reivindicar para estas mulleres. "O que se precisa é dárlle unha volta a este sistema de coidados, reorganizalo doutra maneira para que o traballo dos coidados non sexa unha adicación gratuíta que sistematicamente recae sobre as mulleres", demanda Sandra. "Para que queren conciliación estas mulleres? Para seguir facendo máis traballo gratis nas súas casas ademais do traballo duro que xa fan no mar cada día", plantéxase, convidando tamén ao resto da sociedade a reflexionar sobre a cuestión. E esta problemática non é exclusiva das xeracións de máis avanzada idade, senón que tamén entre as novas xeracións de mulleres que se suman ao sector se está vendo que persiste. Como exemplo, Sandra conta que "unha mariscadora xovenciña da Illa de Arousa, darredor de 30 anos, dicíanos que tiña nenos aos que tiña que atender, por iso loitara moito por entrar no marisqueo, pola flexibilidade horaria". A ocupación de mulleres en determinados postos vinculados ao sector do mar e non en outros nos que os homes teñen maior presenza, así como en postos de liderado, leva tamén a que exista unha fenda de xénero na retribución que perciben mensualmente.

"A FENDA DE XÉNERO NON SE DEBE A QUE POR IGUAL TRABALLO RECIBAN DIFERENTE SALARIO, SENÓN A QUE OS TRABALLOS QUE FAN ESTÁN PEOR PAGOS"

Fenda de xénero que, como explica Sandra, "non se debe a que por igual traballo reciban diferente salario, senón a que o tipo de traballos que maioritariamente desempeñan as mulleres están peor pagados que os que fan os homes". E sinala, por exemplo, a diferenza entre o marisqueo a pé --con maior presenza de mulleres-- e o marisqueo a frote --con maior presenza de homes--. "O marisqueo a flote sae todos os días faenar, mentres que o marisqueo a pé sae de media uns 12 días ao mes e en horarios moi concretos, que dependen das mareas", expón, indicando que "xa só con iso se xera unha fenda salarial clara". Afortunadamente, outras cousas que tamén lastraban o salario das mulleres en función das diferentes profesións eran os distintos coeficientes redutores, algo que "a día de hoxe xa está superado, porque son iguais para todos". A maiores a secretaria de Mulleres Salgadas sinala tamén que "en profesións como o marisqueo a pé para ter o permiso tes que facer unhas tarefas a maiores de mariscar que son obrigatorias e non remuneradas, como a limpeza de praias e as vixilancias". Isto é algo que no marisqueo a frote non se fai. Deste xeito, "se empezamos a sumar horas de traballo e vemos o salario que se percibe realmente a fin de mes, comprobamos unha evidente fenda de xénero".

E toda esa carga de traballo repercute tamén nas condicións físicas destas mulleres, pois, como lembra Sandra, "non é igual a fisioloxía do corpo dunha muller que a do corpo dun home". "Se te achegas ás mariscadoras vas ver que teñen as facianas curtidas polo vento, o frío e o sol, e as súas mans con enrrugas", apunta, e sinala que, "aínda que todas botan protectores solares, non son suficientes, a pesar de que non hai estudos oficiais sobre o maior risco que estas mulleres poden ter de desenvolver enfermidades dermatolóxicas como cancro de pel". A estes problemas súmanse outras patoloxías como dores nas articulacións, reumáticas e posturais, e mesmo problemas no chan pélvico debido aos movementos que fan ao traballar, por non falar das condicións de traballo en estadíos como a menstruación ou a menopausia. Pese a todo isto, "o marisqueo a pé non ten recoñecementos médicos no sistema interprofesional, mentres que o marisqueo a frote si os ten". Ademais, moitas destas enfermidades derivadas do traballo son tramitadas como enfermidades comúns e quedan fóra das baixas derivadas do exercicio laboral, co seu consecuente prexuízo económico.

Sandra Amézaga, secretaria de Mulleres Salgadas
Sandra Amézaga, secretaria de Mulleres Salgadas | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta