Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2024 | Actualizada ás 19:30
O SonRías Baixas de Bueu celebrou este martes a presentación oficial da súa 21ª edición, que reunirá a artistas como A Orella de Van Gogh, Álvaro de Luna, A A Love You, Tanxugueiras e Fillas de Cassandra, entre outros. Durante o acto, o presidente da Deputación, Luís López, definiu este festival como "moito máis que tres días de concertos", é un dos "grandes embaixadores turísticos da provincia".
O festival, que se celebrará desde o xoves 1 ata o sábado 3 de agosto, conta cun cartel de 25 bandas e artistas no que a música en galego ten especial protagonismo. Nesta liña, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a presenza de Fillas de Cassandra, Mondra, Sabela, Grande Amore, Tanxugueiras e The Rapants, "expoñentes da efervescencia da actual escena musical galega".
Na presentación tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto aos directores do festival, Jordi Lauren e Berta Domínguez, e os representantes doutras entidades e empresas colaboradoras. Durante a súa intervención, Sutil explicou que a aposta pola calidade e a sustentabilidade é o "criterio central" que define o FEST Galicia, marca creada pola Xunta para "promocionar o territorio galego como destino musical" e que, á súa vez, patrocina o Sorrías.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.