Coñecendo a verbena galega: Kris Somad, unha artista polifacética cun característico pelo rosado

Da Cinema á Capitol, esta artista demostrou que vale para todos os estilos. O GC xa a coñece un pouquiño mellor.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 17/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Kris Somad (@krissomad) é desas grandes voces da verbena galega que todo o mundo tivo a oportunidade de escoitar algunha vez na vida. O seu paso por grandes e diversas formacións, da Cinema á Capitol, permitiu aos galegos apaixoados das orquestras ver a Kris en moi diferentes facetas e apreciar aínda máis o seu talento. Tanto che fai unha balada como unha bachata, un rock que un reggaeton. E, sobre todo, algo que nos gusta moito nas festas das pequenas vilas, interactúa co público e faino partícipe do espectáculo. É por iso que día tras día, ou mellor dito, noite tras noite, recibe o cariño de milleiros de fans que a posicionaron xa no top 50 do ranking de compoñentes de Orquestas de Galicia. Hoxe dende o Galicia Confidencial coñecemos un pouco máis quen é Kris e cales foron os seus comezos no mundo da música. Quédate con nós para saber máis sobre esta gran muller!

Kris Somad, da orquestra Capitol
Kris Somad, da orquestra Capitol | Fonte: Instagram @krissomad

"Eu comecei moi nova a facer as miñas primeiras intervencións como cantante", confesa. E é que Kris comezou na verbena "nun dúo dun familiar". Lembra que "dese dúo formaba parte o meu tío e, nun momento no que lle faltou a cantante que era a súa parella musical, a miña nai, que era a súa irmá, díxolle: para saír do paso se queres leva a Kris a cantar estes días". Entón probaron uns temas adaptados a ela, unha rapaciña de só 15 anos e "foi así como comecei neste mundiño, cantando polos centros cívicos da zona da Coruña: nos Maios, o Barrio das Flores, Os Castros...". Pero, como se lle ocorreu á súa nai que Kris podía ser boa para a orquestra? Pois porque dende ben pequena na súa casa sempre houbo música: "Na miña casa sempre houbo guitarra e música, e eu cantaba con meu irmán e chapurreaba a guitarra, gravábamos vídeos e covers".

Despois de pasar por ese dúo, xa con 16 ou 17 anos recén cumpridos, "chamoume unha orquestra da zona da Coruña, que me quedaba moi preto da casa". Como era menor de idade, "falaron primeiro con miña nai e ela preguntoume: Kris, ti queres cantar nunha orquestra? Ao que eu respodín: pois non sei". Finalmente foi coa súa nai e o seu irmán falar co xefe da orquestra e "como á miña nai lle pareceu moi boa xente e me collían e me deixaban na casa deixoume entrar a formar parte da formación, que se chamaba Trole". Kris por aquel entón non deixaba de ser unha nena que intentaba controlar como podía os nervios de ter que saltar ao escenario diante de centos de persoas. Pero tiña un truco infalible: "Como son miope e teño que usar lentillas ou gafas, para actuar non me poñía nin as unhas nin as outras, para non ver a ninguén medio coñecido entre o público, así xa vía todo borroso e quedaba máis tranquila, cantaba o tema que me tocaba e ao rematar daba as grazas timidamente e botabame para atrás", chancea.

"CANDO FICHEI POR CINEMA TIÑA XA OS BILLETES PARA TENERIFE E LEVEIME O ORDENADOR PARA ENSAIAR"

Nesa orquestra pasou a frioleira de 8 tempadas, porque "estaba moi a gusto, era moi familiar todo". Despois deu o salto a outra orquestra da zona de San Clemente, chamada Ciudad Cristal, na que pasou dous anos, "tamén do mesmo estilo, moi familiar, cun xefe que era moi campechano e moi bo comigo". Foi en Ciudad Cristal onde Kris considera que "comecei a soltarme máis, a falar coa xente, a presentar algúns temas...". De aí estivo un aniño en Foliada, outra orquestra da súa zona e, tras iso, chegou o seu gran reto: incorporarse ás filas da orquestra Cinema. "Ese si que xa foi o salto para unha grande orquestra, de renome, cun repertorio tamén moi diferente ao que eu estaba acostumada, máis centrada no espectáculo e na música de actualidade, e para min foi un reto grande", confesa a artista, que lembra que cando lle comunicaron a oportunidade, "eu xa tiña os billetes comprados para irme de vacacións a Tenerife, e tiven que levarme o ordenador para ensaiar os bailes e os temas, porque cando vas a unha orquestra grande sempre queres dar todo o mellor de ti".

