Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2015 | Actualizada ás 10:35
Proxecto FIFA. É o nome dun proxecto educativo impulsado polo Club da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces que pretende promover o uso do portugués nas novas tecnoloxías e ademais combater os prexuízos e comportamentos sexistas nos vídeoxogos e nas actividades deportivas.
Este proxecto conta coa colaboración da Associaçom Galega da Lingua, AGAL, e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e tamén do apoio de deportistas de base e do fútbol profesional, con especial atención ao fútbol feminino. O Proxecto FIFA botou a andar cunha conferencia do programador informático José Ramóm Pichel, da empresa Imaxin, Factoria de Software e Multimedia.
"O objetivo deste projeto é que, sabendo que todos os video-jogos, aparatos eletrónicos, aplicações informáticas, filmes, telemóveis, etc, tenhem a OPÇÃO PORTUGUÊS, aproveitemos esta vantagem", apuntan os impulsores desta iniciativa. "Desde este ponto de vista, entendendo que o galego tem projeção internacional, temos a sorte de que a nossa língua se fala em diferentes lugares do mundo por mais de 200 millões de falantes", engade.
O proxecto vaise desenvolver a través de conferencias, actividades de dinamización e un campionato de FIFA 15 en XBox en portugués. Este campionato terá lugar no IES Marco do Camballón o 16 de xaneiro de 2016.
No campionato haberá tres categorías, feminina, masculina e mixta e será por parellas. Haberá 1 premio por categoría, e as parellas gañadoras de cada categoría disputarán o primeiro premio.
A xente que queira participar deberá anotarse enviando un correo eletrónico a fifaemgalego@gmail.com ou falando con Andrea (4º ESO) do IES Marco do Camballón. A inscrición é de 5 euros cada parella.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.