Rescatando as ameixas do río Miño: os moluscos descoñecidos de auga doce

Unhas obras xunto ao Miño en Lugo despertaron o interese sobre a poboación de ameixas de río presente no fondo do río. Para evitar danos nestes grupos de bivalvos, a Xunta realizará unha recolocación dos mesmos no mesmo río. Os bivalvos de auga doce son comúns aínda que menos coñecidos que os seus pares de auga salgada.

Por Moncho Mariño | Lugo | 08/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil anunciaba a recolocación de bivalvos presentes no lugar de Aceña de Olga, na cidade de Lugo. O motivo eran as obras de rehabilitación que se van levar adiante nesta área fluvial. Os bivalvos referidos son ameixas de río, moluscos que non son tan coñecidos como os seus parentes mariños e aínda así están presentes na maioría de grandes correntes de auga doce en Galicia, ademais, a súa presenza é un indicador do estado de saúde dos ríos, grao de polución das augas e grao de diversidade da fauna tanto acuática como terrestre nas ribeiras dos ríos.

Recollida moluscos Miño
Recollida moluscos Miño | Fonte: CHMS

BIVALVOS DE AUGA DOCE
Son pouco coñecidos mais existen numerosos sinónimos para referirse a algunhas destas especies, sobre todo á ameixa de río. “Son seres que evolucionaron de tal maneira que non tolerarían a auga de mar, aínda así, coñécense desde hai moitísimo tempo” di Ana Feiría, bióloga mariña. “A morfoloxía destes bivalvos é igual á dos seus parentes de mar só que evolutivamente adaptáronse aos lugares con auga doce”.

Entón, as especies existentes en ríos e lagoas son unha evolución dos seus pares no mar? “Todo depende das familias de moluscos, posiblemente algunhas eran especies mariñas e logo foron evolucionando até vivir en augas de ríos, lagos, lagoas, etc.” di Jorge Juan Núñez desde o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

“Estes moluscos de río son 'bioindicadores', organismos que nos axudan a saber se o estado da auga é ou non é idóneo” di Núñez quen engade: “son seres con moi pouca tolerancia aos cambios no seu hábitat”. Así, é probable que nun mesmo río nos seus tramos baixo e medio non exista a presenza de bivalvos mentres que si hai nos tramos máis altos do río. “Isto débese a antropización das beiras dos ríos, dos efectos da actividade humana”.

O traballo de recolocación no Miño pode ser unha boa solución como pode ser un fracaso pois todo dependerá de varios factores. Un deles é se os bivalvos responden de maneira positiva á nova contorna onde se deixarán, outro factor é se se colocan nunha área onde chegue a lama que poidan xerar as obras de rehabilitación. “Se son colocados río abaixo e as augas levan canda si lamas, area ou outros elementos, poderían afectar a estes seres que realmente son como filtradores de auga” di Ana Freiría. Pola contra, a recolocación río arriba ou introducir os bivalvos nunha piscifactoría “para deixalos despois no mesmo lugar, sería unha boa solución” logo de finalizar as obras de rehabilitación.

Moluscos Miño
Moluscos Miño | Fonte: CHMS


TRASLADO
Segundo o equipo científico do proxecto, o número de exemplares afectados nesta operación estaría entre 7.500 e 16.000 exemplares das especies P. littoralis e U. delphinus. Estes moluscos serán recolocados o mesmo día da súa extracción para seren levados até o novo destino. A CHMS calculou o volume idóneo de exemplares para cada un dos puntos onde serán colocados.

O risco está en se as ameixas do Miño se adaptan ao novo lugar, se son capaces de sobrevivir á nova contorna e se serán capaces de filtrar os posibles materiais que leve a auga durante as obras. “Se falamos da rehabilitación dunha parte do río no debera haber problema, mais lembremos que son animais filtradores, expulsan o material que non poden comer” di Freiría.

En principio, a manobra de recolocación non tería que presentar ningún inconveniente para os bivalvos en cuestión, pois non teñen un sistema de suxeición tal como sucede cos mexillóns mariños, que non se poden recolocar precisamente por teren un sistema de ancoraxe imposible de reproducir noutro lugar diferente de onde son retirados. Precisamente, a especie Margaritifera Margaritifera, o mexillón de río, está en perigo de extinción.

Actualmente as especies de moluscos de auga doce seguen sendo uns descoñecidos para a maioría da poboación. Á parte do seu “exotismo”, a súa gran función está en ser bioindicadores do estado das augas do río ou espazo acuático onde viven. Deste xeito, tanto a preservación da especie como dos seus hábitats serían necesarios para manter a calidade das augas sen interferencias ou intervencións humanas que os poñan en risco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta