Como vive unha ribeirá a Dorna? "É a mellor festa do mundo, hai que vivila, non se pode explicar con palabras"

Por que se lle chama así? Como era nos inicios? Que é o máis destacado?

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 23/07/2024 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

"É unha semana desenfreada, chea de cor, onde cada un vai a súa maneira", así describe a Festa da Dorna, Dolores Sanlés Sieira, unha ribeirá que leva toda a vida festexándoa. Lembra que cando era unha nena ía ao Mercantil para ver o baile de gala, que se facía pola Dorna, que naquel tempo era para a clase máis adiñeirada. "Non eran festas como as que hai agora, isto retomouse hai uns 40 anos, aproximadamente", explica. Na súa casa sábese que se está en festa porque ten a súa bandeira dorneira da cofradía, cada peña ten unha, e xa van pola "LXXVI Sinjladura", algo que loce en cada camiseta. "Levan o símbolo da festa, a flor dorneira, un trebol vermello e verde e teño 50.000 chapas, bastantes camisetas, suadoiros...", comenta.

Unha bandeira da Festa da Dorna de Dolores
Unha bandeira da Festa da Dorna de Dolores | Fonte: Cedida

Quen é de Ribeira pasa todo o ano agardando esta celebración, que dura "de seis a sete días" e comeza o 18 de xullo ata o día 24, que é o derradeiro e o máis importante. Dolores expresa que é unha semana enteira de felicidade, na que vas pola rúa é todo é cor, con debuxos nas camisetas, xente maior e xente máis nova festexando: "A miña neta ten catro anos, é peñeira desde que naceu e a miña nai de 87 anos non sae da casa sen a súa flor dorneira". Mira pola fiestra e xa ve xente xogando con pistolas de auga, facendo probas, escóitase a música dos DJ's, en diferentes puntos... Foi declarada Festa de Interese Turístico Galego e por méritos propios

OS PRATOS FORTES DA FESTA DA DORNA

Que eventos un non pode perder nesta festa? "Se me poño a dicir todo o que hai, non remato", confesa Dolores, que vai mencionando os puntos máis destacados da programación. Comeza mencionando as "Embarcasións Feitas á Machada", que se tiran o último día, o 24 de xullo, "lévanse todas camiñando desde o porto de Ribeira ata a praia de Coroso". Descríbeas como figuras enormes, feitas con reciclados, corcho ou madeira, "unha barbaridade" e que se valora cal chega máis lonxe e cal resiste máis cuns premios. "É o día grande, festivo local, vai todo o mundo comer a Coroso, hai música e milleiros de persoas. Logo hai un Top Secret que é un paseíllo por toda Ribeira, con todas as peñas colocadas dun xeito e acaba as tres ou catro da mañá coa riada da pañoleta, cando se canta o himno dorneiro e remata a festa", explica. 

Outro día, destaca "os voos sen motor", cando se tiran desde a punta do peirao moitísimas embarcacións, que son avións, globos, figuras que se aguanten un pouco e vaian lonxe... Outro día, o salto desde o paredón do peirao: "Co meu marido tirámonos moitos anos por parellas, case todos os anos e ata saímos na televisión". Destaca tamén, a Cansión de Tasca, que gañara a súa peña un ano, consiste en tocar por catro ou cinco bares, que hai que percorrer cantando a canción que inventen e, das catro ou cinco finalistas, gaña unha e sobe ao palco de novo para levar o trofeo.

As chapas de Dolores da Festa da Dorna
As chapas de Dolores da Festa da Dorna | Fonte: Cedida

Menciona o "Exame de Patróns", para coñecer ás peñas novas ou as "carrilanas, que seguen unhas normas de confección artesá con todo o que non sexa mecánico ou electrónico, e se tiran desde a costa da mamoa ata o Concello". Isto funciona por peñas, todas teñen que levar no seu nome algo relacionado co mar: "Pode haber unhas 70 peñas, cada ano hai novas, e terán mínimo 50 ou 60 persoas. Hai peñas moi míticas como a de Polvos do Vilar, onde Aida Tarrío das Tanxugueiras leva toda a vida. E hainas de moita xente, como Estou que escacho cunhas 200 persoas". Cada peña concursa en todas as competicions para gañar puntos e converterse na mellor peña do ano.

"A XENTE QUE A VIVE UN ANO, REPITE SEMPRE"

Dolores, como moita xente da vila, agarda polos que están fóra e regresan cada ano de xeito incondicional para celebrar a Festa da Dorna. "Teño un fillo en Belfast que chega en nada ao aeroporto cuns amigos, que veñen para vivir isto do que tanto escoitaron falar. A xente que a vive un ano, repite sempre", manifesta. Ela mesma sinala que con vinte anos menos facía todas as competicións e carreiras, participaba en todo, pero que agora con 60 anos vai a "outro ritmo, sen perder unha celebración".

Para a xente de fóra, explica, que non se fan dornas como tal, senón que recibe ese nome porque foi o símbolo polo cal comezou a festa: "A raíz dunha broma, cun suposto sorteo dunha dorna que non existiu, así comezou todo". Na actualidade, un pode ver de todo, desde unha pirámide enorme, un barco que semella aguantar ben, feito de corcho... Reivindica que hai turistas que volven a propósito por estas datas porque "queren vivilo e engancha". Hai licencia para case todo, os horarios non son moi fiables, "son de Dorna", non gaña o mellor moitas veces, "non hai nada en serio e todo ao tolo". 

Dolores fai fincapé en que é unha festa que tamén axuda á economía da vila, xa que para confeccionar as embarcacións ou carrilanas precísanse materiais que se mercan nas tendas. "No cartel da Dorna axudan bares, tendas, librarías, todo o mundo aporta algo porque tamén se leva algo diso. Non hai onde alugar piso para a Dorna, é imposible, salvo a opción camping. O último día o 24, sae as 20h o Top Secret e está Ribeira colapsada,con milleiros e milleiros de persoas", expón. Considera que a Festa da Dorna é "especial" porque todo nas rúas é alegría, porque os rapaces agardan todo o ano por esta semana, porque hai música todos os días en todos os sitios... "Para min e para a maioría é a mellor festa do mundo, unha frase que soemos dicir aquí por ser algo único e noso", conclúe. 

A Festa da Dorna
A Festa da Dorna | Fonte: Xunta de Galicia
O Jan Prix das Carrilanas nesta LXXVI Sinjladura
O Jan Prix das Carrilanas nesta LXXVI Sinjladura | Fonte: @FestadaDorna (IG)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta