Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2024 | Actualizada ás 19:14
A Xunta traballa nos preparativos para construír o futuro edificio do Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) tras a captación de 47,7 millóns de euros de fondos europeos. Con estes fondos do mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, o Executivo galego construirá un edificio para albergar as novas infraestruturas coas que contará o CESGA.
"O novo edificio debe incorporar unha serie de características técnicas singulares, propias deste tipo de infraestruturas, polo que xa estamos a dar os primeiros pasos de análises coa valoración de distintas localizacións e parcelas", afirmou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, na reunión de traballo mantida este venres.
Na xunta, que forma parte da rolda de contactos para coñecer outras experiencias de éxito relacionados con data center noutros países, participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o director do CESGA, Lois Orosa, e o CEO da empresa B-Global, Lluis Gironella.
A actuación suporá un importante incremento da capacidade de cálculo e almacenamento científico do CESGA, o que permitirá que a comunidade científica galega e o CSIC que avancen máis rapidamente na xeración de coñecemento e na innovación en practicamente todos os ámbitos de investigación. "Este fito mostra a gran calidade e a competitividade do proxecto do CESGA e o liderado de Galicia neste ámbito", destacou Román Rodríguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.