Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 19/07/2024 | Actualizada ás 14:30
As exportacións galegas subiron un 9,4 % en maio en comparación co mesmo mes de 2023, cun total de 2.885 millóns de euros, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este venres. Este incremento é sete puntos maior que o 2,3 % de avance da media española. No acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e maio, as vendas ao exterior soben un 4,4 % na comunidade galega, o que contrasta coa caída do 2,3 % do conxunto do país. O peso das exportacións galegas sobe ao 8,3 % do total estatal.
Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións foron combustibles, cun incremento do 90,2 % e un peso do 6,8 %. Os seguintes con maior avance este mes son embarcacións, vehículos e pezas de vestir. No acumulado dos cinco primeiros meses, o mellor comportamento é o de vehículos automóbiles (+2,8 puntos). En cambio, os peores datos rexístranse noutros produtos químicos (-0,8 puntos). As expedicións dirixidas á UE (72,3 % do total) repuntan un 12 % en maio. Destacan as alzas cara a Italia (45 %) e Francia (20,4 %), o que contrasta coas caídas en Bélxica (-20,8 %) e Portugal (-8,5 %).
BALANZA COMERCIAL
No tocante a importacións, Galicia introduciu bens valorados en 1.765,6 millóns en maio, un 0,4 % menos que un ano antes. A taxa mantense invariable en España (0 %). No acumulado dos cinco primeiros meses, as importacións soben un 0,2 % en Galicia, con 8.732 millóns. En cambio, baixan un 1,5 % no Estado no mesmo período.
De tal forma, a comunidade galega presenta unha balanza comercial positiva de 1.119,3 millóns, cunha taxa de cobertura do 163,4 %. Contrasta co 93,7 % que só se computa en España. O primeiro cuadrimestre sáldase cunha balanza comercial positiva de máis de 4.124 millóns en Galicia, con taxa de cobertura do 147,2 %. Queda lonxe desta cifra situación española, con só un 91,5 % de cobertura, cun déficit comercial de máis de 15.000 millóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.