Kris Somad, da orquestra Capitol
Kris Somad, da orquestra Capitol | Fonte: Instagram @krissomad

"A CAPITOL TEN UN PÚBLICO MOI FIEL, MOITAS CARAS DAS QUE VEXO AGORA SON AS MESMAS QUE VÍA CANDO COMECEI HAI CATRO ANOS"

E, da Cinema, tras un aniño, chegou á Capitol, onde leva xa catro anos, case para cinco. Kris asegura que "é moi diferente á Cinema, teñen estilos moi diferentes, a Capitol é unha orquestra bastante máis clásica de repertorio", aínda que "o traballo e a esixencia que hai que facer é practicamente o mesmo", porque ao final tamén se trata dunha formación que ten datas durante todo o ano, sen parar durante o inverno. Hoxe por hoxe, tamén no papel de presentadora, Kris convertiuse na cara feminina indiscutible da orquestra Capitol, e ten moitos fans que a seguen aló por onde vai, aos cales lles agradece moito o cariño: "A Capitol ten un público moi fiel, diso deime conta nestas catro tempadas, porque vexo que moito público que temos agora é o mesmo que o que estaba o primeiro día cando cheguei". Un público "moi fiel" e "que mesmo me escriben e me traen agasallos". Por exemplo, comenta entre risas que "mesmo me traen tomates e froita fresca da horta", algo co que se amosa encantada.

Botando a vista atrás, e con máis nunha década dentro do mundo da verbena galega, Kris case non pode crer a onde chegou, pois en ningún momento, cando comezou no dúo con seu tío cando tiña 15 aniños, se podía imaxinar vivir toda a vida da música. "A música sempre me gustou e tiña claro que quería que me acompañara na miña vida, pero nunca imaxinei que o fixese desta maneira, puidendo vivir dela, e agora xa levo moitísimos anos vivindo só de cantar coa orquestra, polo que me sinto unha privilexiada", confesa Kris, que asegura que "para min é unha sorte moi grande".

"O VERÁN É MOI LONGO E HAI QUE ADAPTAR OS TEMAS DE MANEIRA CÓMODA PARA PODER FACELOS BEN DURANTE MOITOS DÍAS SEGUIDOS"

No tocante ao repertorio, explica que a Capitol conta con dous tipos de público bastante diferenciados: o primeiro pase adoita ser para a xente máis veterana, máis bailadora e máis clásica; e o segundo pase é máis para a xuventude, con temas de actualidade. Se tivese que dicir unha das cancións que máis demandan, Kris ten claro que nestes momentos esa é 'Potra Salvaje', porque "se non lla tocas semella que non estiveches na festa". Con todo, afirma que "a sorte que temos na Capitol é que temos bastantes horas de repertorio e, segundo o público que estea no campo da festa, ímonos adaptando". É dicir, "temos un listado de repertorio fixo, pero dependendo de se hai máis xuventude no público ou menos podemos ir cambiando, por exemplo, adiantando media horiña os temas de actualidade". Iso é o bo de ter tantas horas de repertorio ensaiadas.

Pero poder chegar a facer iso non é nada fácil, porque hai moito ensaio detrás. "Capitol xa é unha orquestra que non para durante o inverno, segue traballando, polo que as fins de semana de inverno, cando outras formacións poden ensaiar, nós imos polas salas de festas e restaurantes, o que nos obriga a ensaiar un día á semana polo menos no inverno", explica Kris, que expón que "non todo é só o que se ve no verán, hai que traballar tamén durante o inverno, e quedar moitos días de ensaio: primeiro os cantantes, logo quedan os músicos, logo xuntámonos todos para empatar...". E tamén "hai que montar temas, porque ás veces hai que facer arreglos, sobre todo no tono, porque o verán é moi longo e hai que adaptar os temas de maneira cómoda para poder facelos ben durante moitos días seguidos". Kris apunta que "igual agora colles un tema para lucirte moito e o das cantado perfectamente, pero cando chega agosto e 25 días seguidos de actuacións, ao décimo, xa che tira". 

Kris Somad, da orquestra Capitol
Kris Somad, da orquestra Capitol | Fonte: Instagram @krissomad
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta