Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 26/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Os xogos de cartas coleccionables (TCG, polas súas siglas en inglés) transcenderon as simples partidas para converterse nun fenómeno global que congrega a miles de xogadores en todo o mundo. Estes xogos, que van desde clásicos como Magic: The Gathering e Yu-Gi-Oh! ata novos favoritos como One Piece e Lorcana, ofrecen moito máis que só entretemento; son unha combinación de estratexia, habilidade e comunidade. A través dos testemuños de xogadores e donos de tendas, exploramos que é o que fai a estes xogos tan especiais e como lograron crear comunidades tan vibrantes.
O COMEZO DUNHA PAIXÓN: O MUNDO DOS TCG
Para moitos xogadores, o inicio nos xogos de cartas ven acompañado de recordos. Jonathan, un xogador experimentado, comezou a xogar desde neno con Yu-Gi-Oh! e Pokémon, pero foi na adolescencia cando descubriu o mundo das ligas e os torneos organizados. "Foi descubrir iso e que tiña amigos que tamén xogaban o que me motivou a empezar a xogar", comenta. Esta transición dun xogo casual a unha contorna competitiva é común entre quen atopa nos TCG unha paixón duradeira.
Carlos, outro xogador que se iniciou con 18 anos, tamén comezou a súa viaxe con Yu-Gi-Oh!. Ao longo dos anos, probou numerosos xogos de cartas, tanto físicos como dixitais, e destaca que cada partida é única. "É unha combinación de sorte, habilidade e experiencia", afirma, engadindo que as comunidades adoitan ser máis sas en comparación con outros xogos competitivos.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
A COMPETITIVIDADE COMO MOTOR
A competitividade é un factor clave que atrae a moitos xogadores aos TCG. Jonathan, quen dedica preto de 20 horas semanais a xogar e practicar, non perde a oportunidade de participar en torneos sempre que o seu traballo permítello. "Posiblemente a competitividade é o que máis me pode atraer dun xogo, pero tamén o propio xogo en si, as súas mecánicas e o ser capaz de coñecer xente da miña mesma comunidade ou de fóra", explica.
Fran, un xogador que compaxina a súa afección coa vida familiar, tamén atopa nos torneos unha fonte de motivación, aínda que para el, a comunidade é o máis importante. "O que máis me motiva é a comunidade, que imos todos, axudámonos entre todos e vemos como imos mellorando xuntos", sinala.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Astora Comics (@astoracomics)
A COMUNIDADE, UN PIAR FUNDAMENTAL
A comunidade é, sen dúbida, un dos aspectos máis valorados polos xogadores de TCG. Ismael, dono de Astora Cómics en Santiago de Compostela, viu como as comunidades na súa tenda creceron e evolucionaron co tempo. "Os xogos de cartas están moi de moda nos últimos anos, ainda que sempre estiveron presentes", comenta, destacando como xogos como One Piece pasaron de ter un grupo reducido de xogadores a congregar a decenas de persoas nos seus torneos.
Para moitos xogadores, a comunidade é máis que un grupo de persoas cun interese común; é unha fonte de aprendizaxe e amizade. Carlos destaca como, na comunidade, "hoxe podes estar a aprender a xogar e mañá es ti o que está a ensinar a outro". Este intercambio constante de coñecementos é o que mantén viva a faísca nestes xogos, permitindo aos xogadores mellorar e evolucionar xuntos.
Fran, pola súa banda, valora especialmente o vínculo que se forma entre os xogadores. "Despois dunha partida, cando quedamos catro persoas falando durante 20 minutos sobre as xogadas posibles... iso é o que máis me gusta sen dúbida da comunidade", comenta. Ademáis, Fran destaca a amizade que se crea entre os xogadores, "No último torneo grande, o de Narón, cando gañou Alfonso, alegreime como se a victoria fose miña", explica. Para el, estes lazos mantéñense ao longo do tempo, mesmo cando os xogadores xa non están tan activos, demostrando que a paixón compartida polos TCG pode crear amizades duradeiras.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Astora Comics (@astoracomics)
O PAPEL DAS TENDAS
As tendas de cómics e xogos de cartas, como Astora Cómics, desempeñan un papel esencial na evolución das comunidades de xogadores. Máis aló de ser puntos de venda, convertéronse en centros de encontro onde os xogadores reúnense para compartir a súa paixón e competir en torneos. Ismael, propietario de Astora Cómics, destaca: "A xente vén, ve aos que están a xogar na nosa zona de xogo, ve que o están pasando ben, que hai bo rolo, e iso anímalles a probar."
A súa tenda organiza desde eventos casuais ata torneos de maior relevancia, adaptándose ás necesidades da comunidade. "Deseñamos un sistema para tentar que cada persoa poida participar na comunidade á súa maneira, sen sentirse forzada", explica, referíndose á variedade de actividades que ofrecen, desde torneos máis competitivos ata eventos inclusivos para xogadores novos.
Ismael agrega que as novas expansións de cartas tamén xogan un papel crucial na dinámica da tenda: "Os lanzamentos de novas coleccións adoitan ser os eventos que atraen a máis xente, mesturando aos xogadores máis comprometidos cos máis casuais." Aínda que recoñece os desafíos que pode traer o ritmo de lanzamentos, Ismael destaca que estes eventos manteñen a emoción e a frescura nos xogos de cartas.
HISTORIAS MEMORABLES
Jonathan lembra con claridade o seu primeiro torneo fóra da súa comunidade local: "Cheguei á final, e gañei en só 2 quendas. Foi unha oportunidade de demostrar que calquera mazo pode ser competitivo se se xoga con habilidade".
Para Fran, un dos seus mellores recordos foi un torneo de Yu-Gi-Oh! na Coruña, onde decidiu xunto a un amigo, que viñeran de Santiago e quedaran finalistas, recrear o estilo do anime: "Puxémonos a xogar coma se fose a serie, con esas normas raras. A xente flipaba e quedou a vernos".
Carlos tamén valora unha final na que o foco estivo na diversión máis que na vitoria: "Xogamos directamente para divertirnos, e creo que iso representa á perfección o tipo de comunidade que podes atopar nestes xogos." Estas experiencias subliñan a camaradería e a creatividade que son o corazón das comunidades de TCG.
MÁIS QUE UN XOGO
Os xogos de cartas coleccionables son moito máis que un simple pasatempo; son un mundo onde a estratexia, a competitividade e a comunidade entrelázanse para crear experiencias inesquecibles. As tendas de cómics e xogos, como Astora Cómics, xogan un papel fundamental neste ecosistema, proporcionando un espazo onde os xogadores poden crecer, aprender e, sobre todo, gozar da súa paixón compartida. Xa sexa a través de torneos épicos, tardes de xogo nunha tenda local ou discusións apaixonadas sobre a mellor xogada, os TCG lograron construír un espazo único onde a paixón polo xogo convértese nun vínculo duradeiro entre persoas de todas partes do mundo. Como ben resume Fran, "ese vínculo que fas aí, aínda que pasen moitos anos, non rompe".
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Denunciado o condutor dun camión que quedou atrancado nun túnel da Coruña
- Sanidade deixa a pelota no tellado do poder lexislativo para limitar os espazos libres de fume
- Cae á ría de Ferrol co seu coche desde a ponte das Pías, en Fene
- Familias de Vigo manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no hospital Álvaro Cunqueiro
- A Fundación contra o Narcotráfico e Procuradores piden poder manter a xestión e poxa de bens incautados
- O Sergas publica o baremo definitivo do concurso e os seleccionados como persoal estatutario fixo de enfermeiro