Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/07/2024 | Actualizada ás 12:42
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 25 anos de prisión ao home que matou á súa veciña septuaxenaria no verán de 2021 na localidade de Tirán, en Moaña, como autor dun delito de roubo en casa habitada en grao de tentativa e dun delito de asasinato mediante aleivosía e para facilitar a comisión do roubo.
Na sentenza, o maxistrado presidente explica que o xurado considerou probado que o acusado accedeu ao domicilio da vítima o 3 de xullo de 2021 “coa intención de apoderarse de obxectos de valor, sen que conste que levase nada”, para o que a agrediu “de maneira inesperada e sen que puidese defenderse”. Así, “golpeouna en distintas partes do corpo, púxolle unha corda no pescozo, inmobilizouna atándolle as mans ás costas e causoulle a morte por asfixia”.
“O brutal ataque que recibiu Cándida dunha maneira súbita no interior do seu propio domicilio, a persistencia das acometidas físicas que recibiu, a persecución e as dúas ataduras feitas para eliminar a máis mínima posibilidade de defensa e para finalmente afogala non deixan lugar a dúbidas da concorrencia da aleivosía na morte da vítima e para cometer o roubo”, indica o maxistrado presidente na sentenza, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.