Unha mariñeira que pesca anguía pide solucións fronte aos arroaces: "Que vivan 200 metros máis abaixo"

Amosa que a captura deste peixe xa non é tan doada como era hai tempo e que son moitos os problemas aos que se enfrontan cada día.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 30/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"É unha profesión moi bonita, pero temos moitos problemas a día de hoxe", expresa Tania Fernández Barbosa, mariñeira e socia da cofradía de pescadores Virxe do Carme de Arcade. Continúa a tradición familiar dos seus pais e dedícase á pesca de anguía, o producto estrela da zona: "O meu pai leva indo a anguía 38 anos, non é unha arte moderna exterminadora, como di moita xente, en Arcade levan toda a vida dedicándose a pescar". Este peixe, segundo explica esta armadora, captúrase na enseada de San Simón, é a desembocadura do río Verdugo e traballan na zona de Arcade. "Deixan traballar só tres meses desde a praia de Arcade ata a Illa de San Simón, pero agora concedéronnos os últimos tres meses con anguía aberta e nos ampliaron a zona, desde a Ponte de Rande ata Arcade", sinala. 

O barco de Tania
O barco de Tania | Fonte: Cedida

Para entender como funciona a pesca de anguía na zona comenta que a cofradía ten uns 160 socios, dos cales 33 barcos se dedican a pescar este peixe: "Levamos 80 redes por barco, non se pode levar máis, logo tamén hai xente que se dedica ao marisqueo ou co tramallo aos chocos". Cada barco ten unha arte ou licenza e o de Tania conta coa posibilidade de capturar ameixa, anguía e nécora. Así, en Arcade hai 33 licenzas para anguía e supón un "cupo pechado, nunca vai haber máis desas artes". É a patroa do seu barco, que o mercou hai 15 anos xa a un mariñeiro que se xubilaba, na familia tamén o seu pai segue indo ao mar, así como a súa parella. 

ASÍ É A CAPTURA DE ANGUÍA

"Aos turistas failles graza cando o luns pola mañá saímos todos os barcos ás 12:00 horas en punto coma se fose unha carreira de fondo", confesa, xa que traballan cun horario estipulado, de maneira que, as redes recóllense o sábado, o luns a esa hora saen do peirao para buscar unha zona na que estiran as redes no fondo do mar, con forma de embude. Ese día só se largan e o martes van mirar, levantan e soltan as capturas, xa que as anguías dentro da rede están vivas. "Se nesa zona había pesca, xa que nos movemos dependendo das mareas, pois vólvense soltar aí e logo levantar e así todos os días ata o sábado", apunta. O sábado xa, como en calquera arte teñen que ter 48 horas de descanso, ás 12:00 horas, xa todo tipo de nazas ten que estar fóra da auga e cargadas para voltar o luns. 

E como se leva a competencia? "En ocasións queremos ir todos polo mesmo sitio e quedan as redes duns a par doutros, pero tamén hai xente á que non lle gusta ir cos demais e prefire ir por libre. Cada patrón do barco decide o que quere facer". 

Captura de anguía
Captura de anguía | Fonte: Cedida

Como vai a tempada da anguía? "Contabilizan a tempada mes a mes e anualmente. Na cofradía hai uns viveiros, onde, logo de pesar, queda a anguía almacenada, en pilóns de auga directa do mar, ata que chegan compradores. A anguía é un peixe que varía moito co tempo, coa temperatura, e este verán non é moi normal. "Tivemos meses e días moi bos, non é un ano dos peores, pero eu mañá non vou ao mar por culpa dos maravillos golfiños, que quedamos sen rede", lamenta. 

"HAI DÍAS QUE QUERO ABANDONALO": A DESESPERACIÓN POLOS ARROACES

Tania tivo unha infancia feliz sendo filla de mariñeiros, recorda que "ían ao mar só pola mañá e tiñan tempo polas tardes", que lle encantaba estar no mar e lles dicía "cando sexa maior quero ir ao mar". Pensaba que non dependería de ninguén, que gañaría en calidade de vida, máis aló dos ingresos monetarios. Porén, a día de hoxe, aínda que o seu oficio lle segue gustando, afirma que hai moitísimos problemas: "Eu agora xa non lle digo ao meu fillo que vaia ao mar porque as cofradías, en xeral, están mal, ninguén axuda moito en nada, logo a contaminación. En Arcade hai unha depuradora pegada á boca do peirao que contamina todo, sobe os niveis do lodo, mata as ameixas e as anguías son comidas polos arroaces, agora nos montan os eólicos...". Tras enumerar todo isto recoñece que se atopa "algo agobiada" e engade: "Hai días que quero abandonalo".

