Que vai pasar cos fixos descontinuos da Xunta tras a histórica sentenza do Tribunal Supremo?

Os e as traballadoras fixas descontinuas da Xunta de Galicia poderán traballar noutras administracións públicas durante o tempo que non o fagan para o goberno autonómico. Así o declarou o Tribunal Supremo tras a denuncia dun traballador en 2019. Con todo, quedan puntos por tratar como a promesa de Rueda de aumentar os meses de contratación para este grupo laboral

Por Moncho Mariño | Santiago | 21/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo deixábao claro, o período de inactividade dun ou dunha traballadora fixa descontinua "debe considerarse compatible co desempeño dunha segunda actividade no sector público sempre que esta leve a cabo dentro do período de inactividade laboral da relación descontinua e non impida ou menoscabe o estrito cumprimento dos deberes inherentes a ela nin comprometa a imparcialidade ou independencia da súa desempeño". Con este fallo, o Tribunal Supremo apoiaba a demanda dun bombeiro forestal que era traballador temporal fixo descontinuo no Servizo de Prevención e Defensa contra incendios forestais de Galicia. A este traballador o director xeral da Función Pública da Xunta denegáralle en 2019 a compatibilidade do seu posto co de peón de brigada municipal para repoboación forestal. O bombeiro pedía traballar durante os meses en que non estaba activo para a Xunta.

Fila de brigadistas. MARTA VÁZQUEZ
Fila de brigadistas. MARTA VÁZQUEZ | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

QUE OCORRERÁ AGORA?
A pregunta que xorde é se a Xunta recorrerá o fallo do Tribunal Supremo. Sexa como for, a Lei de Incompatibilidades de 1984 era a ferramenta legal coa que se impedía o dobre desenvolvemento dun labor profesional. “Esta é una lei desactualizada porque cando se aprobou, a figura do fixo descontinuo era anecdótica” di Aser Tobío da CIG. “Polo de agora a Xunta non emitiu ningunha valoración” sinala Carlos Hermida de CCOO. “Si diremos que este fallo vai afectar a 1.000 persoas dentro do servizo contraincendios en Medio Rural”.

“É algo complexo pois antes coa Lei de Incompatibilidades impedía encher o período de inactividade cun traballo noutra administración” di Marcos Rodríguez da UGT. “O resultado deste fallo é que poderán cobrar durante os meses que estean inactivos para a Xunta”. E este punto resulta importante pois os fixos discontiuos sofren precariedade laboral. Unha persoa pode traballar seis meses durante o ano para a Xunta “mais logo veñen seis meses onde non hai ingresos” sinalan desde a CIG.

Por outra parte, segundo o decreto 37/2006 e que afectaba a listas de contratación temporal, non se permitía o acceso a outro posto de traballo na Administración. “Se querían traballar fóra da Administración tiñan que pedir a compatibilidade e esta situación mermaba economicamente aos traballadores sobre un 30%” di Carlos Hermida. A merma afectaba aos complementos de penosidade e perigosidade que se lles restaban por teren un traballo fóra, un traballo extra.

AFECTARÁ AOS AUMENTO DE PERÍODOS LABORAIS?
“O fallo do Tribunal supremo non fala de aumentar os períodos de contratación, aínda que estes traballadores e traballadoras poderían realizar outros labores como son os de prevención” di Aser Tobío. En relación a este punto e enlazando coa precariedade laboral apuntada, os últimos gobernos da Xunta foron alongando os tempos de contratación. Así, quen antes estaba tres meses contratado pasou a estar seis meses, os de seis a nove e agora quedan profesionais que deberan ter tres meses máis para completar o ano de contratación.

“Debemos acabar con esa precariedade de estar meses sen cobrar aínda que non é doado” di Hermida. “Rueda fixera un anuncio electoralista desde a Xunta antes das eleccións (de febreiro) para aumentar os períodos de contratación durante tres anos”. É dicir, até 2026 estaríase aumentando un mes o tempo de contratación para amplos segmentos de traballadores. As fontes consultadas para esta reportaxe falan dun investimento de 8 millóns de euros para levar adiante esta acción.

O compromiso lanzado por Rueda antes das eleccións autonómicas foi recibido entre escepticismo e confianza. “Pedimos que se asinase o incremento de meses traballados así como como a modificación de condicións de traballo” di Tobío. “Desde o anuncio de Rueda pedimos a reunión do Comité Intercentros e facer efectiva a sinatura da modificacións, aínda non se fixo e non sabemos por que”.

A conclusión de todo isto para as persoas consultadas é que a precariedade laboral entre traballadoras e traballadores contraincencios era intolerable. Mesmo inxusto cando a persoa que pedía compatibilizar con outros labores remunerados non podía facelo dentro da Administración pública ou se o facía no sector privado rebaixábanselle ingresos. Polo de agora son boas noticias mais aínda falta a reacción da Xunta e a plasmación dos acordos que permitan melloras as condicións laborais de 1.000 persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta