Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2024 | Actualizada ás 14:27
Outros 39 graos universitarios galegos pecharon a admisión tras o segundo chamamento para matricularse que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) publicou este luns. Súmanse así ás 78 carreiras que xa se completaron a pasada semana. Así, das 190 titulacións que haberá en total o próximo curso, 117 --o 61,57%-- cubriron xa todas as prazas, con graos completos en todos os campus.
Deste xeito, despois de que no primeiro chamamento non se completase a matrícula en ningún dos graos ofrecidos na Universidade de Vigo, nesta ocasión, no Campus de Ourense pecháronse os graos de Dereito, Educación primaria, Enxeñaría Informática, PARS Informática, Enxeñaría Aeroespacial, PARS Aeronáutica, Relacións Internacionais, Intelixencia Artificial, PCEO ADE e Dereito, PCEO Turismo e Xeografía e Historia e PCEO ADE e Enxeñaría Informática.
No Campus de Pontevedra completáronse as prazas nos graos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Educación primaria, Publicidade e Relacións Públicas e Deseño. Mentres, en Vigo, os graos que pecharon matriculacións foron os de Dereito, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría Mecánica, Química, Enxeñaría Biomédica, PARS en Máster en Enxeñaría Biomédica, Enxeñaría da Automoción-Dual, PCEO ADE e Dereito, Enxeñaría Biomédica e Elect. Industrial e Automática, PCEO Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica e PCEO Enxeñaría Mecánica e Electr. Industrial e Automática.
En canto ás notas de corte, no Campus de Ourense as que maior nota requiriron foron os graos de Enxeñaría Aeroespacial (12,420), PARS Aeronáutica (12,348) e Relacións Internacionais (11,370). En Pontevedra, Educación primaria pechou nun 10,026, mentres que en Vigo a nota máis alta foi o 11,950 solicitado para entrar en Enxeñaría Biomédica.
USC E UDC
Por outra banda, na Universidade de Santiago de Compostela xa non se acepta máis alumnado en Enfermaría, Farmacia, Odontoloxía e Óptica e Optometría. De feito, no campus da capital galega, tan só permanecen prazas abertas no Grao en Ciencia Política e da Administración, en Linguas e Literaturas Modernas, en Filoloxía Clásica e en Xeografía e Ordenación do Territorio.
No Campus de Lugo, pecháronse neste segundo chamamento as carreiras de Enfermaría, Nutrición Humana e Dietética e Veterinaria. De todas elas, as titulacións que pecharon con maior nota de corte foron Odontoloxía (12,720), Enfermaría (12,018 en Santiago e 11,458 en Lugo) e Veterinaria (11,426).
Por último, na Universidade da Coruña completouse matrícula no Grao de Enfermaría -- tanto na Coruña como en Ferrol -- e do simultáneo de Inglés e Galego e Portugués no campus da cidade herculina. Sobre as notas de corte neste segundo chamamento, Enfermaría pechou cun 11,150 no campus ferrolán e cun 11,556 na Coruña.
PRAZOS
Agora, o alumnado que fose convocado a matricularse na titulación da súa primeira preferencia terá de prazo desde este martes ata o mércores 17 de xullo ás 23.59 horas para formalizar a matrícula.
Tal e como explicou a CiUG, unicamente poderán matricularse aquelas persoas que posúan cualificación igual ou superior á da última persoa convocada en cada titulación. Se a persoa solicitante aparece convocada nunha titulación que non sexa a de primeira preferencia poderá esperar a matricularse nela (en sucesivas convocatorias) en tanto non se peche a matrícula nas titulacións solicitadas con maior preferencia. Para iso, deberá reconfirmar na plataforma NERTA que desexa continuar na Lista de Espera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.