Con todo, segue pensando que é unha profesión bonita e que antes resultaba fácil o de pescar anguía. Hoxe en día esas tardes libres de paseos co seu fillo que imaxinaba non poden facerse realidade moitas veces. "Os arroaces destrozan as redes todos os días, eu mañá non vou ao mar, comezas a semana coas 80 redes, o martes levas 60, ao día seguinte, 50 e pasas o tempo arranxando para que as volvan romper", expón, o que conleva unha desesperación. Pasa moitas tardes, coa súa nai xubilada do mar, xogando cos nenos, mentres cosen as redes cruzando os dedos para que o día seguinte, non se repita.

Por que hai este problema cos golfiños? "Meu pai leva 37 anos indo ao mar e víase un cada moito o tempo, de feito, teño recordo de cando comecei, que o primeiro día que fun coa miña nai e vin un, pedínlle poder velo máis de preto porque era i é precioso. Porén, non había esta cantidade diaria, que supón ir todos os días con medo". Comenta Tania que se fala de hipóteses sobre este cambio: "Que os eólicos que montaron en Portugal avalan o peixe e como o ruído lles molesta, agora están en zona tranquila e viñeron cara a nós, ou porque non teñen comida fóra e aquí si, e teñen que comer, claro".

Comen os arroaces as anguías? Conta que normalmente largan as redes de anguía, pegadas aoa tramallos, que collen choco, e que rara vez eses tramallos teñen habería. Pola contra, a anguía ao quedar almacenada viva e cando hai unha de tamaño ou catro ou cinco na rede, o embudo aparece desfeito. Así, Tania pensaba que comían chocos, pero son máis de anguía e así o comprobaron: "A miña parella fixo unha rede con malla máis grande para que escapasen as anguías e mirar se entrando outro tipo de peixe, non a rompían e, non, comprobamos que só as rompen se hai anguías dentro". 

"QUÉRENNOS PECHAR SEN ACTIVIDADE"

E deron solución algunha ao problema dos arroaces? "Na miña casa hai tres barcos, o do meu pai, da miña parella e o meu, pois un día non quedou nin un barco entero, de tres enteiros, comidas as anguías polos arroaces. Co biólogo da cofradía, faciamos fotos das redes rotas e nun papel recolliamos a situación das nazas para que a Consellería do Mar se enterase e levamos así tres anos, nunca houbo ninguén que nos dixera, tan siquera, que viron ese papel. Ata o de agora, solución ningunha, apuntan a que os arroaces están protexidos e non se pode ir contra deles. "Hai unhas boias que levan ultrasón para que non se arrimen ás costas, xa que chegan ás prais, eu só pediría que vivan 200 metros máis abaixo, unha solución así, si se puidese dar o caso", demanda.

Con todo o expresado, fai ficanpé en que pelexan moito a dia de hoxe porque tamén teñen o problema de que Bruxelas, que lles quitou tres meses de veda: "Dinnos que en Galicia, na nosa ría segue habendo anguía, que as contas dan perfectamente, como é a nivel Europa, e hai moitos sitios nos que encasean, vedan en xeral, a todos". Así destaca que lle xera medo que os arroaces lles coman tanta cantidade que supoña que "acaben vedando de todo sen nos ter unha culpa de exterminadores como nos queren poñer". 

Expón que cando van ás reunións na Xunta de Galicia lles teñen dito que eles non son o problema, por ser a ría cos números máis ou menos sempre iguais, pero que "como o resto das rías dan mal a nivel España e Europa, entón queren vedala a nivel xeral. Así, se non hai anguía, que non haxa de ningún lado". Neste punto, manifesta: "Quérennos pechar sen actividade e nos queremos loitar un pouco para que valoren por zona e non só a nivel Europa, se nos estamos ben porque temos que sufrir as consecuencias de quen o fixo mal?".

Tania Fernández Barbosa, mariñeira de Arcade
Tania Fernández Barbosa, mariñeira de Arcade | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta